A escultura, obra do escultor berciano Felipe Hoyos, érguese na Praza da Estación
•A iniciativa partiu da Asociación de Amigos do Ferrocarril de Monforte •A inauguración da estatua ó ferroviario contou coa presencia de autoridades provinciais e dos concellos da comarca de Lemos e Quiroga, así como dun nutrido público • A continuación, 15 ferroviarios xubilados foron homenaxeados nun acto en La Fraternal, onde lles foron entregadas unha placa e unha insignia conmemorativas

Unha estatua de pedra reconstruída testemuña dende primeiros de setembro o recoñecemento e a gratitude de Monforte de Lemos ós seus ferroviarios. A escultura, obra do artista berciano Felipe Hoyos, amosa como señas da identidade ferroviaria o característico cesto de vimbio, o farol e as travesas do tren.

Según explicaba o presidente da Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril-Amafer, Fermín Avellaneda, “a intención desta escultura é dar recoñecemento ó gran entendemento que houbo sempre entre Monforte e o ferrocarril”, xa que, como lembra Avellaneda, “o tren convertiu a Monforte en cidade, e ós seus habitantes en cidadáns en sentido amplo” dende que en 1883 se inaugurara a liña que unía Galicia coa Meseta, “e o tren convertiuse nunha ventana de Galicia á modernidade”.

A escultura, que rondou os 6.000 euros, financiouse por suscrición popular, e coa aportación dos concellos de Quiroga, Pantón, Sober e Ribas do Sil, así como coa colaboración do Concello de Monforte para a celebración do acto inaugural, e co apoio da Deputación de Lugo.

HOMENAXE A 15 XUBILADOS DA RENFE DE MONFORTE
Manuel González Rodríguez, Carmen Arias Somoza, Antonio Calvo Fernández, Manuel Doce Rodríguez, José Doce Casanova, Arturo Ferreiro Castelo, Antonio Rodríguez Rodríguez, Germán González Armesto, Manuel Rodríguez Casanova, Pedro Álvarez Castro, Óscar Castro López, Sixto Enríquez Barreira, Antonio Díaz Casar, Luis Rigueira Lagoa e José Fernández Aira foron os ferroviarios xubilados que o pasado 1 de setembro, e logo da inauguración da escultura ó ferroviario, foron homenaxeados nun emotivo acto celebrado en La Fraternal de Monforte.

AGRADECEMENTO DUNHA CIDADE ÓS FERROVIARIOS
Nados entre 1916 e 1932, estes ferroviarios recibiron o agradecemento das autoridades presentes, como o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, quen, tras ler un por un os nomes dos homenaxeados, agradeceulles o seu esforzo e sacrificio, e lembroulles que “Monforte e o mundo enteiro precisan xente como vós”. O acto rematou coa actuación da Coral Polifónica de Monforte.





