Monumento a un pobo

A escultura, obra do escultor berciano Felipe Hoyos, érguese na Praza da Estación

•A iniciativa partiu da Asociación de Amigos do Ferrocarril de Monforte •A inauguración da estatua ó ferroviario contou coa presencia de autoridades provinciais e dos concellos da comarca de Lemos e Quiroga, así como dun nutrido público • A continuación, 15 ferroviarios xubilados foron homenaxeados nun acto en La Fraternal, onde lles foron entregadas unha placa e unha insignia conmemorativas

A estatua coa que Monforte rinde perpetuo homenaxe ós ferroviarios foi inaugurada na Praza da Estación. EC.

Unha estatua de pedra reconstruída testemuña dende primeiros de setembro o recoñecemento e a gratitude de Monforte de Lemos ós seus ferroviarios. A escultura, obra do artista berciano Felipe Hoyos, amosa como señas da identidade ferroviaria o característico cesto de vimbio, o farol e as travesas do tren.

O presidente de Amafer, Fermín Avellaneda, durante a súa intervención tralo descubrimento da escultura ós ferroviarios, na Praza da Estación, acompañado polo presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez; o voceiro socialista no concello, José Tomé; a voceira do PP no concello, Julia Rodríguez Barrera; e o ferroviario xubilado José Gonda. EC.

Según explicaba o presidente da Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril-Amafer, Fermín Avellaneda, “a intención desta escultura é dar recoñecemento ó gran entendemento que houbo sempre entre Monforte e o ferrocarril”, xa que, como lembra Avellaneda, “o tren convertiu a Monforte en cidade, e ós seus habitantes en cidadáns en sentido amplo” dende que en 1883 se inaugurara a liña que unía Galicia coa Meseta, “e o tren convertiuse nunha ventana de Galicia á modernidade”.

Imaxe do público que seguiu o acto na Praza da Estación de Monforte. EC.

A escultura, que rondou os 6.000 euros, financiouse por suscrición popular, e coa aportación dos concellos de Quiroga, Pantón, Sober e Ribas do Sil, así como coa colaboración do Concello de Monforte para a celebración do acto inaugural, e co apoio da Deputación de Lugo.

Os quince ferroviarios xubilados, na foto de familia da homenaxe que recibiron en La Fraternal, organizado por Amafer en colaboración co Concello de Monforte. EC.

HOMENAXE A 15 XUBILADOS DA RENFE DE MONFORTE

Manuel González Rodríguez, Carmen Arias Somoza, Antonio Calvo Fernández, Manuel Doce Rodríguez, José Doce Casanova, Arturo Ferreiro Castelo, Antonio Rodríguez Rodríguez, Germán González Armesto, Manuel Rodríguez Casanova, Pedro Álvarez Castro, Óscar Castro López, Sixto Enríquez Barreira, Antonio Díaz Casar, Luis Rigueira Lagoa e José Fernández Aira foron os ferroviarios xubilados que o pasado 1 de setembro, e logo da inauguración da escultura ó ferroviario, foron homenaxeados nun emotivo acto celebrado en La Fraternal de Monforte.

O presidente de Amafer, Fermín Avellaneda, entregou a placa conmemorativa a un dos xubilados homenaxeados. EC.

AGRADECEMENTO DUNHA CIDADE ÓS FERROVIARIOS

Nados entre 1916 e 1932, estes ferroviarios recibiron o agradecemento das autoridades presentes, como o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, quen, tras ler un por un os nomes dos homenaxeados, agradeceulles o seu esforzo e sacrificio, e lembroulles que “Monforte e o mundo enteiro precisan xente como vós”. O acto rematou coa actuación da Coral Polifónica de Monforte.

Os homenaxeados recibiron os seus recoñecementos da man de diversas autoridades, como o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. EC.

 

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, fixo entrega dos recoñecementos á única muller homenaxeada neste acto, Carmen Arias Somoza. EC.

 

O alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, na entrega das placas conmemorativas. EC

 

O voceiro socialista no Concello de Monforte, José Tomé, entrega unha das placas conmemorativas ós xubilados homenaxeados. EC.

 

A portavoz do Partido Popular no Concello de Monforte e deputada autonómica Julia Rodríguez Barrera participou na homenaxe ós ferroviarios. EC.

 

O presidente de Amafer, Fermín Avellaneda, entregou unha placa ó alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, en recoñecemento ó apoio da institución municipal ás actividades da Asociación. A Deputación de Lugo, na persoa do seu presidente, tamén foi agasallada con este recoñecemento. EC.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Tor, un museo que xera arte dende a natureza

Seguinte Nova

Sarria organiza as Actividades de Conciliación para este curso

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: