A programación remata o 15 de setembro

Como vila xacobea, Sarria está a participar de cheo na programación Música no Camiño, unha proposta de colaboración con Turismo de Galicia e os concellos do Camiño Francés para promover a distribución do produto musical galego ó longo do trazado deste itinerario cultural. Os grupos de música tradicional da vila son os encargados de amenizar as tardes estivais a partir das nove da noite e ata o 15 de setembro, nunha programación que está a conciliar un nutrido público, entre veciños e visitantes, nas principais prazas de Sarria.
CONCERTOS DE BALDE NAS PRINCIPAIS PRAZAS DE SARRIA
As actuacións de Música no Camiño comezaron o pasado 16 de agosto, coa actuación da Escola Municipal de Música de Sarria no Paseo do Malecón. Ademais desta agrupación musical, tamén estan a participar neste programa sonoro en espazos abertos a Agrupación Folclórica Meigas e Trasgos, o Coro Sarricanta, a Agrupación Folclórica Peleriños e a Coral Polifónica Municipal de Sarria. Todas as actuacións son de libre acceso, sen cobro de entrada, e están a celebrarse na Praza da Constitución, o Paseo do Malecón, e a Praza de Juan Mª López, diante da igrexa da Santa Mariña.
DATAS DOS CONCERTOS DE SETEMBRO
Os últimos concertos do programa Música no Camiño en Sarria celebraranse o mércores 11 de setembro na Praza da Constitución, a cargo da Coral Polifónica Municipal de Sarria; o xoves 12, diante da igrexa da Santa Mariña, coa actuación da Agrupación Folclórica Meigas e Trasgos; o venres 13, no Paseo do Malecón, cando o Coro Sarricanta amenizará a tardiña coa súa interpretación; e o domingo 15 rematará o ciclo no Paseo do Malecón, coa actuación da Agrupación Folclórica Peleriños.
DIFUSIÓN NA WEB DO XACOBEO
Co fin de dar unha maior difusión a estas actividades, os concertos de Sarria, xunto cos das restantes vilas do Camiño Francés, están a ser promocionados dende a páxina web da S.A.de Xestión do Plan Xacobeo, www.xacobeo.es, unha plataforma dixital que recolle todos os eventos vinculados á cultura e ó turismo nas diferentes rutas do Camiño de Santiago.