Música no Camiño enche de sons tradicionais as prazas de Sarria

A programación remata o 15 de setembro

O Coro Sarricanta ofreceu cinco actuacións dentro do programa Música no Camiño, como a celebrada na sarriana Praza da Constitución o 29 de agosto. EC.

Como vila xacobea, Sarria está a participar de cheo na programación Música no Camiño, unha proposta de colaboración con Turismo de Galicia e os concellos do Camiño Francés para promover a distribución do produto musical galego ó longo do trazado deste itinerario cultural. Os grupos de música tradicional da vila son os encargados de amenizar as tardes estivais a partir das nove da noite e ata o 15 de setembro, nunha programación que está a conciliar un nutrido público, entre veciños e visitantes, nas principais prazas de Sarria.

CONCERTOS DE BALDE NAS PRINCIPAIS PRAZAS DE SARRIA

As actuacións de Música no Camiño comezaron o pasado 16 de agosto, coa actuación da Escola Municipal de Música de Sarria no Paseo do Malecón. Ademais desta agrupación musical, tamén estan a participar neste programa sonoro en espazos abertos a Agrupación Folclórica Meigas e Trasgos, o Coro Sarricanta, a Agrupación Folclórica Peleriños e a Coral Polifónica Municipal de Sarria. Todas as actuacións son de libre acceso, sen cobro de entrada, e están a celebrarse na Praza da Constitución, o Paseo do Malecón, e a Praza de Juan Mª López, diante da igrexa da Santa Mariña.

DATAS DOS CONCERTOS DE SETEMBRO

Os últimos concertos do programa Música no Camiño en Sarria celebraranse o mércores 11 de setembro na Praza da Constitución, a cargo da Coral Polifónica Municipal de Sarria; o xoves 12, diante da igrexa da Santa Mariña, coa actuación da Agrupación Folclórica Meigas e Trasgos; o venres 13, no Paseo do Malecón, cando o Coro Sarricanta amenizará a tardiña coa súa interpretación; e o domingo 15 rematará o ciclo no Paseo do Malecón, coa actuación da Agrupación Folclórica Peleriños.

DIFUSIÓN NA WEB DO XACOBEO

Co fin de dar unha maior difusión a estas actividades, os concertos de Sarria, xunto cos das restantes vilas do Camiño Francés, están a ser promocionados dende a páxina web da S.A.de Xestión do Plan Xacobeo, www.xacobeo.es, unha plataforma dixital que recolle todos os eventos vinculados á cultura e ó turismo nas diferentes rutas do Camiño de Santiago.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os vales para material escolar do Concello de Monforte poderán facerse efectivos nas librerías ata o 30 de setembro

Seguinte Nova

A aldea quiroguesa de A Seara, esceario da entrega dos premios Alecrín 2013

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: