O parque de bombeiros de Monforte reforza as súas dotacións materiais

•O Consorcio Provincial de Bombeiros destina máis de 80.000 euros a este concepto •Xunta de Galicia e Diputación de Lugo asumirán este investimento ó 50% •Adquirirase mobiliario e faranse melloras nas instalacións, ademais de traxes de protección e equipos de respiración autónoma, entre outros

O último Pleno ordinario do Consorcio Provincial de Bombeiros, celebrado en Lugo o pasado 26 de agosto, aprobou as novas dotacións para o Parque Comarcal de Monforte. GPVX.

O Parque de Bombeiros de Monforte está a piques de cumplir o seu primeiro ano dentro do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, ó que tamén pertencen os parques de Sarria e de Chantada. Aínda que «a pleno rendemento e plenamente operativos» coas dotacións existentes, según precisa a xefe do Parque monfortino, Mar Domínguez, estas instalacións están a recibir unha serie de melloras, referidas sobre todo ás dotacións do edificio e a mobiliario, coas que «se complementará este Parque para contar coas mesmas características que o resto dos comarcais», explica Domínguez.

MOBILIARIO, DOTACIÓNS PARA O EDIFICIO E FERRAMENTAS DE TRABALLO

Máis de 80.000 euros será o investimento co que o Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo adquirirá unha serie de equipamentos e dotacións para as instalacións de Monforte, logo de ser aprobado no último pleno ordinario do pasado 26 de agosto. Estas melloras irán destinadas, según explica a xefe do Parque de Monforte, sobre todo a mobiliario; «o que había ata agora era o de antes, e aínda que se fixo unha aportación facía falta poñer algo máis para ser un parque comarcal», precisa Domínguez. A primeira actuación do Consorcio Provincial incluíra un investimento de 90.000 euros para a realización de obras de mellora neste parque, e a aportación actual vai destinada a completar a dotación dos espazos. Así, adquiriranse armarios para o arquivo, mobiliario de oficinas, instalacións nos vestiarios, ou máquinas de mantemento físico para a plantilla, entre outros equipamentos «nos que había algunhas carencias». Mar Domínguez explica tamén que con este investimento, o Consorcio Provincial de Bombeiros dotará á sede de Monforte de máis equipos de respiración autónoma e máscaras, «o que non é unha partida extraordinaria, senón un complemento propio dentro do equipamento dos parques comarcais». Asimesmo, a plantilla de Monforte disporá de novos traxes de protección, que incorporan resistencia química e biolóxica, o que ofrece ós traballadores «un maior rango de actuación» ante calquer incidencia.

Con estas melloras, o Parque de Monforte «equipárase totalmente» ós de Sarria e Chantada, dependentes do Consorcio, según suliña Mar Domínguez, xefe do Parque de Bombeiros de Monforte. Arquivo EC.

COMPLETA DOTACIÓN DUN PARQUE COMARCAL PARA MONFORTE

Estas medidas veñen a completar o equipamento xeral que o Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo está a dispoñer nos tres parques de Sarria, Chantada e Monforte. «O vehículo que recibimos no mes de xullo», explica Mar Domínguez en referencia o camión BUL para o que o Consorcio Provincial destinou 275.500 euros, «foi unha mellora considerable, porque incluía todo o equipamento dun vehículo destas características, e ademais con dobre cabina, de xeito que podía trasladar máis persoal nun só coche ó punto de actuación, sen ter que mobilizar outro vehículo». Neste sentido, Domínguez suliña que «o Consorcio está poñendo todas as opcións para adecuar a Monforte ós outros dous parques comarcais da provincia».

BALANCE DE ACTUACIÓNS EN 2013

Dende xaneiro de 2013, o Parque Comarcal de Bombeiros de Monforte realizou un total de 88 intervencións, cunha media de 10 intervencións ó mes. Aínda que de tipoloxía variada, as incidencias rexistradas no servizo de emerxencias do Parque de Monforte refírense sobre todo á área da cidade. A intervención máis frecuente refírese a incendios en vivendas de Monforte, cun 22% do total deste ano; esta mesma porcentaxe contabilizan no apartado de varios, que aglutina intervencións sen pauta específica. Asimesmo, os incendios en papeleiras ou contenedores supuxeron un 11% das saídas dos bombeiros de Monforte, mentres que un 16% do total do ano referíronse a rescate de persoas tanto en vivendas como en lugares de difícil acceso. O verán tamén ocupou unha parte do traballo dos bombeiros do Parque de Monforte, cun 8% das intervencións deste ano, e nunha mesma porcentaxe se contabilizaron as saídas para limpeza de estradas por derrame de vehículos. Os viais e o tráfico tamén centraron as tarefas do servizo comarcal de bombeiros de Monforte, cun 7% das intervencións destinadas a excarcelación de persoas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Completado o acondicionamento de estradas provinciais en 54 concellos

Seguinte Nova

Preto de medio millar de solicitudes para o plan provincial Satelíz@ate

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: