O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte, a través da súa voceira, Julia Rodríguez, agradeceu que a cidade fose un dos dez municipios lucenses incluídos no Plan Renove das estacións de autobuses. Este Plan plurianual, que comeza con actuacións en 37 concellos, conta cun investimento para este ano de preto de 1,6 millóns de euros. A voceira do PP monfortino asegurou que “unha vez máis o compromiso do Goberno galego con Monforte amósase firme e decidido”. Julia Rodríguez insistiu en que este compromiso “non só se manifesta a través dunha intervención que permitirá mellorar as instalacións e servizos da dársena, senón a través da súa actuación no porto seco, na potabilizadora ou nas recentes xestións en relación coas obras nas marxes do río Cabe”.
Pola súa banda, dende o PP chantadino, a través do seu presidente, Javier Rodríguez Medela, amosaron tamén o seu agradecemento á Xunta por incluír á estación de autobuses de Chantada no plan de melloras. As actuacións previstas nas estacións de autobuses incluirán arranxos en cubertas e paramentos, patios de manobra, escaleiras mecánicas ou ascensores, así como pintado de paredes ou substitución de asentos. Tamén se potenciará a accesibilidade e a mellora da información aos usuarios, e o fomento de novos usos nas estacións, como espazos wifi e de lecer e a ocupación dos locais con oficinas municipais, de información turística, ou expositores de artesanía, así como puntos de encontro.