O salto de Belesar cumpre 50 anos

Reflexións sobre unha obra civil que cambiou a paisaxe e a vida de Chantada

O chantadino Afonso Eiré durante a presentación do seu libro “Belesar, orgullo de España, coa presencia do rexedor local e o editor. EC

O 10 de setembro de 1963 quedaba inaugurado o salto de Belesar, unha obra que supuxo un progreso na enxeñería civil a nivel mundial, pero que tamén determinou o final da historia para preto dunha vintena de aldeas das ribeiras do Miño nos concellos de O Saviñao e Chantada.

“ASOLAGADOS”, UN FILME SOBRE A MEMORIA DOS POBOS ANEGADOS

A memoria daquelas vizosas terras desaparecidas e das súas xentes, que deberon buscar dun día para outro un novo acomodo, foi recollida cincuenta anos despois no documental “Asolagados”, realizado polo equipo denominado “Coa auga ó pescozo”, un grupo multidisciplinar de chantadinos que presentaron este filme o pasado 14 de agosto, durante a XX Semana de Cinema de Chantada. De xullo a decembro de 2011, o equipo dirixido por David Vázquez, e integrado por Luis A. García no son, Humberto Novoa á cámara e Cristina López na produción, estiveron grabando un gran número de lugares anegados ó longo do encoro, aproveitando esta baixada histórica do nivel da auga. Asimesmo, o documental incorpora as entrevistas realizadas a dez testemuñas naturais das vilas anegadas, que contan a súa experiencia vital neste núcleos, e como foi o seu sentimento ó ter que abandoalos.

Imaxe do público que encheu o Casino de Chantada na presentación de Eiré. EC.

“BELESAR, ORGULLO DE ESPAÑA”, UN LIBRO QUE CUBRE UN OCO HISTÓRICO SOBRE A PRESA E AS SÚAS CLAVES

Pola súa banda, o escritor e periodista chantadino Afonso Eiré, que realizou o guión para o documental do equipo “Coa auga ó pescozo”, firmou tamén nestas datas o libro “Belesar, o orgullo de España”, editado por Hércules Ediciones. Esta obra foi presentada no Casino de Chantada o pasado 22 de agosto, coa participación do alcalde, Manuel Varela, e o editor, o taboadés Francisco Rodríguez Iglesias, quen cualificou o libro de “repaso antropolóxico da historia de Galicia”, e destacou que co salto “marchou unha beleza, a dos pobos, pero apareceu outra, a da presa, e cómpre poñela en valor”.Pola súa banda, Afonso Eiré explicou que a orixe deste libro foi unha serie de conferencias sobre historia de Chantada nas que participou, e onde comprobou que non existía ningún estudio sobre o salto de Belesar. O escritor chantadino destacou a importancia desta obra civil, “que en enxeñería supuxo o mesmo avance que na arte o paso do románico ó gótico”, e analiza no libro tanto as características técnicas do salto como a historia da súa edificación. Con este libro, Eiré trata ademais de poñer sobre a mesa o debate sobre os pros e contras do salto de Belesar, “e tomar conciencia do que puido ser e non é”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os traballos da artista monfortina Adriana Gómez, no Círculo Saviñao

Seguinte Nova

O termalismo confirma o seu tirón na provincia

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: