•O programa Termalismo no Camiño, promovido pola Deputación de Lugo, cubriu nun só mes o 50% das prazas •O programa ofrece importantes descontos para lucenses maiores de 50 anos en tratamentos de saúde nos balnearios de Augas Santas, Río Pambre, Guitiriz e Romano de Lugo
Conxugar saúde e turismo é a fórmula do programa Termalismo no Camiño, unha iniciativa posta en marcha este verán pola Deputación de Lugo, e que ofrece 1.200 prazas en balnearios lucenses situados ao pé dos Camiños Francés, Primitivo, de Inverno e Norte a Santiago.
ALGÚNS BALNEARIOS DEBERON AUMENTAR AS PRAZAS PREVISTAS POLA GRAN DEMANDA
Dende que se abrira o prazo de inscripcións hai un mes, xa están inscritos máis de 600 participantes, o que demostra o éxito desta proposta de ocio e saúde destinada ós lucenses maiores de 50 anos. Según explicaron os responsables deste programa, a demanda superou amplamente as expectativas, ata o punto de que algúns balnearios tiveron que aumentar as prazas previstas para poder dar resposta ó número de solicitudes recibidas.
IMPORTANCIA DO TURISMO TERMAL Ó LONGO DE TODO O ANO EN GALICIA
O turismo vinculado ós balnearios está a despuntar en Galicia como un importante atractivo para os visitantes. Según explicou o presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, “preto de 150.000 persoas achéganse a Galicia para beneficiarse da súa riqueza mineromedicinal, xa que conta con sete dos oito tipos de augas medicinais que existen”, e que en cifras supoñen “unha facturación anual duns 126 millóns de euros”. Gómez Besteiro suliñou asimesmo a particularidade de que os balnearios da provincia de Lugo contan co atractivo de estar situados ao pé dos 800 quilómetros de rutas xacobeas que discurren polo seu territorio, “o que converte á nosa provincia nun destino de indubidable interese para este tipo de turismo desestacionalizado, tanto a nivel nacional como internacional”. Asimesmo, o mandatario provincial destacou ós balnearios como “exemplo de modelo de empresa sostible, xa que garanten o futuro do recurso termal e fixan poboación ó xerar emprego local”.
TERMALISMO NO CAMIÑO ATA FINAIS DE ANO
Este programa de turismo e saúde vai dirixido ós lucenses maiores de 50 anos, que poderán beneficiarse de importantes descontos en estadías e tratamentos de saúde nos balnearios de Augas Santas, Guitiriz, Río Pambre e Romano de Lugo, ata o 31 de decembro deste ano. O paquete turístico inclúe unha estancia de seis días con cinco noites, con chegada en domingo e saída en venres; cinco pensións completas con cea e aloxamento o día de entrada e almorzo e comida o día de saída, así como o acceso a oito técnicas de balneario e un recoñecemento médico á chegada. Asimesmo, a estancia inclúe un programa de animación cultural de luns a xoves. Dende a Deputación de Lugo informaron de que o prazo de inscripción estará aberto ata finais de ano. Ademais, os interesados deberán realizar directamente as inscricións, xa que non se atenderán as realizadas a través de Concellos ou entidades. A documentación deberá presentarse no rexistro xeral da Deputación, xunto cun certificado de empadroamento e unha fotocopia do DNI. Unha vez seleccionados, os participantes ou ben os seus familiares directos deberán recoller na Deputación, no Servizo de Relacións Institucionais, os bonos que presentarán no balneario seleccionado. Os interesados poden contar con máis información no teléfono 982 260 075.