Dous concellos da comarca de Sarria, e dous da de Chantada forman parte dos 21 municipios que no vindeiro curso recibirán axudas da Xunta para desenvolver programas que reduzan as taxas de fracaso e abandono escolar. Sarria, Láncara, Chantada e Taboada intégranse nos 144 concellos galegos que se beneficiarán das 554 actividades de apoio e reforzo educativo ás que se destinan estas subvencións.
UN 24% MÁIS DE PRESUPOSTO PARA ESTAS ACTIVIDADES
En total, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inviste 1.697.517 euros neste programa, o que supón un incremento dun 24% con respecto ó ano pasado, e que beneficiará a máis de 50.000 escolares galegos, 10.000 máis que na convocatoria anterior, ó incorporar ó programa a outros 12 concellos. Segundo informaron dende a Consellería de Cultura e Educación, estas actividades van destinadas ao alumnado de terceiro e cuarto de ESO ou de Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) en risco de exclusión social, aquel que presenta altos índices de absentismo ou o que ten un elevado fracaso escolar. Ademais, as actividades tamén van dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 24 anos que abandonaron o sistema educativo sen acadar a titulación de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou superior.