O pelotón seguiu por Monforte e Quiroga antes de saír por terras ourensás
Galicia protagonizou os primeiros compases de La Vuelta Ciclista a España 2013, un dos eventos deportivos con máis repercusión internacional. Nas primeiras cinco etapas deste circuíto, as catro provincias galegas foron o escenario do paso da serpe multicolor de dúas rodas, que percorreu as terras lucenses pola Ribeira Sacra. Sober, Monforte e Quiroga compuxeron o trazado inicial da quinta etapa de La Vuelta, o pasado 28 de agosto, deixando a súa pronta inolvidable nas tres vilas do sur lucense.
A CAPITALIDADE DE SOBER, «TOMADA» POLO CICLISMO
A capital soberina amenceu o martes 28 cortada ó tráfico para garantir o correcto desenvolvemento da proba ciclista, que incluso se impuxo á feira do mes, que se trasladou ó día seguinte. Visitantes e curiosos dispuxeron de varios aparcadoiros habilitados á entrada da capitalidade, que permaneceu literalmente tomada polos vehículos da organización do evento, así como dos patrocinadores comerciais. A resposta dos veciños foi espectacular, enchendo o centro da vila en torno á carpa vip instalada na Praza do Campo da Feira, e engalanando balcóns e ventanas con bandeiras para despedir ós vintedous equipos participantes en La Vuelta.
SAÍDA NEUTRALIZADA ATA MONFORTE
A Praza do Campo da Feira acolleu o control de firmas dos corredores participantes, que tomaron a saída ás 12,55 horas pola rúa do Comercio, subindo pola rúa de Mina, e seguindo polo Camiño do Palacio ata enlazar coa rotonda da estrada de Monforte a través da estrada de Gundivós. A carreira circulou neutralizada por todo o tramo urbano soberirno e ata a parroquia monfortina de Piñeira, ata o enlace coa estrada do Polígono do Reboredo, onde o pelotón comezou a saída lanzada logo de acceder á N-120 en dirección Ponferrada.
QUIROGA, DESPEDIDA LUCENSE A LA VUELTA 2013
En torno ás dúas da tarde, o pelotón multicolor fíxose ver polo centro de Quiroga, entrando pola rúa Real e continuando cara A Rúa de Petín polo Toucedo. Quiroga deu a despedida lucense a La Vuelta 2013, logo do paso dos ciclistas polo túnel de Montefurado para entrar na provincia de Ourense. Tras deixar atrás o Alto do Covelo, A Gudiña e o Alto do Padornelo, a etapa rematou no Lago de Sanabria, en Zamora, co triunfo do australiano Michael Matthews.
A GASTRONOMÍA DE LUGO PERCORRE ESPAÑA CON LA VUELTA
A gastronomía lucense é un dos grandes atractivos para os visitantes que chegan a Galicia cada ano. Dar a coñecer a calidade da nosa cociña, así como a nosa provincia como destino turístico, está a ser o obxectivo da campaña “E para comer, Lugo”, que a Asociación Provincial de Hosteleiros de Lugo (APEHL) desenvolve en cada unha das etapas de La Vuelta 2013. A parada en Sober da “volta” dos sabores lucenses contou coa visita de excepción do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do conselleiro de Economía e Industria, o monfortino Francisco Conde, así como a delegada territorial da Xunta en Lugo, a soberina Raquel Arias, e o rexedor local, Luis Fernández Guitián. Dado que Sober foi o punto de partida da única etapa lucense da proba, os organizadores de “E para comer, Lugo” ofreceron ós visitantes varias suxerencias culinarias representativas da cociña lucense elaboradas por sete cociñeiros procedentes dos restaurantes El Grelo e Espazo Gastronómico Picota, ambos de Monforte, e Dona Branca, do Palacio de Sober, así como da Escola de Hostelería de Sober, con gran éxito de acollida.•