O Museo Pazo de Tor acolleu unha Residencia Artística aberta con creadores de toda España
•Once creacións, deseñadas específicamente para ser elaboradas neste espazo, están expostas en Tor ata finais de mes •119 proxectos optaron a esta Residencia Artística, promovida pola área de Cultura provincial •Os participantes destacan as sinerxias entre os artistas, e o achegamento á creatividade para os cidadáns, así como a recuperación da natureza e a revitalización dos espazos

“O mellor que lle pode pasar a un museo é estar vivo, crear as obras dentro del e por el”, explica o artista berciano Lemuel Quiroga, un dos once participantes na Residencia Artística desenvolvida no Museo Pazo de Tor dentro do programa EnredArte. Esta iniciativa, promovida dende a Área de Cultura da Deputación de Lugo a través da Rede Museística provincial, pretendía poñer en valor a natureza a través da arte, polo que se convocou unha selección de proxectos especificamente deseñados para ser creados no entorno medioambiental do Pazo de Tor, “integrándose nel, explicándoo, sentíndoo e, polo tanto, dándolle vida e actualizándoo”, según explicou Pilar Sánchez, coordinadora da Residencia.

A ARTE, CHAVE PARA VIVIR A NATUREZA
Do 20 ó 25 de agosto, o Museo Pazo de Tor cobrou vida por obra e gracia da arte, que brotaba do entorno natural a través das mans, dos aparellos e do maxín dos artistas alí congregados. As madeiras recollidas nas árbores da zona foron convertidas en cortalumes acústico por Lemuel Quiroga para preservar á natureza dos ruídos da civilización mal entendida (proxecto “Árbore sonora”). A ruda terra resecada pola ominosa calor deste verán foi sachada con devoción de demiurgos polo colectivo El Abrelatas, ata crear unha onomatopeya que chamaba, cun rexo “ahhh!”, por todos aqueles veciños e visitantes que se quixeran achegar ata Tor (proxecto “Co-dice”).

O espazo estivo aberto ó público durante todos os días que durou a Residencia Artística, e o elemento humano non foi desprezado como material creativo. Así, os membros do Colectivo RA encetaron un vídeo que recuperaba a testemuña emocional dos traballadores do Pazo de Tor, Manolo, Angelita e Silvia, “para rescatar a verdade do entorno a través de como o percibiron estas xentes” (proxecto “Experiencias de natureza”). Ó xeito de Heráclito, os creadores eran conscientes de que na natureza todo cambia, e decidiron aproveitar os cálculos do azar como materia creativa, como no traballo de Nilo Arias, no que as ras do estanque ían liberando a arxila que cubría a imaxe do deus Apolo nas planchas flotantes na superficie (proxecto “Doce Apolo”). En Tor, a palabra fíxose natureza, como demostrou Carlos de Gredos coa súa aposta pola poesía visual. Pedras, vimbios, terra ou madeira son suficientes para reflexionar sobre a dualidade sonora “pobo-ovo”, que esconde unha íntima e ancestral vinculación entre os dous conceptos (proxecto “Pobo-Todos somos un”).

A PEGADA DE TOR, UNHA VIVENCIA ÚNICA
A creatividade axuda a vivir, ou polo menos a apreixar o entorno de xeito máis profundo. A Residencia Artística contribuiu a afondar no cerne da creación. “Eu podía facer esto na miña casa, pero neste contexto é moito máis rico, aprendes a escoitar e a traballar máis reflexivamente”, apunta Nilo Arias.

“É un privilexio poder participar nun proxecto así, hai moi poucos en España”, suliña Carlos de Gredos, que valora, como Alberto, do Colectivo RA, “as sinerxias entre artistas”. Todos coinciden en sinalar que esta Residencia, e a conseguinte exposición dos traballos, “serve para ir educando á xente en arte contemporánea, abrir a creatividade individual e compartila con terceiros”, precisa Alberto. En Tor os artistas deixaron as súas obras, pero levaron con eles a pegada indeleble da natureza.•
