Actuacións rematadas nas diversas comarcas do sur lucense dentro do Plan de Comunidades Veciñais
Na comarca de Sarria, remataron 33 actuacións do Plan de Comunidades Veciñais cun orzamento de 200.000 euros
Acondicionar os núcleos rurais que constitúen a rede de habitabilidade fundamental do tecido humano da nosa provincia é o obxectivo do Plan de Comunidades Veciñais da Deputación de Lugo, que acaba de completar a execución dos traballos aprobados na pasada anualidade.
ACTIVACIÓN ECONÓMICA PARA AUTÓNOMOS E PEMES LUCENSES
As achegas destinadas ás obras que foron aprobadas no plan correspondente a 2012 veñen de rematarse neste mes de setembro, e foron realizadas por autónomos ou pequenas empresas lucenses, co que o investimento de máis de medio millón de euros destinado a obras no sur lucense supuxo un importante pulo en emprego e activación económica para este sector. Neste sentido, os responsables provinciais destacaron que, ademais da mellora da calidade de vida no rural, un dos obxectivos do Plan de Comunidades Veciñais é fomentar o emprego na provincia, ó ser profesionais da zona os que realizan estas obras.
REIVINDICAR O “DEREITO A VIVIR NO CAMPO”
No horizonte destas medidas, que comprenden a adecuación de pequenas infraestruturas e servizos no rural e a inxección económica polo emprego local, está, según explican os responsables do Plan de Comunicades Veciñais, a reivindicación do “dereito a vivir no campo”.
COOPERACIÓN PROVINCIAL CO AFORRO DOS CONCELLOS
Ademais, este Plan provincial, dirixido a financiar o 100% dos custes das obras propostas polos veciños, contribúe ó aforro dos concellos, que por si mesmos non poderían asumir o montante destas actuacións.
39 OBRAS EXECUTADAS XA NA RIBEIRA SACRA
Durante este mes, rematáronse as últimas obras correspondentes ó Plan de Comunidades Veciñais 2012; un total de 39 actuacións desenvolvidas en diversos concellos da Ribeira Sacra lucense, e que supuxeron un investimento da Deputación de Lugo de 335.000 euros. As actuacións máis frecuentes, realizadas a petición da veciñanza, foron o acondicionamento de camiños públicos, en concellos como Taboada, Chantada, O Saviñao e Bóveda; a reforma de locais sociais, como as realizadas en diversas parroquias de A Pobra do Brollón, Pantón e Monforte; e a mellora das instalacións de captación de auga, como as desenvolvidas en Quiroga e Ribas de Sil, entre outros municipios.
33 ACTUACIÓNS NA COMARCA DE SARRIA
Asimesmo, o Plan provincial de Comunidades Veciñais executou na comarca de Sarria un total de 33 melloras, para as que o organismo provincial destinou 200.000 euros. Parroquias dos concellos de Sarria, O Incio e Láncara melloraron a traída de auga coas actuacións integradas neste Plan; por outra banda, completouse o arranxo de camiños e de accesos a núcleos en O Páramo, Paradela e Triacastela, e diversos locais sociais e espacios de uso común foron remodelados e acondicionados para o seu aproveitamento pola veciñanza en parroquias de Samos e Sarria, entre outros municipios.
NOVA CONVOCATORIA CON 31 MELLORAS POR 220.000 EUROS NA COMARCA DE SARRIA
Según explicaron os responsables provinciais, a Deputación de Lugo segue a apostar pola colaboración cos concellos ó abrir unha nova convocatoria do Plan de Comunidades Veciñais, que conta con dous millóns de euros de orzamento, e no que xa hai programadas 31 obras nos concellos da comarca de Sarria, para os que se destinan 220.000 euros.•