Polas obras da nova potabilizadora de Ribasaltas
Nos pasados días, o suministro de auga en Monforte sufriu unha serie de cortes programados e previamente avisados dende o Concello de Monforte «co fin de realizar obras nos depósitos de San Vicente para mellorar este servizo». Según explicaron os responsables municipais, estas obras estarían enmarcadas dentro do proxecto de construccion da nova potabilizadora que se está executando en Ribasaltas. Estaba previsto que s cortes no servizo de auga potable realizáranse o día 17 de setembro en horario nocturno, e os días 19, 23 e 24 en horario diurno, durante un mínimo de catro horas e un máximo de catorce, como no caso do día 24. Esta situación provocou unha intensa reacción política por parte dos partidos da oposición, que manifestaron a súa crítica ó Goberno local, quen finalmente modificou as previsións, de xeito que o corte de servizo máis extenso, o do día 24, realizouse durante a noite do 25 ó 26 de setembro.
TOMÉ ESIXIU POR CARTA Ó ALCALDE QUE OS CORTES FOSEN NOCTURNOS
Unha vez que se coñeceron as datas iniciais de corte do suministro, o voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Monforte, José Tomé, dirixiu unha carta ó alcalde, Severino Rodríguez, instándoo a revisar o calendario destas obras e as horas previstas para os cortes de auga. Tomé esixía que os cortes de auga se realizasen entre as 12 da noite e as seis da mañá, «para causar o menor trastorno posible á veciñanza e ó tecido produtivo de Monforte». No seu escrito, José Tomé considera que tras os problemas do suministro no verán, «non se xustifica a urxencia dunha medida tan drástica, esaxerada e desproporcionada que pode causar un gran impacto na economía de Monforte». Tomé fixo referencia ás consecuencias que poderían ter os cortes de auga na actividade dos sectores industriais, comerciais e hosteleiros, así como nos servizos públicos. O voceiro socialista en Monforte propuxo na misiva enviada á Alcaldía que, logo que as obras son «necesarias», habería que facelas de xeito fraccionado.
ESIXIRON SABER «O MOTIVO REAL DESTAS OBRAS»
Tomé aproveitou para insistir na crítica política, ó insinuar que «estas obras teñen que ver cos problemas reiterados que se producen cada ano», desmentindo a versión do Goberno local que as vincula co proxecto das obras da potabilizadora de Ribasaltas, «dado que non afecta para nada o actual abastecemento, que nin sequera esta en período de probas». Tomé esixiu ó Alcalde que explique «o motivo real das obras, que é tratar de solucionar un problema que tiña que estar solucionado fai varios anos». José Tomé lembrou que o Concello, «aínda que debe facilitar no posible o traballo da empresa concesionaria, debe poñer por diante os intereses xerais e non perxudicar ós veciños». Asimesmo, os socialistas presentaron unha moción instando ó Goberno local a facer cumprir á empresa concesionaria «a totalidade da oferta de melloras que fixo no concurso», e das que non lles consta «documentalmente» que se teñana realizado.
O PP SOLICITOU UN TRABALLO «COORDINADO» E «COOPERACIÓN COS VECIÑOS»
Os cortes de auga tamén foron obxecto de análise no Partido Popular de Monforte, onde a súa voceira, Julia Rodríguez, pediu ó Concello que leve a cabo un traballo «coordinado» e que «coopere cos veciños», e solicitou que, «de ser necesario, o Consistorio debería habilitar medidas extraordinarias para que os monfortinos sufran o menos posible as consecuencias do corte de auga potable». A concelleira popular suxiriu a colocación de cisternas de auga nas rúas afectadas para uso dos veciños e comerciantes. Julia Rodríguez amosou o seu «respeto» ó traballo de técnicos e operarios, e esixiu ó Alcalde que esta actuación se fixera «con todas as garantías posibles e causando o mínimo número de incidentes». Asimesmo, a voceira popular interpretou estes cortes do servizo como reflexo da «falta de previsión»do Concello, «que podía ter feito estas obras antes do periodo estival». Asimesmo, presentaron unha moción na que instan ó Goberno local a esixir á concesionaria do servizo o cumplimento do contrato, incoando expedientes sancionadores ou as medidas procedentes para garantir unha axeitada prestación.
O ALCALDE RESPONDE
No medio desta polémica, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, compareceu en rolda de prensa para explicar que as obras son “importantes, necesarias e imprescindibles para mellorar a rede de abastecemento”, e que a empresa que as desenvolve é a mesma que ten contratada Aguas de las Cuencas de España S.A. para construír a nova potabilizadora. O alcalde explicou tamén que recibiu suxerencias por parte de diversos colectivos para minimizar o impacto dos cortes, e que os transmitiu á empresa, «que fixo un importante esforzo económico e loxístico para adecuar os cortes ó horario nocturno».