40 pequenas empresas e autónomos afondan no potencial das novas tecnoloxías

O programa provincial Reacciona coas TICs está a desenvolverse no sur de Lugo

40 PEMES do sur de Lugo están a recibir asesoramento, software e formación de balde a través desta iniciativa da Deputación, financiada nun 80% con fondos europeos

Un momento do taller formativo impartido a responsables de PEMES e autónomos da zona sur lucense, dentro do programa provincial «Reacciona coas TICs». EC.

Mellorar a competitividade das pequenas empresas e dos negocios autónomos a través do uso das novas tecnoloxías é o obxectivo que persigue o programa Reacciona coas TICs, que a Deputación de Lugo está a desenvolver dende este mes, e no que participan un total de 150 PEMES e autónomos de toda a provincia. Posto que este perfil empresarial, o máis abundante no noso tecido produtivo, ten dificultades para asumir por si mesmo servizos como auditorías tecnolóxicas ou instalación de software, esta programación institucional trata de resolverlles este obstáculo. A iniciativa, financiada nun 80% con fondos europeos, conta cun investimento de máis de 200.000 euros, e enmárcase no programa europeo Innova-TE sobre novas tecnoloxías. No sur de Lugo, son 40 as pequenas empresas e autónomos que están a participar no programa Reacciona coas TICs, que analiza as necesidades informáticas de cada un dos negocios, e os dota de ferramentas e da formación necesaria para sacarlle o máximo partido ás novas tecnoloxías.

ANÁLISE PERSONALIZADA DAS CARENCIAS TECNOLÓXICAS

O primeiro paso na implementación deste programa estivo centrado na detección das deficiencias en novas tecnoloxías de cada unha das empresas participantes na iniciativa. Con esta finalidade, o organismo provincial desplazou a un asesor tecnolóxico a cada unha das empresas, para analizar in situ o que lles falta ou o que pode empregarse mellor para optimizar as novas tecnoloxías en cada tipo de negocio.

Ana Vázquez, responsable de Casa Felisa de Marcelle: «Para o turismo rural as novas tecnoloxías son fundamentais, tes que estar ben posicionado en internet, ter vida na rede; podes chegar a millóns de persoas con só darlle a un botón» . EC.

O 78% DAS EMPRESAS NON TEÑEN UNHA WEB ORIENTADA Ó COMERCIO ELECTRÓNICO

Os resultados desta análise pormenorizada foron presentados ós participantes do sur lucense nunha sesión celebrada o 11 de setembro no Multiusos de Monforte, onde o deputado Miguel Ángel Sotuela explicou que un 43% das empresas analizadas carecen de web propia, o 78% non contan cunha web orientada ó comercio electrónico, o 76% destes negocios non emprega sistemas avanzados de xestión de clientes, e un 43% non dispón de certificado dixital, entre outras carencias.

«SABES SE LLES ESTÁS A SACAR O MÁXIMO PARTIDO Ó QUE XA TIÑAS»

O desenvolvemento desta primeira fase do programa, centrada na análise da situación de cada empresa, foi moi valorada polos participantes. Ana Vázquez, responsable de Casa Felisa, na parroquia monfortina de Marcelle, suliñou que «este programa axuda a saber se lle estás a sacar o máximo partido ás ferramentas que xa tiñas». «Nos animamos a participar porque se trataba de modernizar o que tiñamos», precisa Eduardo Salceda, de Limpiezas Peña, en Monforte. Pola súa banda, Paul Hugo Arias, de Curgal, gabou o «traballo intenso dos organizadores do programa para obter datos e elaborar a análise».

A ANÁLISE DOS DATOS SERVIU PARA DESEÑAR OS POSTERIORES TALLERES FORMATIVOS

Esta diagnose ratificou, según explicou Miguel Sotuela na presentación do informe en Monforte, a necesidade de mellorar a formación en novas tecnoloxías e implantar ferramentas informáticas que melloren a competitividade destas empresas. Asimesmo, o estudo destes datos serviu para enfocar os talleres formativos.

Deste xeito, os empresarios participantes no programa Reacciona coas TICs están a recibir formación a través de obradoiros sobre marketing e redes sociais, xeoposicionamento, xeomarketing e códigos QR, así como fidelización de clientes con boletíns electrónicos de MailChimp, aproveitamento da web ou blog empresarial, opcións de Google Docs, e solucións diversas para almacenamento de datos en nube, como Dropbox ou Google Drive.

A primeira fase do programa “Reacciona coas TICs” incluía unha xornada informativa onde o deputado Miguel Ángel Sotuela presentou os resultados do estudo individualizado realizado ós participantes para detectar as necesidades de cada empresa no eido tecnolóxico. DPDL.

“SEMPRE PODES PERFECCIONAR O QUE SABES EN NOVAS TECNOLOXÍAS”

Estes obradoiros formativos están a impartirse en Lugo, Viveiro e Monforte, xa que as empresas beneficiadas por este programa están espalladas por toda a provincia de Lugo. Na aula CeMIT de Monforte, situada no Edificio Multiusos, están a ter lugar os obradoiros formativos, impartidos por profesionais en novas tecnoloxías con ferramentas avanzadas a nivel técnico e didáctico. Ana Vázquez, de Casa Felisa de Marcelle, acudiu ó taller sobre as posibilidades de negocio coas redes sociais e o xeomarketing coa expectativa de que “todo o que sexa mellorar é interesante”. Aínda que xa leva anos relacionada coas novas tecnoloxías, esta empresaria á fronte dun negocio con cinco traballadores recoñece que “sempre podes perfeccionar o que sabes neste eido”. Como responsable dun negocio de turismo rural, Ana Vázquez non dubida en resaltar que “hoxendía, internet e todo o seu mundo é fundamental, xa que tes que estar ben posicionado, cunha boa web sempre en movemento e estando en Facebook cun perfil axeitado ó que queres transmitir”. A responsable de Casa Felisa de Marcelle destaca que “para o turismo rural, internet é unha publicidade tremenda; date conta que podes chegar a millóns de persoas casi gratis con só darlle a un botón”·

Paul Hugo Arias, de Curtidos Galaicos: «As melloras en innovación sempre benefician, aforran custes, e no caso das novas tecnoloxías, axudan a estar máis presente en todos os mercados e mellorar as relacións cara o exterior”. EC.

MELLORA DOS PROCESOS DE TRABALLO

Aínda que as pequenas empresas deben mirar pola captación de clientes, a súa xestión interna pode mellorar sustancialmente cun axeitado uso das novas tecnoloxías. Así o recoñece Eduardo Salceda, responsable de Limpiezas Peña, cando explica que “no sector de control de plagas poderíase mellorar a xestión implantando programas informáticos axeitados”. En Limpiezas Peña traballan 17 profesionais, e a coordinación entre eles resulta fundamental; “posto que temos que manexar planos e procedementos no noso traballo, e ademais en varios equipos, a través de sistemas como o correo electrónico ou o SMS podemos estar contactados, e os programas informáticos tamén nos axudan a esta coordinación interna, ademais da xestión administrativa como presupostos e calendarios de traballo”.

“ABRIR ZONA COAS NOVAS TECNOLOXÍAS, SOBRE TODO PARA A XENTE NOVA”

Salceda non esquece a dobre potencialidade das novas tecnoloxías, posto que ademais da xestión interna, “as novas tecnoloxías axudan bastante a implantarse, a abrir zona”. O responsable de Limpiezas Peña asegura que “a xente nova mira máis agora internet que as páxinas amarelas para encontrar un profesional de servizos”.

A ANÁLISE DUN EXPERTO AXUDA A MELLORAR O NIVEL DE USO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

Dende a empresa monfortina Curtidos Galaicos, Paul Hugo Arias recoñece que están atentos a todas as iniciativas que poden contribuir a mellorar os procesos de traballo e a imaxe exterior do negocio. Nunha empresa con dezanove traballadores, Arias explica que “a xestión interna xa está resolta”, aínda que “todas as melloras en innovación sempre benefician, sobre todo polo aforro de custes que supoñen”. A integración desta empresa monfortina no programa Reacciona coas TICs implica “que un experto analiza a situación exacta da empresa a nivel de novas tecnoloxías, e iso axuda a mellorar os procesos”. Unha das vantaxes de avanzar na implementación das novas tecnoloxías na empresa é, según Paul Hugo Arias, que “poden axudar moito para mellorar nos mercados”. “Estas ferramentas fan que melloremos como empresa nas relacións cara o exterior, cara a estar máis presentes en todos os mercados”, de aí que Arias confíe en que “os talleres nos axuden a mellorar neste aspecto”.

AS NOVAS TECNOLOXÍAS, UNHA “CANLE IMPORTANTE” PARA OS AUTÓNOMOS

A importancia que a optimización das novas tecnoloxías ten para os autónomos é destacada por Natalia Vázquez, alma mater e traballadora única de Mel do Castro. Esta pequena empresa ubicada na parroquia soberina de O Castro precisa, como todos negocios que queiran vender ben o seu produto, de cantas canles sexan posibles para darse a coñecer. “Este programa veunos como anel ó dedo”, explica Natalia Vázquez, “xa que se quixéramos optar por libre a esta formación e a estas aplicacións informáticas seríamos incapaces de asumilo”. Vázquez amosa a súa satisfacción por ter xa o seu produto en canles como a web www.losproductosdelugo.com, e considera “moi positivo” todo o que implica para o seu negocio “a información que me deron no programa e as aplicacións”, que non teñen custe algún para os usuarios porque son de software libre. “A nivel interno da empresa veume ben esta iniciativa”, explica a responsable de Mel do Castro, “e tamén o feito de aprender a aproveitar mellor o facebook ou a web para publicitarnos e vender o noso produto, xa que en cantos máis sitios esteas de internet, mellor será”. Para todos estes empresarios e profesionais, o programa da Deputación de Lugo amosou a utilidade das TICs a través do exemplo de Granxa Maruxa, unha empresa tradicional de Monterroso que recibiu numerosos premios pola calidade dos seus produtos e que emprega as novas tecnoloxías para mellorar o marketing, gañando mercados e asentando a súa marca.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preto dunha trintena de casas rurais lucenses, no Outono Gastronómico

Seguinte Nova

A Xunta aprobou o estudo informativo do enlace do Porto Seco coa Estrada Nadela-Monforte

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: