As últimas actuacións en Taboada veñen a completar as melloras efectuadas en todos os concellos do sur de Lugo ó longo dos meses de verán
Según estaba previsto no calendario de actuacións do servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo, o Plan de Rebacheo na rede de estradas de titularidade provincial estará rematado no mes de setembro. Asimesmo, as últimas actuacións no Concello de Taboada completarán a mellora dos viais proviciais no sur de Lugo, que afectaron a todos os concellos das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga, e que suporán a mellora de máis de 700 quilómetros nesta zona. A nivel xeral, serán preto de 3.200 os quilómetros que ó longo de toda a provincia foron acondicionados dentro do Plan de Rebacheo deste ano.
MANTEMENTO DA REDE DE ESTRADAS PROVINCIAL MÁIS EXTENSA DE ESPAÑA
En relación a estas tarefas, dende o organismo provincial insisten nas dificultades de mantemento dunha rede provincial con 4.200 quilómetros de estradas, a máis extensa de España. Para a realización destas actuacións, os técnicos que organizan os traballos teñen en conta tamén as condicións climatolóxicas de cada zona. Asimesmo, dende o servizo de Vías e Obras da Deputación lembran que a institución provincial realizou anteriormente outras melloras no firme destas estradas colocando sinalización, ou acondicionando con aglomerado en quente máis de 1.000 quilómetros. Esta última actuación permite, según explican os responsables provinciais, unha maior durabilidade do firme, co aforro que supón ó limitar os posteriores traballos a puntos concretos ou a incidencias rexistradas en cada temporada.
ACTUACIÓNS ESTABLECIDAS SEGÚN AS DEMANDAS DOS VECIÑOS EN CADA PUNTO DA REDE VIARIA
Según explicaron os responsables provinciais, a dirección dos traballos está orientada a responder ás necesidades detectadas polos veciños, que dan conta dos puntos quilométricos onde se manifesta o deterioro do firme, para trasladalo ó departamento correspondente do seu municipio, dende o que se fai chegar o estado da situación ó organismo provincial. Deste xeito, ponse en marcha o equipo de obras provincial, que está composto por 50 operarios, provistos dun total de 32 máquinas.•