A Xunta aprobou o estudo informativo do enlace do Porto Seco coa Estrada Nadela-Monforte

•O trazado escollido foi a alternativa 2, que inclúe dúas rotondas, dous viadutos, un paso superior e tres inferiores •Previo a este anuncio, o PP desestimou no Parlamento a solicitude dos socialistas, apoiada por BNG e AGE, de constituír unha Mesa de Impulso do Porto Seco monfortino

Logo de completar a primeira fase da urbanización da Área Loxística, a Xunta acaba de aprobar o estudo informativo do trazado que unirá o Porto Seco coa estrada Nadela-Monforte.
Arquivo EC.

A mediados deste mes, o Porto Seco de Monforte acadaba un novo impulso coa aprobación pola Xunta de Galicia do estudo informativo e de impacto medioambiental do trazado de conexión da plataforma loxística coa estrada LU-546 Nadela-Monforte. Neste estudo aparece rexistrada a alternativa 2, escollida entre os tres trazados posibles, un vial convencional de 2.826 metros de lonxitude, con limitación de accesos e con velocidade máxima permitida de 100 qm/h.

CARACTERÍSTICAS DO TRAZADO ESCOLLIDO

O estudo informativo que aprobou a Xunta, publicado no Diario Oficial de Galicia do 16 de setembro, plantea dúas conexións coa rede de estradas existente, nos puntos inicial e final do trazado. Deste xeito, a infraestrutura parte da glorieta que será realizada dentro das obras que a Xunta xa licitou en xuño para a execución da nova estrada de conexión do Porto Seco coa LU-933. Dende este punto, o vial diríxese cara o norte e tras cruzar o río Cabe e xirar cara o oeste, remata nunha glorieta de enlace do corredor Sarria-Monforte (CG-2.2), que permite a conexión coa LU-546 Nadela- Monforte. Según o estudo informativo, o trazado proposto contempla a execución de dous viadutos sobre o río Cabe e sobre a liña de ferrocarril e a estrada LU-546. Ademais, están previstos tres pasos inferiores e un superior que permitirán a continuidade do Canal Alto do Regadío do Val de Lemos e das estradas locais interceptadas pola nova infraestrutura. Durante o proceso de información pública, iniciado en xuño de 2012, presentáronse un total de dez alegacións, e delas conclúese que deberá existir unha coordinación con ADIF pola posible afección coa liña de altas prestacións Ourense- Monforte- Lugo, no treito Monforte – variante da Pobra de San Xulián.

Imaxe das obras do corredor Sarria-Monforte á altura da Áspera.
Arquivo EC.

VALORACIÓNS POLÍTICAS

O anuncio da aprobación deste estudio informativo foi valorado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, como “unha proba máis do empeño do Executivo galego en manter o impulso para desenvolver a zona sur de Lugo, Monforte e toda a comarca». Arias lembrou «o papel decisivo» do actual Goberno da Xunta nestes avances do Porto Seco de Monforte, «por asumir a responsabilidade de acometer a urbanización de boa parte do espazo a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que acumulaba un considerable retraso polas dificultades que atravesaba a empresa privada á que o anterior Goberno da Xunta lle concedera a explotación desta área loxística».

O PP BOTA ATRÁS A CREACIÓN DA MESA DE IMPULSO DO PORTO SECO, PROPOSTA POLOS SOCIALISTAS

Por contra, apenas uns días antes deste anuncio, os socialistas presentaban unha proposición para que o Parlamento instase á Xunta á creación dunha Mesa de Impulso do Porto Seco de Monforte, que a pesares de contar co apoio do Bloque Nacionalista Galego e de Alternativa Galega de Esquerdas, non se aprobou polo rechazo do Partido Popular.

O deputado socialista Vicente Docasar defendeu esta proposición, baseándose na necesidade de que as empresas interesadas na plataforma loxística poidan contar cun interlocutor «claro e estable», para evitar «unha tournée mareante por todas as ventaniñas das diversas administracións implicadas». Ademais, Docasar xustificaba a Mesa como vehículo para levar adiante o impulso «deste proxecto de interés estratéxico para Galicia, así recoñecido por este Parlamento no ano 2007». Este Mesa debería estar participada pola Xunta de Galicia, o Concello de Monforte e as organizacións empresariais e sociais, e cuxa finalidade sería «a definición do proxecto empresarial, da estratexia de desenvolvemento e dos incentivos necesarios para levalo a cabo».

Con idénticos obxectivos, o voceiro socialista no Concello de Monforte, José Tomé, presentou unha moción ó Pleno deste mes, para que inste á Xunta «a designar formalmente o organismo responsable da futura xestión do Porto Seco, determinar o modelo de xestión, asinar un convenio de colaboración entre Xunta, Adif e Concello de Monforte, e crear un foro de participación con presencia das administracións e organizacións empresariais e sindicais».

O rexeitamento á Mesa de Impulso do Porto Seco por parte do PP no Parlamento foi xustificada pola deputada Julia Rodríguez no feito de que «a Xunta actúa e actuará co impulso necesario para poñer en valor a importante inversión efectuada», apuntando á sociedade pública Xestur-Lugo «en colaboración con outros organismos da Comunidade galega» para comercializar e promocionar a plataforma loxística.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

40 pequenas empresas e autónomos afondan no potencial das novas tecnoloxías

Seguinte Nova

Outubro, mes do Teatro Infantil en Sarria

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: