A Ribeira Sacra busca apoios para ser Patrimonio da Humanidade

A Deputación de Lugo impulsa coa Deputación de Ourense a candidatura a esta declaración oficial

• A proposta está a concitar o apoio de colectivos, municipios de diversa cor política e asociacións cidadáns e empresariais •A campaña de recollida de firmas emprendida dende o ente provincial iniciouse no San Froilán, con máis de 2.000 firmas •Esta campaña itinerante percorrerá a provincia, tendo como primeira parada Monforte de Lemos, para continuar por toda a xeografía galega e española

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante a presentación da campaña de impulso da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade en Lugo, acompañado do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, así como do alcalde de Lugo, José López Orozco. GPDL.

• A Ribeira Sacra ven dar un paso adiante na súa definición como terra singular diante do mundo enteiro. A comezos deste mes, as institucións provinciais de Lugo e Ourense acordaron unir forzas no impulso da candidatura da Ribeira Sacra, territorio que comparten ambas provincias, á declaración de Patrimonio da Humanidade. O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, no que concretaron a folla de ruta para acadar este obxectivo, e o primeiro paso foi acordar a sinatura neste ano dun convenio de colaboración entre todas as administracións implicadas, o que supón a unión baixo un único obxectivo dos dous entes provinciais, os 21 Concellos que integran a Ribeira Sacra, a Xunta de Galicia e o Goberno de España.

INICIO DUN “PERCORRIDO LONGO PERO DOADO”

No encontro entre Gómez Besteiro e Baltar Blanco, os mandatarios provinciais destacaron que está a comezar “un percorrido longo pero doado”, debido ó apoio institucional que ámbalas dúas institucións queren imprimir a esta declaración, e que busca “valorizar o noso e valorizar Galicia”. Este acordo é un paso importante no camiño que xa se iniciarar no ano 1996, cando o ámbito territorial da Ribeira Sacra fora incluido como ben na Lista Indicativa de España. O paso que agora se dá co compromiso das dúas Deputacións será oficializado en breve, e unha vez que estea completada toda a documentación que avale a proposta de candidatura, será o Goberno galego o responsable de presentala ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e o Goberno central terá que presentalo á súa vez diante da UNESCO, según se establece no protocolo deste organismo internacional.

O IMPULSO DESTA CANDIDATURA, UN DOS COMPROMISOS DE INVESTIDURA DE GÓMEZ BESTEIRO

A aposta por impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade foi un dos compromisos que o presidente da Deputación de Lugo asumiu no seu discurso de investidura no ano 2011 “como unha das liñas programáticas de goberno”. Gómez Besteiro explicou que dende hai un ano e medio, o ente provincial está a traballar neste proceso, mantendo encontros cos promotores das candidaturas da Muralla de Lugo e da Torre de Hércules “para asesorarse sobre as xestións necesarias e acadar o mesmo resultado exitoso”. Asimesmo, o organismo lucense concorreu ás axudas da Fundación Biodiversidad co fin de poñer en marcha un proxecto experimental de desenvolvemento rural da zona e obter fondos económicos, e está á espera da resolución destas axudas. Dentro deste traballo programático, a Deputación de Lugo mantivo tamén reunións con diversos colectivos e asociacións da Ribeira Sacra, como a Asociacion Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), a Asociación Española de Pequenas e Medianas Cidades Vitivinícolas (ACEVIN), o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Fundación Belarmino Fernández, o IBADER e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Todos eles amosaron o seu apoio a esta iniciativa do ente provincial. Ademais, Gómez Besteiro presentou unha moción, que foi aprobada por unanimidade no pasado Pleno provincial, instando á Xunta de Galicia e ó Goberno de España a poñer en marcha o procedemento correspondente cara a presentación desta candidatura. Unha moción similar foi presentada e aprobada tamén no Pleno da Deputación de Ourense.

GÓMEZ BESTEIRO: “NESTE RETO COLECTIVO, NINGÚN DE NÓS É MÁIS IMPORTANTE QUE OS DEMÁIS”

O impulso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade materializouse nas rúas durante a celebración do San Froilán, cando a Deputación de Lugo aproveitou a gran afluencia de visitantes á cidade da Muralla para iniciar a campaña de recollida de firmas en apoio da Ribeira Sacra. A campaña estreouse con máis de 2.000 firmas recollidas en apenas unha semana no stand que o organismo provincial habilitou diante do autobús rotulado coa promoción da Ribeira Sacra. No punto de partida da campaña itinerante pola candidatura a Patrimonio da Humanidade, Gómez Besteiro fixo un chamamento á unidade das administración e á poboación para que participen activamente, lembrando que «traballar xuntos garantirá o éxito deste reto colectivo no que ningún de nós é máis importante que os demais».

MIGUEL ÁNGEL SOTUELA, ALCALDE DE RIBAS DO SIL: «O ÉXITO DA INICIATIVA PASA POR SUMAR ESFORZOS NA MESMA DIRECCIÓN»

Esta campaña itinerante achegouse ata Monforte de Lemos como primeira parada na súa andadura pola provincia, antes de percorrer o resto de Galicia e España. Na cidade do Cabe o autobús da campaña foi recibido polo deputado provincial e alcalde de Ribas do Sil, Miguel Ángel Sotuela, e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez. Sotuela considerou «fundamental que a mesma implicación que amosan ter os cidadáns sexa a que amosen as administracións, porque o éxito pasa por sumar esforzos na mesma dirección».

Un momento da recollida de firmas en Monforte na campaña itinerante a prol da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, que apoiaron coa súa presencia o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e o alcalde de Ribas do Sil, Miguel Ángel Sotuela.GPDL.

SEVERINO RODRÍGUEZ, ALCALDE DE MONFORTE: «É UN PROXECTO QUE A TODOS NOS ILUSIONA E A TODOS NOS CONVOCA POLO BEN E PROGRESO DA RIBEIRA SACRA»

O alcalde de Monforte manifestou que a consecución da declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra «debe ser un punto de encontro e de unión, unha causa común para todas as persoas da Ribeira Sacra e, por suposto, para os seus representantes políticos». Severino Rodríguez recoñeceu o traballo dos presidentes das Deputacións, e lembrou que «a unidade de acción é fundamental para que este proxecto chegue a ser unha realidade». O rexedor monfortino cualificou este proxecto de «estratéxico para a Ribeira Sacra, para a potenciación dos recursos económicos e empresariais e para a promoción do territorio», xa que obter esta declaración suporía «un gran pulo para as iniciativas económicas locais e o reforzamento do noso tecido empresarial». O alcalde de Monforte animou á cidadanía a firmar en apoio da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, suliñando que «tan importante, ou máis, que o traballo das institucións é o apoio decidido da cidadanía, o seu cariño e ilusión a prol desta declaración». Asimesmo, o Goberno local presentou unha moción para acordar no vindeiro Pleno dirixirse á Xunta de Galicia para que poña en marcha o procedemento correspondente para a formalización desta candidatura e requerir a súa necesaria colaboración, e instar ó Goberno de España para que promova dita declaración diante do Comité do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

LUIS FERNÁNDEZ GUITIÁN, ALCALDE DE SOBER: «NON PARTIMOS DE CERO, XA QUE A RIBEIRA SACRA SE INCLUÍRA NA LISTA INDICATIVA BAIXO O GOBERNO DE MANUEL FRAGA NO ANO 1996»

A aposta polo recoñecemento oficial da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade conta co respaldo dos alcaldes de Bóveda, Taboada, O Saviñao, Quiroga, Pantón e Sober. Os rexedores populares e os portavoces do Partido Popular en todos os concellos da Ribeira Sacra lucense mantiveron nestes días diversos encontros nos que decidiron unir forzas e traballar de xeito conxunto para acadar este importante obxectivo, posto que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade «será a mellor ponte de unión co resto do mundo». Para desenvolver este traballo, alcaldes e portavoces populares nos concellos implicados no proxecto adoptaron fixar un equipo coordinador das tarefas, encabezado polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, por parte dos rexedores municipais, e por Julia Rodríguez como representante dos portavoces. O alcalde de Sober cualificou esta iniciativa como «moi positiva a nivel económico e social», e lembrou que «non partimos de cero nesta idea, xa que a Ribeira Sacra foi incluída na Lista Indicativa no ano 1996», un documento previo na lista provisional da UNESCO e requisito básico para empezar a tramitación, «baixo o mandato do presidente Manuel Fraga na Xunta de Galicia». Guitián suliñou que «este novo paso que se dá é un despertar daquela iniciativa, e agora se trata de despertala entre todos e impulsala». Fernández Guitián precisou que a declaración oficial de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra suporía «o máximo nivel de protección para o entorno natural e patrimonial, e tamén o máximo nivel publicitario”. “Se o sabemos facer a nivel turístico, vai a funcionar abrindo novas vías para xerar afluencia de visitantes e, polo tanto, xerar emprego”.

ROBERTO CASTRO, CONCELLEIRO DE CULTURA DE RIBAS DO SIL: “ESTA DECLARACIÓN SERÍA UN REVULSIVO MOI IMPORTANTE PARA UNHA ZONA CON GRAVE CRISE DEMOGRÁFICA”

“Ribas do Sil foi un dos primeiros concellos, xunto con Brollón, Sober e Monforte, en adherirse a esta iniciativa da Deputación de Lugo”, lembrou o concelleiro de Cultura e tenente de alcalde de Ribas do Sil, Roberto Castro, quen destacou que esta iniciativa é “unha nova moi positiva para este municipio, polo que suporía de revulsivo para a chegada de máis turistas e a correspondente activación económica da zona, hoxe moi necesaria”. Castro fixo referencia ó “grave despoboamento e crise económica” que afectan ós concellos lucenses, e todas as iniciativas de dinamización axudarían a paliar esta situación. Roberto Castro amosouse optimista en canto á viabilidade desta candidatura, porque “dende logo que hai razóns máis que suficientes para que salga adiante, dada a nosa riqueza paisaxística, patrimonial e natural”.

A riqueza patrimonial, un dos puntais da Ribeira Sacra na defensa da súa candidatura á Patrimonio da Humanidade. Arquivo EC.

JUAN CARLOS ARMESTO, PRESIDENTE DO CONSORCIO DE TURISMO RIBEIRA SACRA: “RACHAR COA FENDA ENTRE RIBEIRA SACRA LUCENSE E OURENSANA FOI UN PASO ADIANTE NESTE CAMIÑO”

O traballo de delimitación oficial do espazo territorial que conforma a Ribeira Sacra “foi un paso adiante neste camiño que agora se retoma”, según Juan Carlos Armesto, presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. “Dende o ano 2005, data na que se constituíu o Consorcio, se rachou definitivamente coa fenda entre a Ribeira Sacra lucense e a ourensana, e froito diso podemos agora emprender este novo paso”. Armesto considera o impulso da candidatura a Patrimonio da Humanidade “importante para un territorio tan cargado de potencialidades”, en referencia ós máis de 54 monumentos románicos que posúe a Ribeira Sacra, ós seus ríos e á súa riqueza vitivinícola, “traballar para a súa maior difusión e protección a nivel mundial”. O presidente do Consorcio de Turismo amosou a súa “satisfacción” por esta iniciativa, “xa que o Consorcio non é máis que a suma dos 21 Concellos da Ribeira Sacra”.

Mª JOSÉ SENRA, PRESIDENTA DO CCU DE MONFORTE: “LOGRAR ESTE RECOÑECEMENTO SERÍA UN PUNTAZO PARA O COMERCIO”

A iniciativa de impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade está a ser ben recibida polos diversos colectivos locais. Os comerciantes monfortinos confían nas posibilidades de desenvolvemento económico que para a rede comercial das nosas vilas suporía esta promoción. “Lograr o recoñecemento desta zona como Patrimonio da Humanidade sería todo un puntazo para o noso comercio, xa que atraería máis visitas e moito máis movemento económico na nosa zona”, destacou Mª José Senra, presidenta do Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte. Neste sentido, Senra animou á poboación de Monforte e da súa comarca a apoiar calquer acción a prol desta iniciativa, na confianza de que será “un ben para todos”.

A singularidade paisaxística, un factor fundamental para o desenvolvemento económico da Ribeira Sacra a través do turismo. Arquivo EC.

EDUARDO ROGINA, PRESIDENTE DO CCA DE CHANTADA: “REPERCUTIRÁ FAVORABLEMENTE A NIVEL XERAL”

Os comerciantes chantadinos confían nas posibilidades desta zona “tan bonita e valiosa” para que fructifique esta aposta por “promocionar e dar valor a esta terra”, según explicou Eduardo Rogina, presidente da Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra. “Todo o que sexa promocionar e dar importancia a esta zona repercutirá favorablemente a nivel turístico e, como consecuencia, a nivel xeral”, explicou Rogina, que amosou o apoio do colectivo que preside para apoiar “este tipo de iniciativas na medida das nosas posibilidades”.

MANUEL FERNÁNDEZ, CHEF DO RESTAURANTE MANUEL BISTRÓ, E MEMBRO DA ASOCIACIÓN AMIGOS DA COCIÑA GALEGA: “AÍNDA QUE UNHA ZONA TEÑA MOITO ENCANTO, SEN UN E RECOÑECEMENTO OFICIAL NON É SUFICIENTE”

A hostelería ve nesta iniciativa unha oportunidade de mellora sustancial na promoción da Ribeira Sacra. Manuel Fernández, chef do restaurante monfortino Manuel Bistró, e membro da Asociación Amigos da Cociña Galega, estima que “acadar esta declaración podedar unha subida de nivel á promoción turística”. O restaurador monfortino manifesta o seu apoio a esta acción, porque “por moito encanto que teña unha zona, se non hai un plus de recoñecemento oficial non é suficiente”.

Un momento do Tour Turístico do Tren Aba Sacra pola paisaxe de Doade e Amandi. (Foto: cortesía de Antonio Rodríguez).

ANTONIO RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, PROMOTOR TURÍSTICO DA RIBEIRA SACRA (TREN TURÍSTICO ABA SACRA E RESTAURANTE A CANTINA, EN DOADE): “SE CHEGA A BO PORTO, ESTA INICIATIVA É UNHA GRAN POSTA EN VALOR DESTA ZONA A NIVEL MUNDIAL”

O sector turístico está a acoller este impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade con bos ollos. Esta “loable iniciativa” das Deputacións provinciais implica, según Antonio Rodríguez Álvarez, promotor turístico da Ribeira Sacra, “a ineludible necesidade de apoiala incondicionalmente, con independencia dos intereses localistas, particulares, e de sectores económicos e políticos”. Rodríguez Álvarez sostén que “esta parte interior de Galicia ten per se e per natura os elementos necesarios para acadar esta alta distinción mundial”, e recoñece as “evidentes vantaxes” que tal declaración tería para os habitantes da zona, emprendedores e operadores turísticos. “Veríamonos favorecidos enormemente, xa que o noso singular espazo xeográfico non é tan coñecido fóra de Galicia, e as políticas públicas ata o de agora estiveron case sempre enfocadas á audiencia de Galicia, e non teñen ido, agás contadas excepcións, a outros mercados nacionais e internacionais”.

ASOCIACIÓN VECIÑAL DO SAVIÑAO: “APOIO TOTAL A ESTA INICIATIVA, PORQUE ESTA ZONA DO MIÑO-SIL REÚNE TODOS OS ELEMENTOS PARA FACERSE DIGNA DESTE RECOÑECEMENTO”

O impulso que se está a dar á candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio da Humanidade conta xa co apoio expreso da Asociación Veciñal de O Saviñao, que a través da súa presidenta, Violeta Pérez Figueroa, ven de dirixir un escrito á Presidencia da Deputación de Lugo, no que expresa “o apoio total á decisión da Corporación Provincial de impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”. No seu escrito, a Asociación Veciñal de O Saviñao xustificou o seu “apoio total e incondicional a esta iniciativa dado que, dende a fundación deste colectivo veciñal, un dos seus obxectivos é a consecución dalgunha figura de recoñecemento”. Según precisan nesta comunicación, a Asociación Veciñal de O Saviñao ven traballando dende hai catro anos neste mesmo sentido, con accións como o recoñecemento da ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño (PR-G 162), o acceso ó dolmen de Abuíme, estudos e exposición do patrimonio, e propostas de mellora e aproveitamento dos recursos turísticos, entre outras iniciativas. Asimesmo, este colectivo veciñal considera “que esta zona do Miño-Sil reúne todos os elementos para facerse digna deste recoñecemento”, como queda demostrado “na súa paisaxe virxe, o patrimonio dende o Neolítico ó Románico e ó Medievo, o traballo humano da terra” (en referencia á viticultura heroica), así como “na exuberante e variada vexetación autóctona, a fauna, as tradicións e a cultura”. A Asociación Veciñal de O Saviñao conclúe o seu escrito reafirmando o seu apoio, e ofrecendo “a nosa colaboración desinteresada para todo o que fose preciso para a consecución deste interesante obxectivo que, a bó seguro, suporá un empuxe ó desenvolvemento da zona”.

XOSÉ LOIS GARCÍA, PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO ROMÁNICO DA COMARCA DE CHANTADA: “ESTA INICIATIVA DEBE SER APOIADA SEN RETICENCIAS; ESTA CULTURA MILENARIA É UN DESTAQUE EFICIENTE PARA SER PATRIMONIO DA HUMANIDADE”

A iniciativa da Deputación de Lugo é valorada moi positivamente dende os colectivos culturais. “A Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada congratúlase por este sensíbel proxecto, ao que todos estamos obrigados apoiar e difundir as variadas riquezas que ofrece este amplo espazo”, declara Xosé Lois García, presidente deste colectivo. García suliña que “a paisaxe, a historia, a arte e a literatura da Ribeira Sacra son elementos fundamentais da súa orixinalidade e identidade, e ofrecen unha cultura singular deste noso microcosmos”. O escritor chantadino lembra que “o patrimonio románico que circunda os nosos grandes ríos manifesta esa cultura milenaria que é un destaque suficiente para recoñecer ese conxunto de variedades culturais, para ser recoñecidas e protexidas como Patrimonio da Humanidade”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Completado o Plan provincial de Rebacheo

Seguinte Nova

15 concellos do sur lucense xa dispoñen de prazas wifi

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio