Amplo programa de cursos gratuítos na aula CeMIT
Presenciais ou a distancia son as dúas modalidades formativas que ofrecen os cursos gratuítos impartidos na aula CeMIT de Sarria. Pertencente á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, a aula de Sarria ofrece a toda a cidadanía a posibililidade de realizar cursos de formación, asistir a relatorios, e beneficiarse das vantaxes da teleformación.
FORMACIÓN
Nesta quincena ven de realizarse un curso sobre organización de viaxes, destinado á cidadanía en xeral, no que os usuarios aprenderon a localizar a través de internet información para preparar unha viaxe, coñecer as posibilidades de reserva e de pagamento do transporte e o aloxamento a través da Internet, así como a elaborar itinerarios en Google Maps e crear e compartir mapas e rutas personalizadas. Ademais, a aula CeMIT está a acoller nestes días, e ata o 25 de outubro, o curso titulado»Ofimática e Internet aplicado ás explotacións agrarias», organizado polo Sindicato Labrego Galego. O calendario formativo da Rede de aulas CeMIT ofrece ó longo de todo o ano cursos para a cidadanía en xeral, os profesionais das TIC, as empresas, micropemes e autónomos, empregados públicos e asociacións. Así, durante o mes de setembro, a aula CeMIT de Sarria acolleu diversos cursos e conferencias, como a charla sobre o «Uso seguro de Internet e redes sociais para menores», organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, no marco do convenio establecido coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e o Centro Demostrador TIC de Galicia. En modalidade de videoconferencia, no mes de setembro os usuarios da aula CeMIT de Sarria puideron seguir a charla sobre «Guía de solucións TIC en software libre para autónomos».
OUTROS SERVIZOS
Ademais, a aula CeMIT de Saria está dispoñible para o desenvolvemento, por particulares e empresas, de roldas de prensa, videoconferencias e multivideoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais, edición e creación de material multimedia e/ou audiovisual, ademais de ofrecer todas as ferramentas para realizar xestións coa Administración Pública, comercio electrónico, banca por Internet, seguimento de novas, entre outras prestacións.