Inaugurada a minicentral hidroeléctrica Belesar II

• O acto contou coa presencia do mandatario autonómico, Alberto Núñez Feijóo •O presidente da Xunta pediu a implicación das industrias enerxéticas na aposta polas renovables •Feijóo apuntou que os Orzamentos parar 2014 inclúen rebaixas fiscais para todos os proxectos de enerxías renovables que se poñan en marcha

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, visitou a central hidroeléctrica de Belesar con motivo do 50 aniversario desta singular infraestrutura enerxética. (Foto: Conchi Paz).

O pasado 28 de outubro, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou no acto de celebración do 50 aniversario da central hidráulica de Belesar I, acompañado do presidente de Gas Natural Fenosa, Salvador Gabarró. Durante este acto, tivo lugar a inauguración da minicentral hidroeléctrica Belesar II, na que a compañía enerxética invistiu 31 millóns de euros. A este evento asistiron o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; o director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces; os alcaldes de Chantada, Taboada, Portomarín, O Páramo, O Saviñao, Paradela e Guntín; e o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

CARACTERÍSTICAS DA NOVA MINICENTRAL

A minicentral Belesar II, ubicada no interior do antigo túnel de acceso á central Belesar I e totalmente integrada no entorno, está formada por dous grupos de 10,4 MW cada un, cunha previsión de funcionamento de máis de 6.500 horas/ano e unha produción media de 138 GWh/ano. Esta nova minicentral permitirá aportar as condicións óptimas de caudal nun tramo de 1,3 quilómetros do Miño, entre a presa e a saída de máquinas de Belesar I, contribuíndo á súa preservación ambiental e ó cumprimento dos obxectivos nacionais en materia de eficiencia enerxética e xeración de electricidade.

OBRA «PIONEIRA QUE SUPUXO TEMPO, ESFORZO E SACRIFICIOS»

Na súa visita a Belesar, o presidente da Xunta realizou un percorrido polas instalacións, descubriu unha placa conmemorativa e firmou no libro de honra da compañía. Núñez Feijóo subliñou que, «cincuenta anos despois, a central hidroeléctrica de Belesar, obra emblemática da enxeñaría civil hidráulica dos anos sesenta, aínda conserva o poder de seguirnos cautivando». O mandatario autonómico resaltou que esta obra «pioneira en Europa supuxo tempo, implicou esforzo e entrañou sacrificios», en referencia ás consecuencia que o salto de Belesar tivo sobre sete municipios da contorna, e incluso supuxo un cambio de emprazamento para a vila de Portomarín.

REBAIXAS FISCAIS PARA PROXECTOS DE RENOVABLES

O presidente da Xunta demandou en Belesar a implicación das industrias na aposta que o Goberno galego está a facer polas enerxías que proceden de fontes naturais inesgotables, e que se materializarán“de xeito inmediato” nos Orzamentos de 2014, que inclúen unha rebaixa no Imposto de Transmisións Patrimoniais para todos os proxectos de enerxía renovable que se poñan en marcha, mediante unha bonificación do 92% sobre a cota (desde o 4% ata o 0,3%).

ACTUALIZACIÓN DO PLAN SECTORIAL EÓLICO

Así, con respecto á enerxía eólica, Núñez Feijóo anunciou que se vai actualizar o Plan sectorial eólico de Galicia, de cara a optimizar as posibilidades de aproveitamento e ofrecer unha blindaxe xurídica definitiva a calquera desenvolvemento eólico futuro. Asimesmo, duplicarase a bonificación fiscal existente no canon eólico a aqueles promotores que aposten pola innovación e a redución do impacto ambiental, e se modificará o Decreto de repotenciación para axilizar ó máximo a tramitación administrativa destes investimentos e tamén os prazos de execución dos parques eólicos.

ESTREA DO PLAN DE ACCIÓN DA BIOMASA

No caso da biomasa, Feijóo explicou que o vindeiro ano se desenvolverá, por vez primeira, un Plan de Acción Integral da Biomasa en Galicia, para dotar de absoluta preferencia esta actividade económica. Asimesmo, incentivarase o uso práctico deste combustible, sendo prioritarios á hora de captar subvencións os proxectos de innovación relacionados con este tipo de enerxía. Feijóo tamén precisou que se aprobará unha orde de axudas de 10 millóns de euros para a implantación de equipos de biomasa térmica. A meta, afirmou o presidente da Xunta, é que o vindeiro ano se poñan en marcha máis de 1.000 instalacións de caldeiras deste tipo, e que cada ano se valoricen 18.000 toneladas de biomasa. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pantón acolle un obradoiro de emprego conxunto para tres concellos

Seguinte Nova

Seguen os apoios á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: