• O investimento por habitante na provincia de Lugo será de 728 euros, case o dobre que nas provincias atlánticas •A VAP Sarria-Monforte e a conexión do Porto Seco contan cunha partida para 2014, así como a mellora do entorno fluvial urbano de Sarria
• O pasado 19 de outubro, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, presentaba o proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para 2014, suliñando que o obxectivo destas contas é fortalecer o reequilibrio territorial entre as distintas provincias galegas. Según a responsable de Facenda, o investimento por habitante nas provincias interiores será case un 50% superior ás provincias atlánticas. A suma dos investimentos da Xunta e entes dependentes no próximo exercicio supón que o gasto por habitante será en 2014 de 728 euros na provincia de Lugo e de 704 na de Ourense, mentres que á de Pontevedra se destinará 484 euros e á de A Coruña 478. Deste xeito, a provincia de A Coruña terá unha dotación global de 543,4 millóns de euros; a de Pontevedra, de 461,9; a de Lugo de 251,5; e a de Ourense, de 229,6 millóns de euros.
“ORZAMENTOS REALISTAS E BASEADOS NO RIGOR E A RESPONSABILIDADE”
En términos globais, Elena Muñoz explicou que o 78% do gasto para o vindeiro ano irá destinado a sanidade, educación e servizos sociais, o que supón, según a conselleira, case 10 puntos máis de peso en comparación co ano 2009, o que as convirte nas contas “máis sociais da historia da Autonomía”. A responsable autonómica de Facenda suliñou que as de 2014 son unhas contas “realistas e baseadas no rigor e na responsabilidade”.
LUGO, A SEGUNDA PROVINCIA CON MÁIS INVESTIMENTO EN INFRAESTRUTURAS POR HABITANTE
Respecto á nosa provincia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dispón para o vindeiro exercicio un investimento de 165 euros por cada lucense, o que supón a segunda provincia con mais investimento per cápita en materia de infraestruturas, cunha partida de case 58 millóns de euros. Das partidas para o 2014 destacan as reservadas ás infraestruturas viarias, urbanas e hidráulicas que suman un total de 49,4 millóns de euros, o que implica un 85% do investimento global. En canto ás infraestruturas viarias, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruras destina 11,78 millóns de euros á conservación de estradas. O segundo investimento por volume neste apartado está destinado á Vía de Altas Prestacións Sarria-Monforte, con 7,97 millóns de euros, 2,6 millóns máis que no ano pasado. Asimesmo, o plan de mellora da seguridade vial contará con 4,49 millóns de euros. Á conexión do Porto Seco de Monforte destínase 3,5 millóns de euros das contas da Dirección Xeral de Mobilidade.
PARTIDA PARA A MELLORA DO ENTORNO FLUVIAL URBANO DE SARRIA
No apartado referido ás infraestruturas hidráulicas, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, reserva dúas importantes partidas para o sur de Lugo. Por unha banda, destínanse 0,68 millóns de euros á adecuación do cauce e ordenación das marxes dos ríos Sarria e Celeiro, na vila de Sarria, no marco dun convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Augas de Galicia e o Concello de Sarria. Por outra banda, os Orzamentos da Xunta destinan 0,33 millóns de euros a actuacións de saneamento en Pantón.
CASE 9 MILLÓNS DE EUROS EN ORDENACIÓN DO TERRITORIO PARA A PROVINCIA DE LUGO
A nivel provincial, o departamento de Urbanismo do Goberno autonómico consignou os fondos económicos para seguir apoiando a redacción e aprobación de plans xerais de ordenación municipal na provincia de Lugo, así como a execución de actuacións que melloren os contornos urbanos e os espazos públicos dos concellos lucenses, co ánimo de conservar e mellorar os hábitats e puntos de encontro dos veciños. Ao longo de 2014, este departamento xestionará case 9 millóns de euros para as liñas de actuación en materia de ordenación do territorio e urbanismo.
CREACIÓN E DOTACIÓN DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO COUREL
En relación cos investimentos destinados á mellora e conservación do medio ambiente, a Xunta de Galicia mobilizará máis de 1,5 millóns de euros para o desenvolvemento de melloras de avaliación ambiental, como os puntos limpos, e de conservación da natureza. Neste último apartado destaca o investimento que se reserva ás zonas de Rede Natura da provincia de Lugo, ás que se dedican case 70.000 para as axudas a concellos inscritos dentro desta demarcación e para a creación e dotación do Centro de Interpretación do Courel.