Cultura dende os escenarios
O público teatral de Sarria está de noraboa, xa que dende a concellería de Cultura levan dende comezos de outubro desenvolvendo unha completa programación teatral para todos os públicos. Logo de rematar a serie de representacións adicadas ós máis cativos durante outubro, o mes de novembro está adicado ó teatro para adultos. As representacións terán lugar, como ven sendo costume, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Sarria, e todas elas comezarán ás 20,00 horas.
CITA CO TEATRO OS SÁBADOS EN SARRIA
A primeira cita do teatro para adultos terá lugar o sábado 9 de novembro, coa obra “Os putativos”, a cargo do Grupo de Teatro de Ribadeo. Pola súa banda, o sábado seguinte, día 16, MDM Producións porá en escena a obra “La Criada Amorosa” de Carlo Goldoni.
SARRIA, UNHA VILA CON FORTE VÍNCULO COS ESCENARIOS
A programación do Mes do Teatro para adultos en Sarria terá un protagonismo local o sábado 23 de novembro, cando a Aula de Teatro do Concello de Sarria poña en escena a obra “Improvisación”. O pase deste día pode interpretarse como unha clara homenaxe á importante tradición dramatúrxica da vila, onde tanto público como actores dan vida a unha destacada actividade teatral ó longo de todo o ano. Pola súa banda, a última representación do Mes do Teatro para adultos está prevista para o sábado 30 de novembro, cando Nova Escena Teatro representará a obra “2155. Unha utopía futurista”.
PROGRAMACIÓN DO CONCELLO CO APOIO PROVINCIAL
Esta programación teatral para o mes de novembro está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Sarria, coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo.