O BNG chama a unha “batalla social”en contra do copago para enfermos crónicos

• O deputado lucense Cosme Pombo dixo que “o Goberno de Rajoy segrega ás persoas polo seu poder adquisitivo” •O chamamento contou co apoio do responsable comarcal de Lugo Sur, Ricardo Rodicio; do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e do alcalde de A Pobra do Brollón, José Luis Maceda

Un momento da rolda de prensa do BNG lucense na capital provincial, coa presencia, entre outros, do Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga; o delegado de Cultura e Turismo no ente provincial, Mario Outeiro; o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez; o responsable comarcal en Lugo Sur, Ricardo Rodicio; o deputado lucense Cosme Pombo; durante a intervención de Goretti Sanmartín, da Executiva Nacional do BNG. GPBNG.

Os responsables provinciais, comarcais e locais do Bloque Nacionalista Galego de Lugo expresaron en rolda de prensa convocada a mediados deste mes o seu rexeitamento á política de recortes sanitarios do Goberno central e autonómico, e fixeron un chamamento á “batalla social” para paralizar a entrada en vigor do copago da medicación dos enfermos crónicos. O deputado lucense no Parlamento galego, Cosme Pombo, manifestou a súa “esperanza” de que “a presión social obrigue ó PP a dar marcha atrás”.

“O GOBERNO DE RAJOY ESTÁ A CRUZAR TODAS AS LIÑAS VERMELLAS”

Pombo denunciou que “a decisión do Goberno de Rajoy significa cruzar todas as liñas vermellas”, xa que pretenden cobrar por medicamentos como Afinitor ou Tyverb utilizados para retrasar o cancro de mama, o Votrient ou Temodal utilizados para o tratamento do cancro de riñón e os tumores cerebrais respectivamente, a máis doutras medicacións como LCM prescritos para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos non resecabeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite crónica. O deputado autonómico polo Bloque Nacionalista Galego foi moi duro na súa crítica á postura do Goberno. Cosme Pombo alertou do “esquema mental deste Goberno”, que según o deputado nacionalista queda patente “nas palabras do vicepresidente do Goberno Galego, Alfonso Rueda, ou do alcalde de Ferrol e presidente da Fegamp, que consideraron unha cuestión menor prestar estes servizos aos cidadáns, porque á marxe de tratarse dunha canallada, demostra que carecen de corazón, sentimentos e humanidade.”

“O PRESIDENTE DA XUNTA ESTÁ NUNHA CRUZADA CONTRA A SANIDADE PÚBLICA”

Pola súa banda, a secretaria de Estratexia Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sinalou que “é o momento de dar unha grande batalla social que obrigue a Xunta de Galiza a paralizar esta decisión, como xa se ten feito noutros territorios, como Asturias e Castela-León, con gobernos nalgún caso das mesmas siglas que o galego”. Sanmartín afirmou que “é intolerable un goberno que cando enfermas, mesmo de doenzas crónicas graves, aínda por riba imponche unha a xeito de copago”. A nacionalista precisou que “esta decisión non se xustifica desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, algo que recoñeceu o presidente da Xunta, o problema está en que o presidente da Xunta está nunha cruzada contra a sanidade pública e tanto lle ten o que lle poida acontecer a unha persoa que careza de medios económicos”. Sanmartín explicou ademais a “especial repercusión” que este copago terá en Galicia, onde “os salarios e as pensións están á cola” do resto de España. “Todo aquilo que represente un copagamento repercute directamente na renda das persoas, diminúe o poder adquisitivo e opera como un elemento que grava a situación económica da xente”, precisou Sanmartín.

“TEMOS QUE SER RESPONSABLES COA NOSA SOCIEDADE”

O alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, o primeiro en anunciar que o seu Concello asumiría os custes do copago, afirmou que “a grande a maioría da sociedade, esa grande maioría de xentes de ben, non podemos dar por boa unha proposta que deixa fóra do dereito á saúde a persoas en función do seu poder adquisitivo, polo que temos que ser responsables coa sociedade de hoxe e a que lles imos deixar ós nosos fillos”.•

APOIO PROVINCIAL ÓS ENFERMOS RENAIS DE LUGO

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, asinou coa presidenta da Asociación para a Loita na Contra das Enfermidades Renais de Lugo (Alcer-Lugo), Carmen García, un convenio de colaboración polo que a institución provincial aporta 5.000 euros para cubrir o custe do servizo de transporte para ofrecer o tratamento de hemodiálise ós enfermos renais desta asociación. Deste xeito, Alcer-Lugo poderá seguir traballando para a mellora da situación das persoas con enfermidades renais ou con discapacidade así como das súas familias, favorecendo a integración e a normalización persoal.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A voceira do PP en Monforte asinou o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Seguinte Nova

Obras de acondicionamento na rúa Real de Quiroga

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: