
O pasado 19 de outubro, o BNG de Bóveda convocou unha concentración veciñal para reclamar unha “solución inmediata” do problema no servizo de abastecemento de auga potable. Preto dun centenar de veciños, e contando co apoio do grupo socialista, os nacionalistas de Bóveda esixiron diante da Casa Consistorial “a recuperación do suministro de auga potable en domicilios e negocios mentres non se realicen as obras da nova captación”.O voceiro nacionalista no Concello de Bóveda, Xosé Lois Vila, denunciou que “con tan só facer analíticas da auga e deixar pasar o tempo, como pretenden dende o grupo de Goberno do Concello, non se arranxa o problema”. Asimesmo, na convocatoria da mobilización o voceiro nacionalista anunciou que o seu grupo ía pedir no Pleno municipal a dimisión do Alcalde, “por entender que a defensa dos intereses da veciñanza do concello non se corresponde, e máis no momento actual, cos soldos que recibe cos impostos de todos nós”.
AUGA APTA PARA O CONSUMO
Un día antes da mobilización veciñal convocada polos nacionalistas, o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, anunciaba que a auga do suministro era xa “perfectamente apta para o consumo”, despois de coñecer que a Xunta validara “a idoneidade” da auga nos distintos controis realizados. O alcalde daba así por resoltos os problemas que afectaron ó servizo nos últimos meses, e anunciou que non se cobrará o consumo de auga correspondente ós meses de agosto, setembro e outubro, “no periodo no que se detectaron as incidencias”. José Manuel Arias agradeceu “o celo e a dilixencia coa que actuaron as autoridades sanitarias”, e agradeceu “a comprensión demostrada polos veciños durante estes últimos días”.•