Celebrou en Seoane a súa XXVI edición
Esta foi a primeira convocatoria tralo seu recoñecemento, o pasado mes de setembro, como Festa de Interés Turístico de Galicia
A posta en valor dos produtos da nosa terra é a razón de ser do amplo calendario de festas gastronómicas que cada ano gañan atractivo e visitantes. Co outono chegou o tempo da castaña, e o lugar máis indicado para ensalzala sitúase no corazón do Courel.
RECÉN DECLARADA FESTA DE INTERÉS TURÍSTICO DE GALICIA
O pasado 9 de novembro, a parroquia de Seoane, no municipio de Folgoso, celebrou a Festa da Castaña do Courel, que este ano acada a súa vixésimo sexta edición estreando a recén acadada categoría de Festa de Interés Turístico de Galicia. Esta denominación fora solicitada polo Concello de Folgoso do Courel baseándose en que esta iniciativa, que naceu no ano 1986, contaba con suficiente antigüidade, singularidade e arraigo, así como valor cultural, para ser distinguida con este recoñecemento. A Festa da Castaña do Courel celébrase alternativamente na capitalidade municipal e na aldea de Seoane, á que lle correspondeu acoller esta especial edición.
MÚSICA, VIÑO, ARTESANÍA E DEGUSTACIÓN GRATUÍTA DE CASTAÑAS TODO O DÍA
O campo da Feira de Seoane mantivo unha animación constante dende as 12 da mañá, cando comezou a degustación gratuíta de castañas asadas, amenizada pola actuación de grupos de música tradicional. Xa á unha e media tivo lugar a lectura do pregón, este ano a cargo da xornalista Manola Porto López e do catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez, director da Estación Científica do Courel e presidente do Consello Consultivo do Parque Natural das Fragas do Eume. Posteriormente, na Estación Científica do Courel, inaugurouse unha exposición de artesanía rural. A festa continuou durante todo o día, no que veciños e visitantes puideron acompañar as castañas e o viño con diversas actuacións musicais, degustación de outros produtos derivados da castaña e da terra, e adquirindo diversos produtos de artesanía local.
APOSTA POLOS PRODUTOS AUTÓCTONOS COMO MOTORES DA ECONOMÍA PRODUTIVA LOCAL
Durante a presentación da XXVI Festa da Castaña do Courel, a Deputada provincial de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, destacou que a Deputación de Lugo financia economicamente a cita dentro da súa aposta polos produtos autóctonos para xerar riqueza na provincia. García Porto salientou a importancia que a comercialización da castaña e dos seus derivados ten para este municipio e para toda a comarca, así como a propia celebración desta festa. “A cita dá a coñecer, non só a calidade do froito, senón tamén os recursos naturais deste municipio”, precisou Pilar García Porto. A Deputada insistiu en que “o organismo provincial pon en valor produtos autóctonos de calidade como a castaña do Courel, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida, para activar a economía local e frear a sangría demográfica que padece a provincia, sobre todo no rural”. Neste sentido, Pilar García Porto lembrou que o organismo provincial ten en marcha, o programa Soutos, no que se inclúe o municipio de Folgoso do Courel, para a recuperación e plantación do cultivo da castaña, xerando emprego neste sector, no que están incluídos fundamentalmente Pemes e autónomos.
Pola súa banda, o delegado de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, destacou que a festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, combina dous aspectos fundamentais que dan conta da súa importancia, xa que “por unha banda, reúne a milleiros de persoas para exaltar a súa calidade e, por outra banda, a cita é un dos motores da economía produtiva da zona”. O Delegado de Cultura agradeceu o esforzo dos organizadores, e avogou por darlle á castaña a importancia na economía familiar que tivo antano. Na presentación da Festa, a representante dos organizadores, Matilde Arza, agradeceu o financiamento da Deputación como “fundamental para a celebración desta festa”.
Pola súa banda, dende o Concello de Folgoso do Courel destacaron esta celebración como “unha pequena homenaxe a castaña”, reivindicando o seu valor estratéxico para as economías caurelás, xa que ó redor deste produto galego desenvólvese unha actividade empresarial moi importante para a zona. Moitos particulares recollen as castañas e logo véndenas en fresco ou logo de secalas nos tradicionais sequeiros, sendo esta actividade moi importante para o desenvolvemento da zona. Dende o Concello de Folgoso destacaron que a consideración deste evento como Festa de Interese Turístico Galego supón “o recoñecemento ao traballo feito a favor desta celebración e colócaa no lugar que se merece”, e gabaron a “participación activa” de varias asociacións locais na celebración desta cita.•