A Consellería de Cultura programa unha serie de actividades culturais en monumentos recén restaurados
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achega a Lugo o ciclo ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’, unha iniciativa que programa actividades culturais en monumentos das catro provincias onde se realizaron recentemente ou está previsto levar a cabo restauracións de interese artístico e arquitectónico. O 17 de novembro é a data de estrea deste programa na nosa provincia, na chantadina igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, onde a Consellería ven de rematar os traballos de recuperación das pinturas murais que decoran o muro norte, que permanecían tapadas. Co obxectivo de poñer en valor do patrimonio recuperado, o ciclo ‘Monumenta’ inclúe un programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial coa participación da cidadanía.
A primeira actividade en Santa María de Nogueira de Miño é nun obradoiro para familias sobre a restauración das pinturas e un faladoiro coa veciñanza do lugar, que recollerán as súas lembranzas vinculadas ao templo, e a continuación, haberá un concerto coa Coral Polifónica de Chantada. Para rematar, Xurxo Souto, cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en filoloxía clásica, establecerá un diálogo cos integrantes da Coral que permitirá afondar no traballo que a agrupación ven realizando dende 1964.•