A Deputación investiu preto de 50.000 euros
•Estas actuacións contribuíron a manter 20 postos de traballo de autónomos e Pemes •Os traballos foron financiados integramente polo organismo provincial a través do Plan de Axudas no Medio Rural
Un total de nove concellos do sur de Lugo veñen de beneficiarse das melloras nas dotacións públicas en áreas rurais que a Deputación de Lugo financiou integramente dentro do Plan de Axudas do Medio Rural. Cun investimento de 50.000 euros, estas obras foron realizadas por vinte autónomos e Pemes lucenses, “co que o organismo provincial contribúe ó mantemento de emprego no rural e á loita contra o despoboamento”, según precisou a deputada provincial Pilar García Porto.
OBRAS EN CARBALLEDO
A responsable de Economía, Recadación e Facenda na Deputación achegouse a Carballedo para supervisar os traballos de rehabilitación da fonte pública no lugar de Laxa de Temes, que dá servizo a unha decena de familias. Según explicaron os responsables provinciais, os traballos consistiron no entubado da canle de auga para garantir a súa salubridade, e o acondicionamento do chan e a instalación dun teito cos que se facilite o acceso dos veciños á fonte e o seu uso.
MELLORAS NOUTROS OITO MUNICIPIOS
Ademais desta actuación en Carballedo, tamén se completaron no sur lucense outras oito obras. Así, na parroquia de Vilar en Taboada realizáronse arranxos en diversos camiños rurais, así como na parroquia chantadina de Muradelle e en diversos puntos do términio municipal de Monforte. Tamén, en Quiroga levouse a cabo o acondicionamento dunha fonte pública con cargo a este Plan, mentres que en Pantón realizáronse melloras en accesos a viñedos en diversos puntos. En A Pobra do Brollón o investimento foi destinado á recuperación dunha área recreativa, mentres que en Ribas do Sil as melloras realizáronse na canalización do regadío. Por último, en Bóveda levouse a cabo a limpeza do rego.•