O operativo estará disposto dende comezos de novembro ata o mes de maio
A Xunta de Galicia ven de poñer en marcha o operativo do Plan de Vialidade Invernal na provincia de Lugo, que estará en funcionamento ata o mes de maio co obxectivo de reforzar a seguridade viaria na rede de estradas de titularidade autonómica na provincia de Lugo.
OPERATIVO EN FUNCIONAMENTO DURANTE OS VINDEIROS SEIS MESES
Neste sentido, o pasado 2 de novembro a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, revisou en Lugo parte do operativo posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Según explicaron dende este departamento autonómico, o obxectivo do Plan de Vialidade Invernal é reforzar a seguridade viaria das estradas fronte ás inclemencias climatolóxicas propias do inverno, ofrecendo unha resposta inmediata e eficaz mediante a retirada da neve ou a distribución de sal cando as condicións así o requiren. Este operativo estará en funcionamento durante os vindeiros seis meses.
A CONSELLERÍA MANTÉN “O MESMO NIVEL DE DOTACIÓN MATERIAL E DE PERSONAL QUE NO EXERCICIO ANTERIOR”
Raquel Arias, acompañada polo xefe territorial da Consellería, José María López Vega, e o xefe do servizo de Infraestruturas, Gerardo Pallares, reuniuse tamén co persoal da centro-base de mantemento do departamento autonómico en Lugo. Durante a visita, a delegada territorial da Xunta na provincia suliñou que o departamento autonómico “mantén no presente ano o mesmo nivel de dotación de medios mecánicos e físicos que no exercicio anterior”. Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destina un equipamento total para a provincia de Lugo composto por 18 máquinas quitaneves, xa activas para actuar. As máquinas dispoñen dos correspondentes sistemas de empuxe para a neve (en forma de cuña e folla) e catro destas máquinas están dotadas de esparexedores de salmoira, un fundente líquido constituído por unha solución salina que ofrece mellores resultados para actuar na prevención da formación de placas de xeo, sendo tamén máis respectuoso co medio ambiente. Asimesmo, están dispoñibles dentro deste equipamento catro plantas de fabricación e abastecemento de salmoira para o operativo do Plan de Vialidade Invernal, completados polos 11 silos de sal distribuídos estratexicamente pola xeografía da provincia. En conxunto, o operativo autonómico para a provincia conta cun total de 15 depósitos dos distintos produtos empregados para manter a vialidade na rede de estradas. O silos de sal do Plan de Viabilidade Invernal da Xunta en Lugo están situados no Corgo, Pedrafita, Xermade, A Pastoriza, Quiroga, Begonte, Castroverde, Chantada e O Incio, así como dous na Fonsagrada. Con este reparto, “preténdese gañar en operatividade, chegando canto antes aos puntos que presenten algunha dificultade para o tráfico, pero tamén procurar a eficiente distribución do material”, segundo precisou a delegada territorial. Arias indicou tamén que a meirande parte dos silos teñen capacidade para albergar 60 toneladas de sal, aínda que algúns poden acoller ata 100 toneladas.
PRETO DUN MILLÓN DE EUROS NO PLAN INVERNAL EN LUGO
Según explicou a delegada territorial da Xunta en Lugo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inviste preto de un millón de euros neste operativo especial de inverno para o mantemento das condicións de circulación nas estradas lucenses de titularidade autonómica, incluíndo tamén neste investimento o custe previsto para o subministro de sal, tomando como referencia datos dos últimos anos. As cifras da presente campaña revelan tamén que o plan alcanza á totalidade da rede viaria da Xunta na provincia, que abrangue 1.500 quilómetros, e implica a arredor de 70 traballadores. Según explicaron os responsables da Consellería, ademáis dos traballadores propios do departamento autonómico, dúas empresas cobren este servizo, incluído nos respectivos contratos de conservación integral. A efectos de contratar a prestación deste servizo, a rede de estradas provinciais dividiuse en dúas áreas, norte e sur, separadas figuradamente pola estrada N-VI entre Guitiriz e Lugo, e a estrada de Fonsagrada, dende a capital cara ao límite da provincia.
TAREFAS PREVENTIVAS ADICIONAIS NAS ESTRADAS
Ademais de dar resposta a todas as incidencias que se produzan nas estradas por causas derivadas da estación invernal, dende a Consellería estanse a realizar de xeito continuado accións preventivas, aínda que a estrada se atope aparentemente libre de xeo ou neve. •