Impulsada pola Asociación Veciñal de O Saviñao, acaba de ser homologada
O pasado 8 de novembro, a Asociación Veciñal de O Saviñao organizou unha camiñata moi especial, para celebrar a recente homologación da ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, que ven de ser recoñecida pola Federación de Montañismo e Sendeirismo co distintivo PR-G 162 logo dun exhaustivo traballo de varios anos por parte deste colectivo veciñal.
RUTA RÍO ARRIBA EN CATRO ETAPAS
Esta ruta de ribeira percorre máis de 30 quilómetros entre Sto. Estevo de Ribas de Miño e Sto. Estevo de Atán, nun longo itinerario dividido en catro etapas. Nesta ocasión, o colectivo veciñal propuxo unha ruta á inversa, río arriba, da etapa que vai dende Cima de Atán ata Marce, seis quilómetros de aromas, texturas e colorido por camiños dende os que se vislumbran minas de auga, e que levan ata a igrexa románica de Sto. Estevo de Atán, para subir á aldea abandoada de Reiriz, ver as airas da malla enlousadas antes de Seoane, e introducirse no bosque ribeireño, poboado de sobreiras e madroños, coa ineludible visita á fervenza de Augacaída, logo de atravesar o regato Aguianza. Un paseo natural que xa pode disfrutarse gracias ó traballo e á constancia desta asociación veciñal.
POSTA EN VALOR DUN TERRITORIO EXCEPCIONAL
Cando estes veciños comezaron o deseño deste percorrido, buscaban dotar dunha ruta de sendeirismo ó municipio de O Saviñao, que non tiña ningunha senda homologada, e potenciar o protagonismo do pai Miño, o gran olvidado fronte o Sil nos trazados sendeiristas da Ribeira Sacra. Ademais, trataban así de ampliar a oferta de actividades na natureza nesta zona. «Consideramos que a Ribeira Sacra é rica en vexetación, paisaxe, patrimonio, viticultura e tradicións culturais», explicou Manuel Sarmiento, vicepresidente da Asociación Veciñal de O Saviñao, «e eses son os elementos que temos que ofrecer para atraer visitantes e conseguir ser Patrimonio da Humanidade». No seu haber teñen tamén conseguir a sinalización, limpeza e o acordo entre veciños para ofrecer o acceso ó dolmen de Abuíme, unha das escasas mostras do Neolítico na comarca. Ademais, comezan a ver cumplido o seu obxectivo de promoción da zona: un grupo de 50 sendeiristas de Lugo farán a ruta a mediados deste mes, e os establecementos de hostelería próximos á senda xa notan o movemento de visitantes. «Hai que sumar alternativas e ofertas, sen localismos, co obxectivo común de facer medrar a oferta da Ribeira Sacra».•