Galicia, a segunda comunidade onde máis se usa a administración electrónica

Só superada pola Comunidade de Madrid

Según informou a Xunta de Galicia, os datos do Instituto Nacional de Estatística sobre equipamento e uso das TIC nos fogares en 2013 sitúan a Galicia no segundo posto do ranking de Comunidades Autónomas no emprego dos servizos da e-Administración durante os últimos doce meses. Deste xeito, Galicia sube un posto respecto a 2012 na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet para obter información e descargar formularios, sendo só superada pola Comunidade de Madrid.

INFORMACIÓN XERAL, DESCARGA E ENVÍO DE FORMULARIOS OFICIAIS, OS USOS MÁIS FRECUENTES EN GALICIA

Segundo os datos do INE, un 61,5% dos internautas galegos obtivo información de páxinas web da Administración, o que supón 5,5 puntos máis que a media estatal; por outra banda, un 43,1% dos usuarios descargou formularios oficiais, o que contabiliza 3,5 puntos máis que a media estatal. Ademais, un 33,6% destes usuarios enviou formularios cumprimentados a través de Internet, o que supón 1,7 puntos máis que a media estatal.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite realizar preto de 600 procedementos as 24 horas os 365 días do ano, e coa máxima garantía. Arquivo EC.

MÁIS DE 11.000 PROCEDEMENTOS ONLINE NA SEDE ELECTRÓNICA DA XUNTA ATA SETEMBRO

Desde a Xunta de Galicia estase a impulsar o uso da Administración electrónica a través das medidas do Plan de Modernización da Administración autonómica. Un dos fitos do Plan foi a posta en marcha en 2011 da sede electrónica, a ferramenta para a xestión telemática de cidadáns e empresas. Nos primeiros nove meses do ano presentáronse máis de 11.000 procedementos online a través de https://sede.xunta.es. A sede ten dispoñibles preto de seiscentos procedementos, e no que vai de ano recibiu máis de 200.000 visitas, case o dobre das realizadas en todo o 2012. O pasado mes de setembro, o número de presentacións electrónicas creceu significativamente respecto ao mesmo período do ano anterior, pasando de 143 a 3.074.

SIMPLIFICACIÓN DA XESTIÓN TELEMÁTICA

Para aumentar o emprego da sede entre cidadáns e empresas a Xunta simplificará a xestión telemática facilitando o uso de claves concertadas para acceder á sede electrónica. Esta é unha das medidas recollidas no protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado recentemente no Consello do Goberno galego. Coa posta en marcha desta medida, que se prevé que estea operativa en 2014, a Xunta habilita un novo mecanismo de acceso a Administración electrónica para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos. Para ser usuario deste sistema só será necesario darse de alta no servizo, verificando a súa identidade nas oficinas de rexistro habilitadas, ou na sede electrónica. Verificada a súa identidade, o usuario recibirá no móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF para acceder á sede electrónica. Este mecanismo será transversal a toda a Administración xeral e o sector público de Galicia, permitindo aos cidadáns dispoñer dun único usuario e contrasinal con independencia da consellería coa que se relacione. Cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica, e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite. Este sistema aplicarase a determinados procedementos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A aplicación MeteoRoute, xa dispoñible para Android

Seguinte Nova

Estrea oficial da Ruta de Sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño PR-G 162

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: