Máis apoios para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

•A campaña de recollida de sinaturas impulsada pola Deputación de Lugo rexistrou máis de 4.500 nun mes •O Senado respalda a candidatura por unanimidade • A proposición non de lei que presentou o PP na Cámara galega foi apoiada por todos os partidos agás AGE

O autobús da campaña de recollida de sinaturas que a Deputación de Lugo puxo en marcha fixo unha parada en Portomarín, onde foi recibido pola deputada provincial Pilar García Porto e o alcalde Juan Serrano. GPDL.

A candidatura da Ribeira Sacra a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade segue a dar pasos adiante nestes días. A iniciativa está a conciliar apoios dende a cidadanía, como demostran as máis de 4.500 firmas recollidas no libro oficial da UNESCO en tan só un mes dentro da campaña itinerante que a Deputación de Lugo puxo en marcha coincidindo coas festas do San Froilán na capital provincial. O autobús rotulado e o stand informativo que integran a campaña itinerante veñen de visitar os concellos de Lugo, Monforte, Chantada, Ribas do Sil, Taboada e Portomarín, co obxectivo de completar o percorrido por toda a provincia de Lugo neste ano. Está previsto que a campaña itinerante percorra o resto de Galicia e España ó longo de 2014. Hai que recordar que campañas similares foron desenvolvidas tamén para a declaración doutros bens galegos como Patrimonio da Humanidade. Tal foi o caso da cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago, a Torre de Hércules ou a Muralla de Lugo.

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, enviou ó presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, o protocolo de colaboración para o impulso conxunto da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. GPDL.

“IMPRESCINDIBLE” QUE ADMINISTRACIÓNS E CIDADANÍA TRABALLEN CONXUNTAMENTE POR ESTE OBXECTIVO

A recollida de sinaturas a pé de rúa está a ser valorada positivamente polos responsables provinciais. A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, considerou “un éxito” ter acadado nun só mes máis de 4.500 firmas, “tendo en conta que, polo momento, o autobús leva percorrido a parte da zona sur da provincia”. García Porto afirmou que “estabamos convencidos dende o principio que os lucenses respostarían deste xeito, porque saben que a Ribeira Sacra merece, cando menos, esa candidatura, e que esta é unha oportunidade única para toda a provincia”. Neste sentido, a deputada provincial suliñou que a implicación da cidadanía resulta fundamental para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, encargado de presentar a proposta ante a UNESCO, se decida a favor da candidatura da Ribeira Sacra. “É imprescindible que administracións e cidadanía traballemos conxuntamente para acadar o obxectivo”, explicou García Porto.

A campaña de sinaturas en favor da declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade tamén fixo parada en Taboada, o pasado 4 de novembro. GPDL.

PROTOCOLO DE COLABORACIÓN ENTRE AS DÚAS DEPUTACIÓNS

Ademais do traballo desenvolvido pola Deputación de Lugo na captación de apoios na rúa para a candidatura da Ribeira Sacra, no ente provincial están a traballar a nivel administrativo e documental no impulso desta iniciativa. Así, a comezos de novembro, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, enviou ó seu homólogo na Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, o protocolo de colaboración para o impulso conxunto da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Este documento é o resultado do encontro que ambos mandatarios tiveron en Monforte o pasado 7 de outubro, no que concretaron a folla de ruta para acadar a declaración oficial deste espazo natural e cultural, compartido polas provincias de Lugo e Ourense. Este documento será remitido, posteriormente, ós 21 concellos que integran a Ribeira Sacra, e á Xunta de Galicia. Os responsables provinciais suliñaron a importancia do traballo conxunto que están a realizar as dúas Deputacións, dado que o territorio da Ribeira Sacra inclúe trece concellos lucenses e oito ourensáns. Aínda así, a colaboración do Goberno galego, xa que é o responsable de presentar a candidatura diante do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, resulta “imprescindible” para que esta candidatura sexa oficial.

ANO E MEDIO DE TRABALLO PREVIO DA DEPUTACIÓN LUCENSE NESTE PROXECTO

Asimesmo, dende a Deputación de Lugo lembran que o impulso da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade foi un dos compromisos asumidos polo presidente provincial, Gómez Besteiro, na súa investidura no ano 2011, como «unha das liñas programáticas» do seu mandato. Neste sentido, o organismo provincial leva xa un ano e medio traballando no proxecto, levando a cabo varios encontros cos promotores da candidatura da Muralla de Lugo e da Torre de Hércules, para asesorarse sobre os procedementos e xestións necesarias, e poder acadar así o mesmo resultado exitoso. Ademais, Gómez Besteiro presentou no Pleno provincial unha moción, que foi aprobada por unanimidade, para impulsar esta candidatura, e dirixirse ás administracións implicadas para acadar o seu apoio. Esta mesma moción foi aprobada tamén no Pleno da Deputación de Ourense.

APOIO UNÁNIME DO SENADO Á CANDIDATURA DA RIBEIRA SACRA

Para dar continuidade ó traballo do organismo provincial, o senador socialista por Lugo Ricardo Varela presentou, xunto co senador socialista por Ourense Miguel Fidalgo, unha moción na Cámara Alta para acadar o apoio desta institución á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Este apoio materializouse nunha declaración institucional para instar ó Goberno central a que impulse este recoñecemento a nivel nacional. Ricardo Varela destacou que a Ribeira Sacra posúe «méritos únicos»para ser incluída como Ben Mundial, «xa que se trata dun espazo singular polas súas características morfolóxicas, climáticas, paisaxísticas, histórico-artísticas e polas posibilidades de desenvolvemento turístico e económico». O apoio do Senado á candidatura da Ribeira Sacra foi aplaudido polos alcaldes e voceiros socialistas nos municipios lucenses, que manifestaron a súa «satisfacción» porque «este respaldo é necesario para acadar a declaración, que permitirá revitalizar economicamente a zona».

As deputadas autonómicas do Partido Popular por Lugo e Ourense, Julia Rodríguez e Cristina Romero, tralo encontro mantido en Monforte con alcaldes e portavoces do seu partido en Lugo e Ourense en apoio da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. EC.

APOIO DOS ALCALDES E PORTAVOCES DO PP A UNHA CANDIDATURA «XUSTA E RESPONSABLE»

O impulso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade conta co apoio dos alcaldes e voceiros do Partido Popular nos concellos lucenses e ourensáns deste territorio, que se reuniron en Monforte o día 9 para manifestar o seu respaldo a unha «candidatura xusta e responsable de toda a sociedade galega».

«DEMANDA DE PAÍS QUE DEBE SER APOIADA POR TODOS»

O encontro foi liderado pola deputada autonómica Julia Rodríguez, tamén voceira do Partido Popular no Concello de Monforte, e a deputada autonómica ourensá Cristina Romero, que describiron este encontro de Monforte como «a demostración do noso apoio» á proposición non de lei presentada polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia», e que conseguiu o apoio de todos os grupos parlamentarios agás AGE, que decidiu abstenerse. Julia Rodríguez invitou ós representantes de AGE na comarca a que expliquen o seu rexeitamento «a unha iniciativa que pretende o despegue económico e social da Ribeira Sacra», un proxecto “de todos” no que non deberían existir fisuras, xa que se trata «dunha demanda de país á que Galicia aspira no seu conxunto, capaz de superar todas as fronteiras, e un frente claro de oportunidades de promoción a nivel internacional».

A proposición non de lei presentada polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia instaba á Xunta a prestar todo o seu apoio e asesoramiento técnico ós promotores da candidatura para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, así como para a posterior presentación da mesma diante dos organismos e entidades competentes para que procedan á súa análise e, no seu caso, á súa aprobación e declaración.

IMPORTANCIA DO TRABALLO TÉCNICO DO VALEDOR DO POBO

Tanto Julia Rodríguez como Cristina Romero destacaron a importancia do traballo técnico que está a desenvolver o Valedor do Pobo a través dun equipo multidisciplinar, e que servirá para avanzar no obxetivo final de que a Ribeira Sacra acade o recoñecemento como Ben Mundial.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta avoga polo diálogo co que acadar un acordo de viabilidade para Cementos Cosmos

Seguinte Nova

O Camiño de Santiago, unha das experiencias turísticas máis sustentables según a Organización Mundial do Turismo (OMT)

Últimas noticias sobre CULTURA

 
A %d blogueros les gusta esto: