Monforte secundou as mobilizacións convocadas por toda Galicia en defensa da sanidade pública

Máis de 400 persoas secundaron a concentración na Praza de España

•Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade convocou concentracións en toda Galicia o pasado 8 de novembro •A concentración de Monforte foi apoiada por Pladesapu, asociacións, sindicatos e partidos de esquerda

A Praza de España de Monforte de Lemos acolleu a concentración do 8 de novembro dentro da convocatoria para toda Galicia de Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade. EC.

O pasado 8 de novembro, Monforte sumouse á convocatoria que Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade desplegou por toda a xeografía galega para defender o mantemento da sanidade como un servizo universal e gratuíto. Baixo o lema “O repago mata”, diversas asociacións cidadáns como a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (Pladesapu Monforte), e os responsables locais e comarcais no sur de Lugo do Bloque Nacionalista Galego e o PSdeG-PSOE acompañaron ós máis de 400 cidadáns que se concentraron na Praza de España para defender de xeito silencioso o dereito á sanidade gratuíta fronte ás medidas gubernamentais do copago dos medicamentos e o repago de servizos sanitarios.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte participou na concentración de Monforte, secundada tamén por partidos políticos de esquerda, sindicatos e asociacións. EC.

“POLA UNIVERSALIDADE DA SANIDADE. NIN UNHA SOA PERSOA MORTA POR FALTA DE RECURSOS”

Así titulaba o manifesto pola sanidade pública feito público por Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, entidade convocante das concentración en toda Galicia. “A aprobación por parte do Goberno do Estado dunha resolución pola que os/as pacientes crónicos/as teñen que afrontar o copagamento das medicinas que lles dispensan na farmacia dos centros hospitalarios significa cruzar todas as liñas vermellas da sanidade”, suliñan dende Iniciativa. “Con esta medida, cobraranse medicamentos como Afinitor ou Tyverb, empregados en cancros de mama, ou Votrient ou Temodal para o tratamento de cancro de ril e tumores cerebrais respectivamente, así como outras medicacións para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos resecables e/ou metastásicos do estroms gastrointestinal, a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite C crónica”, precisaron no manifesto, no que Iniciativa contabiliza ata 157 presentacións farmacolóxicas de pouco máis de 50 medicamentos “que, según o Boletín Oficial do Estado, cumpren coas condicións para seren considerados de achega reducida, ao se tratar de medicamentos de eleccións de enfermidades graves ou crónicas, e estar limitada a súa distribución a pacientes non hospitalizados nos servizos de farmacia dos hospitais”.

Baixo o lema “O repago mata”, os participantes na concentración de Monforte manifestaron de xeito silencioso o seu rexeitamento ás medidas do Goberno central esixindo o copago de ata 157 presentacións farmacolóxicas en tratamentos graves e crónicos. EC.

“ESTE NOVO IMPOSTO Á ENFERMIDADE É UNHA MEDIDA INXUSTA, INHUMANA E INDIGNA”

Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade explica no seu manifesto que esta resolución do Goberno central fixa unha achega da persoa usuaria para estes medicamentos, que estaban exentos do copagamento, nun 10 por cento do seu prezo, cun máximo actualmente de 4,20 euros. “Non hai dúbida de que este novo repagamento, este novo imposto á enfermidade, supón unha carga moi importante na economía de moita xente desfavorecida, persoas que xa non son quen de chegar a fin de mes e outras que xa nin comezan o mes”, precisan dende Iniciativa, que cualifican esta medida de “indigna, inhumana, inxusta, que retrata a un goberno que actúa ó servizo do poder económico”. Dende Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade precisaron que “as persoas, organizacións políticas e sindicais, colexios profesionais e colectivos sociais que apoiamos este manifesto non imos dar por bo unha resolución que deixa fóra do dereito á saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo, que non se xustifica mesmo desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, que non garante que a sanidade en Galicia vaia continuar a ser universal e gratuíta”. No seu manifesto, Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade insta ó presidente da Xunta de Galicia a que paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, e demandar do Goberno do Estado a derogación da resolución recollida no BOE do 10 de setembro que establece a obligatoriedade da achega do usuario para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas en dita Resolución”.

APOIO DO SINDICATO CESM-OMEGA MONFORTE, QUE AGRUPA ÓS MÉDICOS DO SUR DE LUGO, Á MOBILIZACIÓN

Asimesmo, Carlos López Otero, representante de Cesm-Omega Monforte, sindicato que agrupa ós médicos do sur da provincia de Lugo, fixo público un comunicado no que manifestou “ante a opinión pública e ante os nosos gobernantes o noso total desacordo e rexeitamento á aprobación por parte do Goberno de Galicia do copago farmacéutico non só hospitalario para enfermos con enfermidades crónicas, senón tamén o copago en farmacias externas, sobre todo para pensionistas e xente con poucos recursos”. O representante sindical dos médicos do sur de Lugo expresou “o noso rexeitamento do copago de produtos ortopédicos que afecta sobre todo a discapacitados físicos e xente dependente”. López Otero remata o seu comunicado expresando “o noso apoio ás mobilizacións da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, e chamamos a toda a xente a que apoien e se sumen a todas as iniciativas por ela promovidas”.

A CIG-SAÚDE DENUNCIA QUE O HOSPITAL DE MONFORTE NON CUBRE SUBSTITUCIÓNS DO PERSOAL PERO SÍ DO CAPELÁN

En canto á sanidade pública, o Hospital de Monforte volveu ser actualidade esta quincena. O sindicato CIG-Saúde denunciou a finais de outubro que o Hospital Comarcal non está a cubrir as substitucións do persoal alegando “que non hai cartos, pero sí substitúen ó capelán durante as súas vacacións en todo o mes de outubro”. O sindicato cualifica este feito de “moi grave, xa que nos parece moito máis importante cubrir as baixas dos que curan enfermidades que as dos que curan almas”, suliñando que as substitucións do capelán “serán, en todo caso, competencia do obispado, non do Hospital”. O sindicato precisou que os 53 capeláns que ten contratados o Sergas supóñenlle un custo de 635.263,54 euros. O día 7, CIG-Saúde volvía a incidir sobre a xestión da cobertura das substitucións no Hospital de Monforte. Nesta ocasión, a central sindical denunciou “que se están a cubrir as ausencias do persoal titular con persoal en práticas e sen contrato”, para servizos tan importantes como os tratamentos de Oncoloxía ou Urxencias.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Festa da Castaña do Courel, máis festa que nunca

Seguinte Nova

En marcha o Plan de Viabilidade Invernal das estradas autonómicas en Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: