A Deputación aproba uns Orzamentos de 89 millóns de euros para 2014

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, na presentación dos Orzamentos do organismo provincial para 2014, xunto co vicepresidente primeiro, Antonio Veiga, e a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto. GPDL.

O pasado 26 de novembro, os Orzamentos da Deputación de Lugo para 2014 foron aprobados no Pleno da Corporación provincial cos votos en contra do Partido Popular. Estes Orzamentos, que ascenden a 89.441.549 euros, manteñen a cantidade con respecto a 2013, e teñen como “máxima prioridade”, según explicaron os responsables provinciais, “a creación de emprego, así como garantir uns servizos públicos de calidade, a máxima cooperación cos Concellos, e o mantemento dunhas contas públicas saneadas.”

O EMPREGO, “A MÁXIMA PRIORIDADE” DAS CONTAS PROVINCIAIS PARA 2014

Durante a presentación dos Orzamentos 2014, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que a creación de emprego é “a máxima prioridade” das contas provinciais do vindeiro ano. “En 2014 executaremos programas por valor de 12,8 millóns de euros, centrándonos nos parados de longa duración, nos mozos en nos desempregados maiores de 55 anos”, precisou Gómez Besteiro. O mandatario provincial explicou que os Orzamentos inclúen novas partidas económicas por este concepto, por un total de 5,7 millóns de euros. O importe restante para a dotación destinada a emprego, 7,1 millóns de euros, corresponden a fondos que a Deputación de Lugo conseguiu captar do Estado e da Unión Europea, “dos que xa dispoñemos e que imos executar o vindeiro ano”, en referencia ó Pacto Provincial polo Emprego e o plan de emprego en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI).

GÓMEZ BESTEIRO: “A XUNTA RENUNCIOU A LOITAR CONTRA O PARO”

Gómez Besteiro aproveitou a presentación dos Orzamentos 2014 para criticar “os continuos recortes da Xunta, que renunciou a loitar contra o paro”. O mandatario provincial lembrou que, nos últimos dous anos, a Deputación de Lugo aumentou nun 90% os investimentos en emprego, xa que en 2012 destinaba 1,5 millóns de euros a este concepto, e no 2014 investirá 12,8 millóns de euros. Besteiro explicou este “esforzo inversor” porque “dende a Deputación de Lugo respondemos con responsabilidade e eficacia a un drama que non ten resposta por parte da Xunta de Galicia, administración que ten as competencias nesta materia”. Neste sentido, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, apuntou que en materia de emprego “a Xunta non está nin se lles espera, xa que non pon en marcha ningunha política activa de emprego”. Pola súa banda, a deputada provincial de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, explicou durante o Pleno no que se aprobaron os Orzamentos 2014 que os 12,8 millóns de euros que a Deputación destina ó emprego nestas contas contrasta cos 4 millóns que a Xunta adicou a esta materia en 2013, “aínda que conta con 100 veces máis orzamento”. Neste sentido, a deputada de Economía, Recadación e Facenda pediu ó Partido Popular “que recapacite ante o problema máis grave deste país”, e lembrou asimesmo que as achegas en emprego do actual Goberno provincial “distan moito tamén das que facía o Partido Popular na súa etapa á fronte da Deputación”, xa que, según Porto, foron de 18.030 euros en 2006 e 2007.

EMPREGO A TRAVÉS DOS INVESTIMENTOS NO CENTRO DE RECRÍA

Ademais destas liñas de acción directa do fomento do emprego, a deputada de Economía, Recadación e Facenda destacou que a Deputación mantén empregos ó incluir nos Orzamentos 2014 unha partida de 4,5 millóns de euros para rematar o primeiro centro de recría de gando vacún de España, «xa que os 200 empregos que supón a última fase das obras son de Lugo». Ademais, a posta en marcha deste centro de recría, prevista para 2015, potenciará, según destacou García Porto, «un sector estratéxico para Galicia como é o agrogandeiro».En referencia á aposta provincial polo centro de recría, o presidente da Deputación de Lugo lembrou que o organismo provincial leva investido neste proxecto 12 millóns de euros «sen ningún apoio da Xunta que, pola contra, si deu diñeiro público a un fracaso anunciado como o de Alimentos Lácteos».

A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante o debate plenario no que se aprobaron os Orzamentos provinciais para 2014. GPDL.

PLAN DE CONSERVACIÓN DE ESTRADAS PROVINCIAIS

Por outra banda, os Orzamentos provinciais para 2014 destinan 4 millóns de euros para o Plan de Conservación de Estradas, «que servirán para garantir uns 350 postos de traballo nas empresas adxudicatarias destes traballos», según precisou Pilar García Porto.

A DEPUTACIÓN DE LUGO MANTÉN A PARTIDA DE 2,1 MILLÓNS DE EUROS PARA AXUDAS A CLUBES DEPORTIVOS

A deputada provincial destacou tamén a importancia que para o mantemento de postos de traballo terá o apoio orzamentario á cultura, o turismo e ó deporte, áreas para as que os Orzamentos provinciais de 2014 reservan 9,7 millóns de euros. Neste sentido, o vicepresidente do organismo provincial e responsable destas áreas, Antonio Veiga, lembrou que a Deputación de Lugo é a que máis inviste en deporte por habitante e ano en toda España, despois das Deputacións Forais vascas e os Cabildos insulares. Veiga destacou que o organismo provincial mantén as partidas de 2,1 millóns de euros en axudas para clubes deportivos, e 480.000 euros para colectivos culturais de toda a provincia.

 AUMENTO DAS PARTIDAS PARA SERVIZOS SOCIAIS POR 2º ANO CONSECUTIVO

Na súa exposición das liñas programáticas dos Orzamentos 2014, a deputada de Economía destacou o esforzo da Deputación ó incrementar de novo as partidas para Servizos Sociais. Pilar García Porto precisou que o organismo provincial incrementara nun 12% o importe desta contía o ano pasado, e en 2014 sube en medio millón, ata chegar ós 2,9. En canto a infraestruturas do benestar, os Orzamentos para o vindeiro ano inclúen 15 millóns de euros para a rede de residencias e centros de día públicos da terceira idade. García Porto anunciou ademais que nas vindeiras semanas iniciaranse as obras da residencia de Ribas do Sil. O responsable de Benestar Social da Deputación, Antonio Veiga, explicou as diversas liñas que o organismo provincial ten nesta área, “mentres a Xunta suprime día si e día tamén liñas de axuda ó benestar”. Os Orzamentos provinciais manteñen así unha achega de 250.000 euros para colectivos que traballan neste eido, e adica 1,3 millóns ó Servizo de Axuda no Fogar (SAF), sendo “a Deputación galega que máis achega neste concepto”, según Veiga. Ademais, o organismo provincial inclúe partidas para garantir a teleasistencia domiciliaria, e acaba de abrir unha liña de axudas de concorrencia para todos os Concellos lucenses que queiran asumir o copago de medicamentos dispensados en farmacias hospitalarias.

O VINDEIRO ANO SEGUIRÁN OS APOIOS ORZAMENTARIOS PARA AS INFRAESTRUTURAS DE INTERÉS VECIÑAL

A deputada de Economía explicou asimesmo que os Orzamentos da Deputación de Lugo implican unha cooperación “máxima” cos Concellos. Esta colaboración materialízase na asistencia en materia urbanística, económica, xurídica e de recursos humanos, entre outras, ademais de continuar nas liñas de traballo que xa se viñan desenvolvendo no pasado exercicio. Así, en 2014 seguirán en marcha os diversos programas provinciais para axudas ós Concellos a aforrar na factura eléctrica, na implantación da administración electrónica ou no goberno aberto, así como en gañar liquidez co Sistema de Recadación Provincial. Por outra banda, a colaboración do organismo provincial cos entes locais tradúcese tamén no apoio orzamentario para o desenvolvemento de infraestruturas, que para o vindeiro ano suporá un total de 7,4 millóns de euros. Desta partida global, a Deputación de Lugo destina 2,2 millóns de euros ó Plan de infraestruturas de interés veciñal, para financia ó 100% aqueles arranxos que sexan solicitados pola veciñanza, e que axudan ó desenvolvemento económico dos pequenos núcleos poboacionais e á mellora da calidade de vida no medio rural. Por outra banda, o Plan de Obras e Servizos (POS) mantén un orzamento de 3 millóns de euros, “a pesar de que o Goberno central segue desaparecido”, según lamentou Pilar García Porto. Por último, a colaboración da Deputación de Lugo cos concellos materialízase na achega de 2,2 millóns de euros que o organismo provincial destina ó Consorcio Provincial de Bombeiros.

MÁIS REDUCIÓN DA DEUDA DO ORGANISMO PROVINCIAL

A deputada de Economía, Recadación e Facenda rematou a súa exposición dos Orzamentos 2014 da Deputación de Lugo incidindo no feito de que as contas deste organismo “mantéñense solventes e estables”. García Porto explicou que no exercicio 2014 a débeda baixa en 11 millóns de euros, o que supón case 4 millóns máis do que inicialmente estaba previsto. García Porto precisou que, según estes cálculos, a final do vindeiro ano a débeda do organismo provincial quedará en 26 millóns. A titular provincial de Economía lembrou que este será o terceiro ano consecutivo en que a Deputación de Lugo non terá que recurrir a operacións de crédito, “o que lle permite situarse á cabeza das menos endebedadas de España, e acadar o endebedamento cero en 2016, mantendo os investimentos”, suliñou García Porto. Neste punto, a deputada suliñou que o organismo provincial está entre os que adican unha maior porcentaxe de orzamento a investimentos e tamén a execución orzamentaria, prevendo pechar o 2013 nun 80%.

RETIRADA DA SUBA DO CANON DE SOGAMA

Por outra banda, no Pleno no que se aprobaron os Orzamentos 2014, tamén se aprobou, co voto en contra do Partido Popular, esixir á Xunta a retirada da proposta que incrementaba nun 33,5% o canon polo servizo de Sogama, así como pedir a creación dunha mesa de negociación, xunto coa FEGAMP, para estudiar os custes reais do tratamento de residuos nos concellos. Tamén se aprobou pedir unha auditoría externa da “verdadeira situación” de Sogama, e se non se retira o canon, que o asuma a Xunta.•

José Blanco denunciou que o PP freou os investimentos na provincia ó vetar todas as enmendas socialistas ós Presupuestos Generales del Estado

•Os socialistas reclamaban investimentos adicionais para os últimos tramos da autovía Lugo-Santiago, o nodo loxístico do Porto Seco de Monforte e a alta velocidade

O deputado socialista no Congreso, José Blanco, durante a súa intervención na sede local do PSdeG-PSOE de Monforte, acompañado do voceiro local José Tomé e do alcalde de Ribas do Sil, Miguel Ángel Sotuela. EC.

•O 22 de novembro, o deputado socialista por Lugo no Congreso, José Blanco, fixo unha valoración dos dous anos de goberno do Partido Popular en España, criticando que «só trouxeron recortes que xeraron máis paro, máis desigualdade e menos dereitos para os lucenses». Blanco denunciou ademais que «Rajoy está aproveitando a crise para axustar contas ó Estado do Benestar», e que «non hai nin un só imposto que non subira». Blanco estimou que a suba nos diversos impostos suporá «máis de 1.300 euros adicionais por fogar» en 2013 e 2014. José Blanco precisou que o Goberno central freou os investimentos na nosa provincia ó botar para atrás todas as enmendas presentadas polos socialistas ós Presupuestos Generales del Estado. Os socialistas pedían un investimento adicional para contratar os últimos tramos pendentes da autovía Lugo-Santiago, iniciar as obras do nodo loxístico de Monforte, e que non se paralizasen as obras da variante da Pobra de San Xiao na conexión coa alta velocidade con Ourense. Os socialistas reclamaban investimento para a A-72 Monforte-Chantada, que nos Presupuestos non tiña ningunha partida, así como para a A-76 Monforte-Ourense, tamén sen orzamento. Pola súa banda, o voceiro socialista en Monforte, José Tomé, lembrou que o PP rexeitou aportar fondos para a nova comisaría e a ponte de Aceña Nova.•

•O Pleno do Consorcio de Bombeiros de Lugo aprobou un orzamento de máis de 5 millóns de euros para 2014

A Deputación de Lugo achega 2,2 millóns de euros a este concepto

Un momento da reunión do Pleno do Consorcio de Bombeiros de Lugo, celebrado o pasado 11 de novembro en Lugo. GPVXG.

• O Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo aprobou na súa reunión plenaria do 11 de novembro, o orzamento para o vindeiro ano, que ascende a 5.170.752 euros, o que reflicte un incremento de máis de 400.000 euros respecto aos orzamentos vixentes para este ano, que se destinarán prioritariamente a investimentos. O director xeral de Emerxencias e Interior e actual presidente do Consorcio, Santiago Villanueva, xunto coa vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez, participou no pleno no que se deu luz verde ás contas do Consorcio que engloba os parques de Barreiros, Chantada, Monforte, Sarria, Vilalba e Viveiro. Á xuntanza tamén asistiu a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

IMPORTANTES INVESTIMENTOS EN MONFORTE

Como principal novidade, nas contas do próximo ano contémplase a adquisición dun camión nodriza e o seu equipamento para o parque de bombeiros de Monforte. Tamén se aprobou a adquisición de diverso equipamento para este parque, coa dotación de novo material de intervención, para oficinas e para o ximnasio antes de rematar este mesmo ano. Según explicaron os responsables do Consorcio de Bombeiros, con estas adquisicións trátase de situar a Monforte nun plano de igualdade co resto dos parques da provincia. Hai que lembrar que este parque comezou a traballar fai un ano co material que dispoñía cando as instalacións estaban xestionadas de xeito exclusivo polo Concello.

OS PARQUES DE SARRIA E MONFORTE, OS QUE REXISTRARON MÁIS ACTIVIDADE NO QUE VAI DE ANO

Os seis parques que integran o Consorcio de Bombeiros de Lugo estenden o seu ámbito de actuación a toda a provincia e, xunto co parque municipal de Lugo, dan cobertura en caso de emerxencias ao 90 por cento da poboación. En 2012 rexistraron unhas 525 intervencións, mentres que a setembro deste ano 2013 o balance total era de 504 intervencións. Neste ano o que rexistra maior actividade é o de Sarria, seguido do de Monforte. O Consorcio de bombeiros de Lugo, financiado ao 50 por cento entre Xunta e Deputación e no que tamén participan os concellos, é un exemplo de colaboración entre as Administracións co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e ofrecer aos cidadáns servizos cada vez máis eficientes.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chantada celebra o I Torneo Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Balance das actuacións no eido tecnolóxico da Xunta de Galicia

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: