A Xunta destina preto de 300.000 euros en axudas para investimentos nos polígonos de Monforte, Sarria, Taboada e Chantada

O polígono industrial de Os Acivros, en Chantada, contará cunha estación depuradora de augas residuais gracias ás axudas concedidas pola Consellería de Economía e Industria. Arquivo EC.

A mediados deste mes, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, deu a coñecer o montante das axudas que a Consellería de Economía e Industria está a destinar para o financiamento de proxectos de habilitación e mellora de infraestruturas en parques empresariais da nosa provincia. Un total de 849.608 euros para once polígonos industriais lucenses, e que no sur de Lugo supoñen unha partida de 282.773,47 euros para Os Acivros, en Chantada, Morelle en Sarria, Reboredo en Monforte e o parque empresarial de Taboada.

COLABORACIÓN DA XUNTA COS CONCELLOS PARA A COMPETITIVIDADE EMPRESARIAL

Raquel Arias explicou que esta liña de apoio se enmarca “no labor de colaboración que está a desenvolver a Xunta de Galicia coas administracións locais para contribuír á mellora da competitividade dos parques empresariais de Lugo”. Arias destacou a importancia desta liña de colaboración cos concellos que impulsa este ano actuacións en once parques empresarias de distintos concellos da provincia de Lugo, “xerando postos de traballo e incrementando a competividade do tecido empresarial da provincia”. Raquel Arias apuntou tamén que con estas axudas dáse un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzan ata os 120.000 euros, e que se ven incrementados nun 15% nos casos de consorcios de dous e tres municipios. Unhas cantidades que, como é o caso de Palas de Rei, increméntase nun 5% para os municipios beneficiados polo Plan Impulsa Lugo, como no resto de Galicia sucede cos Plans Impulsa Ourense, Ferrol e Costa da Morte. Deste xeito, “preto da terceira parte do medio cento de concellos beneficiados por estas axudas en Galicia encádranse na provincia de Lugo”. Asimesmo, Arias lembrou que, para facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

SANEAMENTO, EFICIENCIA ENERXÉTICA, SEGURIDADE DAS INSTALACIÓNS E MELLORA NOS ACCESOS, AS PRINCIPAIS ACTUACIÓNS

A delegada territorial da Xunta en Lugo precisou os obxectivos destas achegas, centradas na mellora do saneamento, aforro enerxético e accesos ós parques empresariais. “Trátase de mellorar a eficiencia enerxética coa substitución de luminarias, incorporar novas cámaras ao sistema de seguridade, mellorar a xestión de residuos e modernizar vías de acceso e comunicación dos polígonos industriais”, explicou Raquel Arias.

AXUDAS ÓS POLÍGONOS DO SUR DE LUGO

En canto ás axudas concretas, son catro os parques empresariais do sur lucense que se benefician desta liña de axudas da Consellería. Así, o polígono de Os Acivros, en Chantada, disporá dunha partida de 87.281,59 euros para a construcción dunha estación depuradora de augas residuais. O polígono de Taboada contará cunha achega de 63.121,41 euros para a construcción de vías de acceso ó parque empresarial. En Sarria, o polígono de Morelle recibirá 17.454,44 euros para un proxecto de aforro enerxético mediante un sistema intelixente de iluminación con tecnoloxía led. Pola súa banda, o parque empresarial de San Xulián percibirá 9.486,15 euros para instalar un sistema de iluminación intelixente co que acadar un maior aforro na factura de electricidade.

O INVESTIMENTO DESTINADO Ó POLÍGONO DE MONFORTE, O SEGUNDO MÁIS IMPORTANTE DA PROVINCIA DESPOIS DO DE LUGO

No caso do polígono industrial de O Reboredo, en Monforte de Lemos, a Consellería de Economía e Industria destina 105.429,88 euros en axudas para a instalación dun sistema de vixilancia de verteduras e aumento do caudal evacuado pola rede de sumidoiros deste parque industrial. A contía destinada ó polígono de Monforte é a segunda máis elevada, despois da concedida ó polígono de Lugo, de toda a provincia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Plan de Cooperación da Xunta cubriu todos os concellos de Chantada, según os populares

Seguinte Nova

Monforte, capital provincial do taekwondo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: