Rematados diversos traballos en parroquias de Pantón e Quiroga
O Plan de Axuda ó Medio Rural impulsado dende a Deputación de Lugo segue a materializarse en diversas actuacións realizadas por toda a provincia. No mes de novembro, o organismo provincial deu por completadas dúas obras no sur de Lugo, nos concellos de Pantón e Quiroga. O pasado 27 de novembro, o Deputado de Xestión Interior e alcalde de Ribas do Sil, Miguel Sotuela, desplazouse ata estes dous municipios para supervisar o resultado destas actuacións, que foron solicitadas polos veciños.
POR SOLICITUDE DOS VECIÑOS DE SAN SALVADOR DE HOSPITAL ACONDICIONOUSE A CONTORNA DA FONTE PÚBLICA
Así, a agrupación veciñal da parroquia San Salvador de Hospital, no concello de Quiroga, solicitara o acondicionamento da contorna da fonte deste núcleo poboacional, o segundo máis habitado trala capitalidade municipal. Os traballos foron financiados integramente pola Deputación de Lugo, con cargo ó Plan de Axuda ó Medio Rural, cun investimento de preto de 6.000 euros.
ARRANXO DE ACCESOS A VIÑEDOS EN PANTÓN, O MUNICIPIO CON MÁIS SUPERFICIE ACOLLIDA Á DENOMINACIÓN RIBEIRA SACRA
Pola súa banda, as aportacións deste Plan provincial serven tamén para facilitar o traballo cotián dos viticultores, no importante sector do viño que está a ser un dos motores económicos do sur de Lugo. Unha destas actuacións levouse a cabo no municipio de Pantón, concello que integra a maior superficie de viñedo acollida á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, con máis de 200 hectáreas que dan traballo a preto de 400 persoas. Estes mes completouse o arranxo dos accesos ós viñedos de Guillermina, para o que o organismo provincial destinou 6.000 euros, con cargo ó Plan de Axuda ó Medio Rural.
AXUDAS DE ATA 6.000 EUROS PARA ARRANXOS “DE GRAN IMPORTANCIA PARA OS VECIÑOS”
Este tipo de axudas permiten atender unha ampla diversidade de pequenas melloras que responden a arranxos solicitados polos veciños, e que os concellos non están en condicións de afrontar. Neste sentido, o deputado de Xestión Interior e alcalde de Ribas do Sil, Miguel Ángel Sotuela, destacou “a gran trascendencia que teñen para a veciñanza estas colaboracións, malia súa baixa contía”, xa que o importe de cada axuda concedida non supera os 6.000 euros. O deputado socialista na Deputación explicou que estas achegas do Plan de Axudas ó Medio Rural “supoñen unha axuda fundamental para levar a cabo obras de acondicionamento e dotación de servizos básicos, como accesos a vivendas, explotacións gandeiras ou fincas de traballo”. Sotuela precisou que “en moitas ocasións, os veciños non teñen máis que a colaboración da Deputación para acometelas”.
MELLORA DA CALIDADE DE VIDA NO RURAL E ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS E PEQUENAS INFRAESTRUTURAS AGROGANDEIRAS
O Plan de Axudas ó Medio Rural ten como obxectivo potenciar o sector primario, tanto a través da mellora das infraestruturas para o traballo agrogandeiro como mediante diversas actuacións encamiñadas á mellora da calidade de vida dos veciños do rural. Así, a través desta Plan realizáronse en toda a provincia traballos de acondicionamento de vías de acceso a espazos de traballo, fincas e núcleos poboacionais, arranxo de locais sociais, áreas recreativas, traídas de auga, fontes, cercados de pastizais, curros para o gando ou depósitos de auga para a extención de incendios, co que se potencia o sector primario ademais de dar emprego a unha media de 300 persoas.
O SUR LUCENSE BENEFICIOUSE DE PRETO DE 73.000 EUROS EN AXUDAS DESTE PLAN
Según informaron os responsables provinciais, este ano a posta en marcha do Plan de Axudas ó Medio Rural, dotado con 300.000 euros, supuxo a financiación completa dun total de 120 obras desenvolvidas en 47 concellos da nosa provincia. No sur de Lugo, este Plan provincial financiou o custe completo de 14 obras realizadas en 13 concellos, cun investimento total de preto de 73.000 euros.•