O vicepresidente da Deputación anunciou unha partida para este concepto nos orzamentos de 2014
O vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou que a institución incorpora nos seus orzamentos para 2014 unha liña de axudas destinada aos concellos que asuman o copago dos fármacos de dispensación hospitalaria para pacientes ambulatorios con patoloxías graves e/ou crónicas, coma cancro de mama, cancro de ril, tumores cerebrais, leucemia mieloide crónica, tumores malignos non resecábeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), artrite reumatoide, dexeneración macular ou hepatite C crónica.
APOIO ÓS CONCELLOS E Á SAÚDE DOS CIDADÁNS
Deste xeito, a Deputación pretende paliar as consecuencias que as medidas do Goberno central e da Xunta terán nas arcas municipais e na saúde dos cidadáns, así como «evitar que se cumpra o fin último destas políticas, que non é outro que excluír do sistema sanitario ás persoas enfermas”. “Non estamos ante un debate competencial, como se pretende facer ver desde a Consellería de Sanidade, nin ante un debate orzamentario, xa que o que se recaude con este copago non suporá unha grande recadación para as arcas públicas», explicou Antonio Veiga, «senón que estamos ante un debate máis grave, que é se o Estado e a Xunta están cumprindo a súa función de preservar a saúde dos cidadáns». O vicepresidente provincial afirmou que o copago dificultará o acceso a tratamentos de enfermidades graves e crónicas, provocando unha diminución da adherencia aos tratamentos, o que suporá unha redución da súa eficacia. “Ninguén, salvo o Partido Popular que di que o copago é unha demanda social, dubidan de que estas serán as consecuencias dos repagos».•