•Na especialidade de billar a tres bandas, está a congregar a 48 xogadores de toda Galicia •É a máxima participación nun torneo autonómico en 17 anos •Os organizadores destacan o obxectivo promocional deste torneo, «para dar a coñecer os produtos e a riqueza de Chantada e da Ribeira Sacra»
Dende o 26 de novembro e ata o 7 de decembro, Chantada celebra o I Torneo Ribeira Sacra, que corresponde ó LXIX Open Autonómico de Billar a tres bandas. Esta iniciativa do Club Billar Círculo Chantada está a congregar na capital comarcal a 48 participantes procedentes de toda Galicia. Un torneo que se estrea cun quórum impresionante, «xa que dende hai 17 anos non se tiña apuntado tanta xente para un autonómico», explican Gilberto Rodríguez Aguiar e Francisco Gómez, codirectores técnicos do torneo, e membros dun club recén nacido que aglutina máis dunha vintena de socios, con ganas de impulsar o billar a tres bandas. «Este é o noso primeiro gran evento», suliñan Gilberto e Francisco, «e tratamos de que todo saia o mellor posible». Para iso, contaron co asesoramento de campeóns galegos, como Lozano, e algúns xogadores de Lugo «que se viñeron con nós e nos axudaron moito para compoñer os detalles do torneo». Ademais, desenvolveron recentemente un curso de arbitraxe para coñecer a normativa a fondo e poder desenvolver a competición con todas as garantías. «Sabemos que imos ter carencias, propias dos que empezan, pero temos gañas de aprender e seguir para adiante», explican os codirectores técnicos.
Idea non lles falta: o I Torneo Ribeira Sacra contou co apoio de máis dunha vintena de patrocinadores, que apoiaron a iniciativa tanto a nivel económico como en especies. «As adegas portáronse estupendamente», explican Gilberto e Francisco, contentos de que os patrocinadores coincidiran con eles en aproveitar esta competición como escaparate para promocionar os produtos de Chantada e da comarca. Ademais, os participantes puideron apoiar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade asinando no libro oficial da campaña de apoios. Gracias a esta iniciativa do Club Billar Círculo Chantada, a vila do Asma está a ser nestes días, e máis que nunca, o auténtico «corazón de Galicia».•