O Centro Social de Quiroga acolleu o pasado 17 de novembro o acto de clausura dos dous cursos de atención sociosanitaria que se desenvolveron neste municipio, dentro do programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD) da Consellería de Traballo e Benestar. Os participantes recibiron cadanseu diploma acreditativo, nun acto no que participaron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.
TRINTA BENEFICIARIOS DOS CURSOS EN QUIROGA
O rexedor local agradeceu a colaboración da Xunta co Concello de Quiroga para levar adiante estes cursos, que serviron para que trinta persoas en situación de desemprego poidan acceder a formación dentro de sectores con alta demanda de emprego, e mellorar así a súa empregabilidade. Os cursos de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, e a persoas dependentes en institucións sociais, incluíron diversos módulos de formación teórica e prática. Neste sentido, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou o carácter teórico-prático dos cursos, e a súa orientación cara “aos novos viveiros de emprego como é a atención ás persoas dependentes, que está a ser unha das especialidades máis demandadas tanto polas entidades promotoras dos cursos como polo alumnado”.
MÁIS EMPREGABILIDADE A TRAVÉS DUNHA FORMACIÓN “AXEITADA ÁS NECESIDADES DO MERCADO LABORAL”
En canto á mellora da empregabilidade dos participantes nestes cursos, Arias destacou “a formación axustada ás necesidades do mercado de traballo” que ofrecen estas iniciativas, para o que se conta coa participación doutras entidades públicas e privadas. Así, a delegada da Xunta en Lugo puntualizou que no programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD) implícanse concellos, sindicatos, organizacións empresariais e mesmo empresas privadas, que organizan boa parte dos cursos e axudan a configurar unha programación axustada ás necesidades reais do mercado laboral. As accións formativas incluídas neste plan pretenden atender aos requirimentos de competitividade das empresas, recoñecendo os sectores en alza e cualificando ás persoas desempregadas nas habilidades que demandan eses novos viveiros de emprego.
19 CURSOS DA AFD DA XUNTA NO SUR DE LUGO, E A METADE ORIENTADOS Ó EIDO SOCIOSANITARIO
Pola súa banda, Raquel Arias lembrou que este ano a Xunta está a investir máis de 4 millóns de euros en 131 cursos que se desenvolven na provincia e nos que participan preto 2.000 persoas. No sur de Lugo, son 19 cursos os desenvolvidos nas comarcas de Quiroga, Terra de Lemos e Chantada, cun investimento de preto de 700.000 euros. O 50% das accións programadas deste ano no sur de Lugo están orientadas ao ámbito dos servizos sociais, e máis en concreto a prestar atención sociosanitaria a persoas maiores ou con algún tipo de dependencia, tanto no seu propio domicilio como en institucións.•