O centro urbano de Sober conta así cun vial de circunvalación para facer máis fluído o tráfico dende Rosende, Anllo, Vilaescura e Milán cara as estradas de Canabal e Monforte •A Xunta investiu nestas actuacións preto de 60.000 euros
Este mes concluíron as obras de mellora na travesía de Belán, no núcleo urbano de Sober, financiadas pola Xunta de Galicia cun investimento de preto de 60.000 euros. Según explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, esta actuación inclúese no Plan Hurbe, que a Xunta está a desenvolver en colaboración coas entidades locais. Unha vez rematada esta actuación, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, achegouse ó municipio soberino para coñecer in situ o resultado destes traballos.
OBRAS REALIZADAS DE ACORDO COAS CONDICIÓNS DO PXOM RECÉN APROBADO
Según explicaron os responsables locais, as melloras realizadas facilitaron a urbanización da travesía de Belán no núcleo de Rosende, respondendo así a unha necesidade trasladada polo Concello de Sober á Administración autonómica para humanizar esta travesía de acordo coas condicións que se recollen no Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado en abril deste ano.
NOVO VIAL DE CIRCUNVALACIÓN NO CENTRO DE SOBER
A delegada territorial da Xunta en Lugo destacou a “importante mellora para canalizar a circulación no entorno do núcleo urbano de Sober” que suporá a actuación na travesía de Belán. Raquel Arias explicou que as obras consistiron na creación dun vial que actúe como estrada de circunvalación ó centro urbano de Sober polo noroeste, permitindo dar unha saída a todo o tráfico procedente dos núcleos de Rosende, Anllo, Vilaescura e Millán cara ás estradas de Canabal e Monforte, evitando os atascos e problemas circulatorios que se viñan producindo. Así, no desenvolvemento deste proxecto ensanchouse a vía ata conseguir unha calzada de 5,40 metros, para formar dous carrís en ambos sentidos de circulación de 2,70 metros cada un. Desta maneira, dáselle unha saída ao tráfico rodado da zona noroeste do núcleo de Sober sen necesidade de pasar polo centro urbano.
MÁIS SEGURIDADE VIAL E OPTIMIZACIÓN DE ESPAZOS PÚBLICOS
Raquel Arias suliñou que se “trata dunha actuación de mellora de seguridade vial e de recuperación dun espazo público como vial urbano, sen compoñentes de edificabilidade”, e agregou que a súa execución adaptouse “ás determinacións da normativa urbanística aplicable, contribuíndo a mellorar da calidade de vida dos cidadáns do concello e aos visitantes que se achegan a el”.•