Máis de 15.000 cidadáns e empresas utilizaron a sede electrónica da Xunta no que vai de ano
Galicia é a segunda Comunidade que máis emprega a administración electrónica
Galicia subiu este ano un posto no ranking estatal do uso dos servizos da e-Administración, ou Administración electrónica, o que a sitúa no segundo posto detrás da Comunidade de Madrid, según os datos do Instituto Nacional de Estatística sobre equipamento e uso das TIC nos fogares en 2013. En detalle, estes datos indican que un 61,5% dos internautas galegos obtivo información de páxinas web da Administración, o que supón 5,5 puntos máis que a media estatal. Asimesmo, un 43,1% descargou formularios oficiais, o que sitúa a Galicia 3,5 puntos por encima da media do Estado. Por último, os datos do INE precisan que un 33,6% dos internautas galegos enviou formularios cumprimentados a través de Internet, colocando á nosa Comunidade 1,7 puntos por riba da media do conxunto do Estado.

Infografía: AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
SEDE ELECTRÓNICA, UN DOS FITOS DO PLAN DE MODERNIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN
A Xunta de Galicia está a impulsar o uso da Administración electrónica a través do Plan de Modernización, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Un dos fitos deste Plan foi, precisamente, a posta en marcha en 2011 da sede electrónica, unha ferramenta para a xestión telemática que no que vai de ano 2013 xa foi utilizada por máis de 15.000 cidadáns e empresas. Só entre xaneiro e agosto deste ano, o número de usuarios da sede electrónica da Xunta de Galicia duplicou a cifra de todo o 2012. Esta sede ofrece a posibilidade de desenvolver máis de 600 procedementos, como solicitar axudas para a eficiencia enerxética, o ingreso nas escolas infantís, ou as axudas complementarias do programa Erasmus, entre outras. Mulleres, entidades locais, emigrantes e imigrantes, empresas, persoas con discapacidade, mocidade, agricultores e gandeiros, maiores, desempregados, e pais e nais son os colectivos que poden resolver online algún trámite coa Administración autonómica, e se está a traballar en que esta posibilidade se extenda a todos os colectivos. A día de hoxe, a porcentaxe de procedementos electrónicos destinados a empresas é do 44%, e os orientados á cidadanía é do 39%. As tramitacións na sede electrónica da Xunta realízanse con total garantía e validez oficial, e sen necesidade de desprazamentos nin limitacións horarias, xa que pode empregarse todos os días do ano as 24 horas do día. O obxectivo do Plan de Modernización é que a sede electrónica se converta, de xeito progresivo, no punto de acceso único a toda a Administración en internet, ofrecendo a mesma información e os mesmos servizos que se facilitan en calquera das xanelas das Consellerías.
NOVOS RETOS DO PLAN DE MODERNIZACIÓN
Dende a Xunta de Galicia están a traballar para desenvolver novos retos na modernización da Administración pública. Por unha banda, a consolidación do nodo de interoperabilidade (que permite o intercambio de información entre administracións) evitou xa en 2012 a presentación de documentación básica, como o DNI ou o certificado de empadroamento, en máis de 170.000 trámites de cidadáns e empresas, e o obxectivo é que tamén se evite a petición do título de familia numerosa, o certificado de discapacidade, datos catastrais, titulacións académicas ou situacións tributarias. Por outra banda, en 2014 completarase a implantación do Rexistro Único nas 500 oficinas da Administración autonómica e das entidades locais, e iniciarase a dixitalización da documentación recibida para conformar o expediente administrativo dixital, que aforrará tempo e papel e axilizará a tramitación. Asimesmo, o vindeiro ano porase en marcha o servizo de notificacións telemáticas, coa mesma validez legal e garantías que o tradicional correo certificado.•
CÓMO EMPREGAR A SEDE ELECTRÓNICA DA XUNTA
•A sede é o enderezo web https://sede.xunta.es, ó que se pode acceder todos os días do ano e as 24 horas do día •Para iniciar a tramitación, o usuario debe ter un certificado electrónico válido (ben o DNI electrónico ou o certificado expedido pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre e o de AC Camerfirma, que se obteñen nos enlaces http://www.dnielectronico.es/, http://www.cert.fnmt.es/ •Unha vez dentro, a sede electrónica amosa unha listaxe de procedementos dispoñibles, que se consultan cun buscador por procedementos (palabras, áreas temáticas e colectivos), ou cunha opción para consultar só aqueles que poden ser iniciados electronicamente •En calquera momento, o usuario pode consultar o estado do seu trámite na Carpeta do cidadán, na que tamén poderá acceder ós avisos da Administración electrónica ós que estea subscrito •Todo o proceso realízase en condicións de total seguridade, a través dun protocolo https que posibilita conexións máis seguras na rede, ademais do Certificado de Sede que permite garantir a identidade da Xunta de Galicia •Para calquer dúbida, os usuarios da sede contan co teléfono 012, e tamén cun conxunto de axudas nos diversos pasos da tramitación electrónica; a sede ten tamén unha sección de Axuda que se actualiza constantemente, así como cun vídeo tutorial de presentación da sede •Os trámites electrónicos teñen a mesma validez que os presentados no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.
Aulas CeMIT: Formación dixital gratuíta para máis de 31.600 galegos
A Rede de aulas superou en xuño os 27.000 usuarios, o obxectivo previsto para todo o ano

No primeiro semestre de 2013, as 98 aulas que a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) ten espalladas polas catro provincias galegas permitiron a máis de 31.600 galegos acceder de xeito gratuíto a formación dixital, superando así en tan só seis meses os obxectivos previstos para todo o ano, cifrados en 25.000 usuarios. Por provincias, Lugo rexistrou un total de 4.208 usuarios, Ourense acadou os 5.581, mentres que Pontevedra chegou ós 8.673, e A Coruña ós 12.597 usuarios. Ata novembro deste ano, as horas de formación superaban xa as 37.000.

SERVIZOS QUE OFRECE A REDE
As Aulas CeMIT teñen como obxectivo a alfabetización dixital da cidadanía, e para iso desenvolven distintas actividades formativas. Por unha banda, a Rede ofrece cursos presenciais nas Aulas, dos que a maioría dos realizados no primeiro semestre do ano corresponden ó nivel de Formación Dixital Básica, sendo os cursos máis solicitados os de “Iniciación á Informática”, “Busca de información na Internet”, e “Correo electrónico: webmail”. Ademais, ofrécense cursos online a través da plataforma online Ema (Espazo Multimedia de Aprendizaxe), charlas presenciais, e actividades impartidas por entidades colaboradoras coa Rede CeMIT. Por outra banda, a Rede pon á disposición dos seus usuarios o Servizo de Aula Aberta, para aqueles que queiran empregar os equipos das aulas para o uso persoal ou para resolver dúbidas mediante o Axente TIC de cada aula. Asimesmo, o sistema de videoconferencia da rede CeMIT permite a retransmisión de seminarios, encontros tecnolóxicos, xornadas formativas ou presentacións de interese organizadas por outros organismos. O resto das horas do primeiro semestre de 2013 repartíronse entre a formación para profesionais TIC (en colaboracón co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia-CNTG), con case 1.700 horas. Outra porcentaxe do horario formativo da Rede foi adicado ós empregados públicos a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), con case 1.500 horas. As preto de 1.000 horas restantes foron destinadas á empresarios, emprendedores e desempregados.

Infografía: AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
PLAN DE FORMACIÓN 2013
Este Plan estableceu 13 itinerarios formativos desenvolvidos en 60 cursos adaptados ás necesidades e ás características dos colectivos. Abranguen a alfabetización dixital básica, formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación, especialización e software libre, ocio en Internet, e multimedia e ferramentas TIC. Cada usuario realiza unha proba de nivel ó acceder á Rede, e según os resultados obtidos o Axente TIC recomendaralle o itinerario formativo máis axeitado para cubrir as súas necesidades. Os cursos rematan cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe dos participantes.•
O Centro Demostrador TIC cumpriu dous anos como escaparate tecnolóxico de Galicia
Coa participación de máis de 2.000 profesionais e preto de 500 empresas
•As actividades deste Centro facilitan o encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego •Nestes dous anos, preto de 75 provedores TIC galegos amosaron máis de 90 solucións tecnolóxicas no Centro
• O Centro Demostrador TIC (CDTIC) cumpriu o pasado mes de xullo dous anos de actividade, facilitando ás empresas tecnolóxicas de Galicia os medios para poder achegar a súa oferta de produtos e servizos ó resto dos sectores produtivos.
TRIPLE OBXECTIVO DO CENTRO DEMOSTRADOR TIC
O balance destes dous anos de traballo do CDTIC rexistra un total de 78 actividades nas que participaron 494 empresas, cifras que poñen de manifesto, según os responsables deste organismo, que este escaparate tecnolóxico está na senda de cumprir os tres obxectivos que motivaron a súa posta en marcha. Así, o CDTIC pretende promover o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) entre as empresas galegas, como se fixo cos 2.010 profesionais que acudiron ás demostracións do CDTIC dende a súa apertura. Neste sentido, e según o estudo interno realizado polo propio CDTIC a comezos deste ano, máis do 90% dos asistentes ó Centro afirmaron acceder a produtos, servizos e provedores tecnolóxicos que non coñecían ata o seu paso polo Centro Demostrador. O segundo dos obxectivos do CDTIC é ofrecer ás empresas TIC galegas o espazo e o apoio na xestión e difusión para a realización de sesións demostradoras dos seus produtos ou servizos a potenciais demandantes. Así, nestes dous anos foron xa 74 as empresas TIC galegas que usaron este servizo, e 93 as solucións tecnolóxicas amosadas. Según o estudo realizado polo CDTIC, o 30% das empresas que realizaron unha presentación no Centro Demostrador pecharon polo menos un contrato, e o 41% recibiron peticións de orzamentos, o que contribuiu a xerar negocio local no eido das TIC. Como terceiro obxectivo, o CDTIC trata de achegar a oferta tecnolóxica ás necesidades de innovación dos sectores estratéxicos. Así, o Centro está a traballar na identificación da oferta tecnolóxica de Galicia a través do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia (MapaTIC.gal), que se está a consolidar como o directorio de provedores e solucións TIC galegas, tendo actualmente preto de 225 provedores e máis de 550 solucións TIC.

COLABORACIÓN COA REDE CEMIT, E REALIZACIÓN DAS “SEMANAS TIC SECTORIAIS”, AS NOVIDADES DO 2013 O CDTIC
abriu este ano con importantes novidades, como a colaboración coa Rede CeMIT, para que as actividades desenvolvidas no Centro Demostrador puidesen seguirse por videoconferencia dende as 98 aulas da Rede espalladas por toda Galicia, facilitando así a participación de micropemes e autónomos, así como a interactuación cos relatores a través das redes sociais. Por outra banda, neste ano puxéronse en marcha as Semanas TIC Sectoriais, para sensibilizar sobre a aplicación TIC ós procesos produtivos das empresas a través dunha estratexia común entre administración pública e as asociacións empresariais de cada sector. Así, a primeira Semana TIC no Centro Demostrador estivo adicada ó téxtil, coa presentación en marzo do Catálogo ModaTIC.gal, que integra 40 empresas e 5 axentes de innovación TIC galegos, e máis de 70 produtos e servizos tecnolóxicos específicos para o sector téxtil. Asimesmo, en abril preto de 130 persoas participaron no “Taller de Emprendemento TIC para o inicio de actividades”, organizado polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia. Por outra parte, en setembro arrincaba o Programa de Asesores Tecnolóxicos, en colaboración con este mesmo Colexio profesional, que ofreceu asesoramento gratuíto en TIC ás pemes e autónomos da construcción, do mar e transformación de produtos da pesca, e do sector alimentario. Nese mesmo mes, o Centro Demostrador lanzaba a “Comunicación Comercial no sector TIC” para pemes tecnolóxicas, co obxectivo de profesionalizar a figura do consultor-comercial TIC, iniciativa que tivo unha excelente acollida entre o sector. Ademais, en novembro o CDTIC foi a sede do Ciclo de Seminarios Prácticos de Xestión Empresarial con Software Libre, que amosou oito solución tecnolóxicas para e-comercio ou xestión de clientes, entre outras, e contou coa asistencia de máis de 130 profesionais de diversos sectores produtivos. O Centro Demostrador TIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da red.es, e a súa sede está no Centro de Novas Tecnoloxías de Conxo, en Santiago.•
PUNTO DE ENCONTRO, DE FORMACIÓN E DE INNOVACIÓN
O Centro Demostrador TIC conta con tres salas equipadas con tecnoloxía avanzada •A Sala de Formación, con equipamento multimedia e proxeccións 3D, acolle xornadas e obradoiros práticos •A Sala de Demostracións desenvolve simulacros de entornos de traballo con produtos tecnolóxicos, e facilita o encontro in situ ou virtual entre empresa provedoras de solucións tecnolóxicas e empresas posibles usuarias de tecnoloxía ou innovación •A Sala de Realidade Virtual permite a exposición de contidos audiovisuais e interactivos en 3D, así como simulacións avanzadas, videoxogos e reprodución virtual de entornos reais e a interacción con eles.
Evolución do Plan de Banda Larga :Lugo, a provincia galega onde máis aumentou a poboación con acceso a internet
Achegar as novas tecnoloxías á poboación pasa por garantir a conexión a internet en todos os recunchos da nosa provincia. O Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia posibilitou que máis de 330.000 lucenses dispoñan xa de acceso á rede; a mellora que supuxo a posta en marcha deste Plan en 2010 fixo que, dende entón, máis de 139.000 habitantes da nosa provincia que carecían de cobertura poidan acceder á rede. A finais de outubro deste ano, o Plan de Banda Larga da Xunta levaba cubertos máis de 8.700 dos 9.929 núcleos de poboación que hai na provincia de Lugo (o 88,3%).
MÁIS DO 93% DA POBOACIÓN LUCENSE XA CONTA CON COBERTURA
Según estas cifras, a porcentaxe de poboación con cobertura de internet pasou en Lugo do 54% en 2010 a máis do 93% no último trimestre deste ano, rexistrando o incremento máis importante de todas as provincias galegas. Así, o Plan de Banda Larga da Xunta está a avanzar na redución da fenda dixital entre as provincias do interior e as do eixo atlántico, que pasou dun 15% en 2010, a menos do 2% actual. O Plan de Banda Larga desenvólvese de xeito progresivo, contando con factores como a dispersión poboacional ou as dificultades orográficas, que complican os despregamentos. Por este motivo, nalgúns concellos hai zonas onde xa se implantou a cobertura, e outras onde as tarefas quedarán completadas o vindeiro ano.

AXUDAS PARA A CONEXIÓN VÍA SATÉLITE NAS ZONAS MÁIS ILLADAS
O Plan impulsa o despregamento de redes fixas e sen fíos, e ademais, posto que o obxectivo é dotar de acceso á rede a todos os galegos, dispón dun programa de axudas para a conexión vía satélite naquelas áreas onde non é posible levar a cobertura de internet con ningunha outra tecnoloxía. Nas dúas primeiras convocatorias de 2012 e 2013, foron máis de 500 as familias e pemes lucenses que se beneficiaron destas achegas. As subvencións cubren os gastos de instalación e o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa necesario para distribuír o sinal de banda larga, cun máximo de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2 Mbps cun periodo de permanencia de doces meses. A axuda tamén sufraga a alta da liña e a primeira mensualidade do contrato. Case todos os beneficiarios das achegas deste ano solicitaron servizos de internet de 20 Mbps.

REDES DE MÁIS VELOCIDADE, OUTRO DOS OBXECTIVOS DO PLAN DE BANDA LARGA
Ademais de levar a cobertura a todo o territorio de Galicia, o Plan de Banda Larga non para aí, e tenta impulsar a implantación na nosa Comunidade de redes de Nova Xeración (NGAs) de máis de 100 Mbps de velocidade, que na nosa provincia xa chega a máis de 157.000 persoas. Neste sentido, Galicia é das primeiras comunidades da Unión Europea en incentivar a extensión deste tipo de redes, e grazas ó Plan de Banda Larga da Xunta, xa son máis de 1,1 millón os galegos que teñen acceso a elas.
MODERNIZACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS A TRAVÉS DUNHA MELLOR COBERTURA
Estas melloras na conectividade tamén son implantadas nas administracións, dentro do proceso de modernización dos servizos públicos. Así, no eido xudicial, o 55% das sedes xudiciais da provincia de Lugo dispoñen xa de acceso a redes de 100 megas, en concreto as de Vilalba, Monforte, Mondoñedo, Chantada e Lugo. Na educación, estas redes ultrarrápidas están dispoñibles en 23 colexios e institutos públicos da provincia de Lugo. As vantaxes destas redes de máis de 100 Mbps afectan ó traballo cotián destes centros. Así, multiplícase por 10 a velocidade de baixada, o que supón un acceso máis efectivo á rede, sen esperas ou contratempos. Ademais, permite a conexión simultánea dun maior número de usuarios mantendo a calidade na conexión, e permite o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
RESPOSTA A UNHA NECESIDADE
O Plan de Banda Larga da Xunta xurdiu para responder a unha necesidade, detectada tras un exhaustivo estudio sobre a cobertura de banda larga na nosa Comunidade. Según este estudio, en 2010 só o 71% da poboación galega tiña cobertura de internet, e a banda larga non chegaba a todos os centros de servizos públicos nin a todos os polígonos industriais. Para reverter esa situación, púxose en marcha o Plan, integrado por seis actuacións, todas elas en marcha, e cunha dotación pública-privada de preto de 232 millóns de euros. Na aplicación rede http://cobertura-pdbl.xunta.es, cidadáns e empresas poden coñecer os avances deste Plan, e resolver todas as dúbidas sobre a súa implantación no correo electrónico oficina.bandalarga @xunta.es, ou no teléfono 981 95 78 68.•