En marcha dende decembro o servizo de consulta médica por teléfono en Atención Primaria

O servizo de consulta médica telefónica xa funciona dende este mes en Atención Primaria, e está previsto que se implante en Pediatría durante o primeiro trimestre de 2014. Arquivo EC.

Dende o 2 de decembro, o Servicio Galego de Saúde está a ofrecer en todos os centros de saúde e consultorios a posibilidade de que os pacientes sexan atendidos telefonicamente polo seu médico de familia por un proceso novo. Este sistema implántase dende comezos de decembro no servizo de Atención Primaria de toda Galicia, logo de ser desenvolvida durante un mes nunha experiencia piloto na que participaron sete centros de saúde galegos.

ORDENA UNHA DEMANDA QUE XA EXISTÍA

Na provincia de Lugo, este sistema foi desenvolvido durante a fase piloto no centro de saúde de Baleira, dende a consulta do doutor Ángel Martínez Puga. «A valoración desta experiencia foi positiva», sinala este médico especialista en Atención Primaria, «porque dá cobertura legal e ordena unha realidade que xa existía». Nos centros de saúde xa se estaban a atender as chamadas de pacientes, «a novidade é que, con este sistema, as chamadas están programadas, e se evitan interrupcións no traballo do centro e na atención ós pacientes na consulta». Durante a experiencia piloto desenvolvida durante un mes en sete centros de saúde de Galicia, foron atendidos un total de 2.844 pacientes, dos cales 345 solicitaron consulta non presencial, o que supón un 12,13% das citas. No centro de saúde de Baleira, realizáronse 69 consultas telefónicas, o 17,79% das citas solicitadas durante o mes piloto.

RESPONDE A UNHA NECESIDADE

A posta en marcha desta experiencia piloto, que desembocaría na extensión, a toda a rede de centros de Atención Primaria de Galicia, do sistema de consulta non presencial, baseouse nunha necesidade detectada polos propios profesionais e polos responsables do Sergas. Por unha banda, tratábase de transformar a accesibilidade á consulta médica, dificultada en moitos casos por factores como a dispersión xeográfica, o avellentamento poboacional e as dificultades de mobilización dos pacientes. Por outra banda, detectouse unha demanda social desta modalidade de servizo, motivada pola incompatibilidade de horarios (laborais ou familiares) dos pacientes, e por diversos motivos sociais ou económicos. Por último, as novas tecnoloxías favorecían a implantación de sistemas de innovación da prestación asistencial en Atención Primaria.

O 97,4% das consultas telefónicas realizadas durante a experiencia piloto resolvéronse integramente de xeito non presencial. Foto: Banco de fotosdigitalesgratis.com

SEGUEMENTOS OU DÚBIDAS SOBRE A MEDICACIÓN, AS CONSULTAS MÁIS FRECUENTES

Cando un paciente pide cita, tanto por teléfono como por internet, pedindo consulta co seu médico de familia, agora se lle ofrece a posibilidade da consulta telefónica, e será o propio paciente o que escolla ir á consulta ou ser atendido por teléfono. Se escollen esta última opción, o sistema asígnalles unha data e hora de consulta, e o paciente debe indicar un número de teléfono de contacto ó que se lle chamará no día e hora acordados para o desenvolvemento da consulta. «Os pacientes saben distinguir ben o que poden resolver por teléfono», precisa o doutor Martínez Puga. A maior parte das consultas telefónicas desenvolvidas no centro de saúde de Baleira pola modalidade non presencial estiveron relacionada con seguementos, dúbidas sobre como tomar unha medicación, ou trámites administrativos.

DURA O MESMO TEMPO QUE A PRESENCIAL

Durante a consulta, «que dura o mesmo tempo que unha consulta presencial», según explica o doutor Martínez Puga, o médico valorará a necesidade de remitir ó paciente a unha consulta presencial, ou se pode resolverse xa por teléfono. Na experiencia piloto desenvolvida en Galicia, o 97,4% do total das consultas telefónicas foron resoltas integramente de xeito non presencial, e tan só 9 das 345 consultas telefónicas precisaron ser derivadas a unha presencial. No centro de saúde de Baleira, das 69 consultas telefónicas, só 1 precisou ser derivada a consulta presencial, o que supón un 1,45% do total.

ALTO GRAO DE SATISFACCIÓN ENTRE OS PACIENTES

Logo dun mes de experiencia piloto, os datos de valoración por parte dos pacientes animaron ós responsables autonómicos a extender esta modalidade de atención non presencial a toda Galicia. Aínda que á hora de escoller ser atendido por teléfono «hai de todo», según explica o doutor Martínez Puga, e son sobre todo os xóvenes os que máis se decantan por esta opción, «é unha posibilidade máis de consulta que mellora o servizo». Según os datos do Sergas, o 93% dos pacientes atendidos en consulta non presencial consideraron boa ou moi boa a súa experiencia. Asimesmo, o 95% consideraron axeitado o tempo de consulta, e o 93% valoraron como axeitadas as explicacións recibidas. Os responsables desta iniciativa precisaron que, xunto a este alto grao de satisfacción con servizo, os pacientes tiñan unha maior percepción de accesibilidade á consulta médica, reducindo as esperas para ser atendidos, e coa vantaxe de evitar desprazamentos innecesarios e, en moitos casos, complexos.

BOA ACOLLIDA ENTRE OS PROFESIONAIS, E NOVOS RETOS

En canto ós profesionais implicados na experiencia piloto, a consulta non presencial obtivo un alto grao de satisfacción, xa que lles permite facer de xeito normalizado algo que se viña realizando de xeito esporádico e con interrupcións no desenvolvemento das consultas presenciais. Asimesmo, e dado que a consulta telefónica queda rexistrada no sistema Ianus, este funciona como un importante repositorio de información. Por último, detectouse que a consulta non presencial esixe dos profesionais médicos un amplo coñecemento dos pacientes do cupo. Logo da extensión da consulta non presencial a todos os centros de saúde galegos, o Sergas está a dar novos pasos na mellora deste servizo, formando ós profesionais, adaptando os sistemas de citación, as axendas e a Historia Clínica Electrónica. Asimesmo, está previsto extender esta modalidade de consulta para Pediatría e Enfermería no primeiro trimestra de 2014.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Melloras en espazos públicos con axudas de Agader

Seguinte Nova

Enoturismo, paisaxe, cultura e ocio activo, os eixos das Rutas Gastronómicas que se desenvolverán no sur de Lugo

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio