Enoturismo, paisaxe, cultura e ocio activo, os eixos das Rutas Gastronómicas que se desenvolverán no sur de Lugo

Estas iniciativa da Deputación de Lugo propón 4 rutas no sur de Lugo

•Os percorridos destas catro rutas destacan os valores medioambientais e naturais do sur lucense, co protagonismo de aspectos do patrimonio natural ou gastronómico en cada itinerario •As rutas vinculan ós negocios da zona que atravesa cada ruta, para impulsar a economía local

O pasado 10 de decembro, foron presentadas en Monforte as Rutas Gastronómicas, unha iniciativa da Deputación de Lugo que ven de deseñar catro itinerarios no sur de Lugo, tendo como protagonistas ó viño e á paisaxe da Ribeira Sacra. Según explicou a deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, ós empresarios reunidos na cidade do Cabe e que participarán de xeito gratuíto nesta iniciativa, os percorridos deseñados polo organismo provincial destacan os valores medioambientais e naturais da zona sur de Lugo, “xa que supoñen unha importante oportunidade económica para os negocios destas terras, impulsando a súa actividade, xerando emprego e fixando poboación no rural”.

O contacto coa natureza está a ocupar cada vez máis o tempo de lecer, de aí que todas as actividades vinculadas ó medioambiente, como o sendeirismo, gañen adeptos día a día. (Foto: Arquivo EC- cedida Asoc.Veciñal de O Saviñao).

AS RUTAS CONXUGAN AVENTURA, NATUREZA, CULTURA E GASTRONOMÍA

Según explicou a titular provincial de Medio Ambiente, as Rutas Gastronómicas percorren lugares de interés, e cada unha delas destaca aspectos do patrimonio natural e gastronómico vinculados ó traxecto. Este programa involucra ás empresas emplazadas ó paso das rutas, co que se trata de estimular a actividade económica destes territorios aproveitando os recursos naturais. Así, as Rutas Gastronómicas propoñen a visita a empresas produtoras, con degustación de produtos locais, así como a realización de actividades de aventura, estancias en hoteis e casas rurais, xantar en restaurantes do itinerario, e visitas a museos e enclaves patrimoniais significativos, entre outras opcións lúdicas. Nas catro Rutas Gastronómicas participan de xeito gratuíto un total de 67 empresas do sur lucense, con preto de 200 postos de traballo en conxunto. Todos estes establecementos acadaron as marcas de calidade Lug02 e LugoSabe, o que lles permite tomar parte neste programa, financiado con fondos europeos. En toda a provincia, a Deputación de Lugo creou 13 roteiros, dando protagonismo a produtos como a faba de Lourenzá, o porco celta, ou o queixo da Montaña e da Ulloa, entre outros, con implicación de 211 empresas que manteñen 1.100 postos de traballo.

RUTAS ATRACTIVAS COMO ESCAPARATE DA ACTIVIDADE LOCAL

Os empresarios locais están a apostar polas Rutas Gastronómicas, aportando o máis singular e significativo da súa actividade. Óscar González, responsable da adega Via Romana, ofrece ós participantes da ruta «Percorrendo a pé a Ribeira Sacra» unha visita guiada ás instalacións da adega. «Explicamos ós visitantes as características da Denominación de Orixe, as variedades de uva da nosa zona, e o noso proceso de elaboración do viño», precisa González, que agasalla ós visitantes cunha degustación de viños e cata comentada. En Casa de Maside están en pleno deseño do que van ofrecer dentro da ruta «Recuperando variedades autóctonas na Ribeira Sacra». O responsable desta casa de turismo rural, Diego Vázquez, suliña a singularidade arquitectónica da adega deste pazo reconvertido en casa rural, e o atractivo que pode aportar ós visitantes o coñecemento da arquitectura típica da zona. As terras da mel teñen o seu espazo nas Rutas Gastronómicas. Manuel Macía, responsable de Mel Rural, mostra ós participantes nos itinerarios «Quiroga e o seu legado artesanal» e «A mel e os seus beneficios» unha antiga alvariza e as paisaxes da montaña quiroguesa. «Fago tamén unha degustación das dúas variedades de mel ecolóxica que producimos», explica Macía, empresario pioneiro no desenvolvemento da produción ecolóxica na nosa provincia, e que valora o potencial económico dos recursos da zona. «Esta alvariza é algo moi interesante, xunto ás paisaxes, que son espectaculares», suliña este empresario.

As colmeas de Mel Rural poden visitarse na ruta «O Mel e os seus beneficios». (Foto: Cedida Mel Rural).

O MEL E A SÚA RIQUEZA

Este produto protagoniza dúas das Rutas Gastronómicas que ten deseñadas a Deputación de Lugo, para favorecer a dinamización económica do rural e fixar poboación mantendo o emprego. Así, a ruta «A mel e os seus beneficios» iníciase cunha visita a unha empresa produtora quiroguesa, e a unha alvariza, ó tempo que se dan a coñecer as propiedades do mel da zona de Quiroga. A continuación, proponse visitar o Museo Etnográfico de Quiroga, e rematar a ruta cunha comida típica nalgún dos restaurantes da contorna. Como complemento, o visitante pode disfrutar de varios elementos do patrimonio cultural e natural, e incluso pernoctar nos establecementos da zona.

CAMIÑAR ENTRE VIÑEDOS

Os segredos mellor gardados da tradición vitivinícola da nosa provincia poden descubrirse a través da ruta «Percorrendo a pé a Ribeira Sacra», un itinerario que transcorre polos municipios de Chantada e O Saviñao. A ruta comeza botándose a andar cunha actividade de sendeirismo nas proximidades de Chantada, organizada por unha empresa local. Un autobús leva ós visitantes ó punto de arranque do percorrido, que se prolonga entre 15 e 20 quilómetros, durante aproximadamente 4 horas de camiñata pola ribeira do Miño, acompañados por un monitor-guía e un coche de asistencia que vai co grupo en todo momento. A andaina remata cunha visita guiada e cata de viño nunha adega chantadina que elabora uns dos mellores viños da Denominación, e que conta con espectaculares miradoiros ós canóns do Miño. A continuación, o grupo dirixirase a unha adega rústica onde se pode degustar un menú especial. Existe a posibilidade de realizar visitas complementarias ó entorno patrimonial e natural, como o Ecomuseo de Arxeriz, ou percorrer os canóns do Miño a bordo dun catamarán.

A cultura do viño está presente nas catro Rutas Gastronómicas de enoturismo do sur de Lugo. Arquivo EC.

TRADICIÓNS E GASTRONOMÍA EN QUIROGA

A produción artesanal do viño e do aceite que aínda persisten en zonas do sur lucense é o eixo da ruta «Quiroga e o seu legado artesanal», que comeza na aldea de Bendilló, coa visita ó seu singular muíño de aceite, e a contemplación da ampla extensión de oliveiras que producen este aceite tan especial. A continuación, o grupo visitará unha adegas que elabora aceite de oliva extra, e disfrutar dunha degustación. Dentro desta ruta, recoméndase a visita guiada ó Museo Etnográfico de Quiroga, na capitalidade municipal, para coñecer os aparellos e a maquinaria que se empregaba noutros tempos para a produción do viño, aceite, téxtil e outras actividades artesanais. Ademais, recoméndase disfrutar dun xantar nun dos restaurantes da zona, disfrutar de deportes de aventura aproveitando a orografía quiroguesa, e visitar o Museo Xeolóxico de Quiroga, único en Galicia.

A elaboración artesanal do aceite en Bendilló, no municipio de Quiroga, é un dos atractivos da ruta “Quiroga e o seu legado artesanal”. (Foto esquerda: Arquivo EC).

ACHEGAMENTO Á TERRA DO VIÑO

Monforte de Lemos, Sober e Pantón, así como os canóns do Sil son os protagonistas da ruta «Recuperando variedades autóctonas de uva nos bancais do Sil». A ruta iníciase cunha visita a unha adega da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, onde se amosará un vídeo explicativo sobre a singular viticultura desta zona, e se disfrutará dunha cata de viños. O propio adegueiro amosará os viñedos ós visitantes, e as particularidades das uvas cultivadas nesta zona. A continuación, os participantes realizará un tour guiado en catamarán polos canóns do Sil, para observar as características dos bancais que explican o porqué da coñecida como “viticultura heroica”. A xornada completarase cunha comida nun restaurante local, e cunha serie de opcións lúdicas e culturais, como a visita ó Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte, ou nesta mesma vila, ó Mosteiro Benedictino de San Vicente do Pino, a Torre da Homenaxe e o Pazo Condal, así como ó Museo do Ferrocarril. Os visitantes tamén poden achegarse ó Mosteiro Cisterciense de Ferreira de Pantón, e as diversas igrexas románicas que se concentran neste término municipal.

A ruta «Recuperando as variedades autóctonas de uva nos bancais do Sil»ofrece a posibilidade de disfrutar das paisaxes do viño nunha viaxe en catamarán. Arquivo EC

POTENCIAR A ACTIVIDADE ECONÓMICA E XERAR RIQUEZA NO RURAL LUCENSE

As catro Rutas Gastronómicas que a Deputación de Lugo ven de deseñar no sur da provincia teñen como obxectivo o aproveitamento dos recursos naturais para xerar riqueza e, con isto, fixar poboación no rural.Neste sentido, a implicación dos establecementos situados na contorna de cada roteiro enriquece a oferta de actividades propostas, ó tempo que dá a estas empresas a posibilidade de potenciar a súa actividade. A ruta “O mel e os seus beneficios” involucra a 6 establecementos hostaleiros, 4 restaurantes e 3 produtores, mentres que a de “Quiroga e o seu legado artesanal” vincula a 9 empresas que dan traballo directo a 22 persoas. Asimesmo, “Recorrendo a pé a Ribeira Sacra” implica a 8 aloxamentos, 8 restaurantes e 9 adegas, cun total de 70 traballadores. Pola súa banda, son 37 as empresas involucradas na ruta “Recuperando as variedades autóctonas”, cun total de 210 traballadores.

O patrimonio monumental das terras que atravesan as catro Rutas Gastronómicas do sur de Lugo, como o Mosteiro de Ferreira de Pantón, conxuga unha atractiva oferta cultural para os participantes nestes itinerarios. (Foto inferior: Arquivo EC.)

Os propios empresarios amosan as súas expectativas positivas cara as Rutas Gastronómicas. Diego Vázquez, de Casa de Maside, cualifica esta iniciativa como “muy positiva, xa que os visitantes xeran gasto e riqueza alí onde van”, e confían en que atraian “moito público” a esta zona. Óscar González, da adega Via Romana, coincide en que “todo o que se faga está ben”, sobre todo tendo en conta o potencial da nosa provincia; “estes días tivemos uns visitantes de Palencia, que nos dicían: “No sabéis lo que tenéis”, falando da nosa gastronomía”, explicaba González, que apunta á importancia de “saber vender ben o bo que temos”. Paisaxe e gastronomía son, para Manuel Macía, de Mel Rural, dous “puntais” para dinamizar esta zona. “Á xente gústalle ver cousas e comer ben, e como somos cómodos hainos que guiar e ofrecer visitas xa trazadas”. Pola súa experiencia no extranxeiro, Macía lembra o éxito que iniciativas similares tiñan en Suiza hai xa 30 anos; “aquí levamos un gran retraso neste sentido, pero máis vale tarde que nunca”.

A repercusión que estas Rutas Gastronómicas poden ter na dinamización do rural non é menor; “para nós, isto sírvenos para facer marca, para darnos a coñecer a máis xente”, precisa o responsable da adega Via Romana. “Cremos que pode funcionar, porque a Ribeira Sacra está pegando forte e hai moito que facer”, indican dende Casa de Maside. “Estas iniciativas axudan a que a xente poida gañar a vida aquí, sen ter que emigrar; aquí pódese vivir moi ben”, suliña o produtor de mel, que advirte de que “se non se fai nada, dentro duns anos estará todo abandonado”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha dende decembro o servizo de consulta médica por teléfono en Atención Primaria

Seguinte Nova

Firma do convenio entre Deputacións e Consorcio de Turismo para impulsar a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: