Firma do convenio entre Deputacións e Consorcio de Turismo para impulsar a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

•As Deputacións de Lugo e Ourense firmaron o convenio, ó que se sumou o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra •É un convenio aberto ós concellos, asociacións e colectivos

O conselleiro de Cultura expresou o apoio da Xunta de Galicia a esta candidatura

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, xunto co presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, logo da firma do convenio de colaboración para o impulso conxunto da candidatura da Ribeira Sacra. GPDL.

O 14 de decembro tivo lugar no Mosteiro de San Pedro de Rocas, no municipio ourensán de Esgos, a firma do convenio de colaboración entre as Deputacións de Lugo e Ourense e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra para o impulso conxunto da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O acto de sinatura contou coa presencia do Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, o Conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez Abad, e varios alcaldes da Ribeira Sacra.

UN PASO MÁIS NUN TRABALLO DE DOUS ANOS

A firma deste convenio supón un chanzo máis na recuperación do impulso a esta candidatura, como xa fixera público o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, no seu discurso de investidura do segundo mandato provincial en 2011. Este «compromiso persoal» de Besteiro materializouse en diversos encontros que o organismo provincial mantivo nestes dous anos cos promotores das candidaturas exitosas da Torre de Hércules e a Muralla de Lugo, e con destacados colectivos da zona. Recentemente, o presidente propuxo ó Pleno provincial unha moción para impulsar esta candidatura, pedindo o apoio das dúas Deputacións implicadas, dos 21 concellos da demarcación, da Xunta de Galicia e do Goberno central, moción que foi finalmente aprobada. Días despois, o 7 de outubro, os mandatarios provinciais de Lugo e Ourense acordaron, nun encontro mantido en Monforte de Lemos, traballar de xeito conxunto a prol desta candidatura, e xa en novembro a Deputación de Lugo elaborou e remitiu á Deputación de Ourense un protocolo de colaboración previo ó convenio que se firmou definitivamente o 14 de decembro.

BESTEIRO: «ESTE CONVENIO ESTÁ ABERTO A MÁIS INSTITUCIÓNS E ENTIDADES, PORQUE SÓ O TRABALLO CONXUNTO NOS LEVARÁ Ó ÉXITO»

«Conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco é un reto colectivo, no que ninguén de nós é máis importante que os demais», suliñou Gómez Besteiro trala sinatura do convenio en Esgos, que insistiu en que este documento está aberto á suma de máis institucións e entidades «porque só o traballo conxunto nos levará ó éxito».

O conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez Abad, acompañado dos presidentes das Deputacións de Lugo e Ourense, José Ramón Gómez Besteiro e Manuel Baltar, así como do presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e alcaldes dos 21 concellos da Ribeira Sacra, logo da firma do convenio que tivo lugar en Esgos. CCE.

ROBERTO CASTRO, TENENTE DE ALCALDE DE RIBAS DO SIL: “OS CONCELLOS SOMOS MAIORES DE IDADE, TEMOS IDEAS E DEBEN SER ESCOITADAS NUNHA INICIATIVA QUE NOS VAI AFECTAR”

Gómez Besteiro anunciou que iniciará unha “intensa axenda” para manter contactos con municipios e asociacións da zona, co obxectivo de sumar novas incorporacións a este convenio. Neste sentido, diversos alcaldes defenderon o dereito dos Concellos a ter sinatura neste convenio, como é o caso do Concello de Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Castro Caldelas ou Ribas do Sil. O tenente de alcalde deste municipio, Roberto Castro, afirmou que “os asinantes deste convenio deben ser tamén os Concellos, como manifestación de forza e de implicación nesta iniciativa”. “Todos estamos no mesmo barco, e a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade é algo moi importante, algo que marcará un antes e un despois neste territorio”, precisou Castro. “Os Concellos somos maiores de idade, temos ideas e deben ser escoitadas nesta iniciativa”, defendeu. En relación a este tema, o tenente de alcalde de Ribas do Sil criticou “a prepotencia” da Deputación de Ourense á hora de acudir á sinatura do convenio para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra. “Ademais de impoñer moitas condicións, a Deputación de Ourense vetou ós Concellos, argumentando que xa estaban representados polo Consorcio de Turismo”, explica Roberto Castro. “Claro que debe estar o Consorcio na sinatura do convenio, pero este organismo só representa ós Concellos no turístico, e isto é algo máis amplo que terá repercusións en moitas áreas, cuxas competencias son dos Concellos”, precisou Castro, quen ademais apuntou que o Consorcio como organismo é “moito máis feble” que os Concellos, xa que a supervivencia deste ente turístico “depende do que cada ano aporten os 21 concellos dos seus orzamentos, da aportación anual da Deputación de Lugo, da pequena achega da Dirección Xeral de Turismo, e do que debería tamén aportar a Deputación de Ourense, aínda que leva dous anos sen achegar nada”. Castro lamentou que este organismo “estea enganando ós alcaldes e ó Consorcio, cando comprometeu uns cartos xa hai dous anos, e nos seus Orzamentos de 2014 non hai partida ningunha para este concepto”.

Máis de 6.000 sinaturas recollidas na campaña itinerante promovida pola Deputación de Lugo, e que en xaneiro iniciará o seu percorrido por Galicia e España. (Foto: GPDL).

O CONSELLEIRO DE CULTURA DESTACOU “O VALOR UNIVERSAL E EXCEPCIONAL” DA RIBEIRA SACRA

No acto de sinatura deste convenio en Esgos, o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez Abad, manifestou a vontade da Xunta de Galicia de apoiar e asesorar tecnicamente os traballos de estudo e elaboración da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, “coa finalidade de axudar a realizar un documento solvente, completo e cientificamente viable para obter os mellores resultados neste camiño que agora se retoma”. O conselleiro destacou o “valor universal e excepcional” da Ribeira Sacra “do que todos os galegos e galegas somos sabedores e estamos convencidos”, e felicitou ás Deputacións, institucións e entidades pola “suma de vontades e o impulso conxunto que supón esta sinatura”.

O CALENDARIO DE GALICIA 2014 ADICA A PORTADA Ó CABO DO MUNDO, EN APOIO Á CANDIDATURA DA RIBEIRA SACRA A PATRIMONIO DA HUMANIDADE

O presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, acompañan ó editor do Calendario de Galicia e autor das fotografías, Eduardo de Martís, na presentación celebrada na Abadía da Cova. (Foto cedida)

• A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade recibiu o singular apoio do Calendario de Galicia 2014, que abre a súa portada cunha fotografía do Cabo do Mundo. O editor desta publicación e autor das fotografías, Eduardo de Martís, explicou que esta portada “pon en valor a paisaxe da Ribeira Sacra e o que ten arredor, como o enoturismo, rutas fluviais, natureza e gastronomía”. Na presentación do Calendario de Galicia 2014, que tivo lugar o día 12 na adega Abadía da Cova o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, declarou que este novo apoio é “un paso máis” cara o obxectivo da declaración como Patrimonio da Humanidade. O feito de que o Calendario de Galicia inclúa dúas fotografías da Ribeira Sacra foi valorado por Armesto como un “orgullo”, xa que “patrimonio, paisaxe e gastronomía son as tres pezas claves que definen este territorio, e son as tres pezas que recolle este calendario”. Pola súa banda, o presidente da Denominación de Orixe, José Manuel Rodríguez, destacou que a portada do Calendario sexa, precisamente, un dos “iconos” da Ribeira Sacra. O Calendario ten unha edición de 4.000 exemplares, e dada a boa acollida, tiraranse 2.000 máis.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Enoturismo, paisaxe, cultura e ocio activo, os eixos das Rutas Gastronómicas que se desenvolverán no sur de Lugo

Seguinte Nova

EL GORDO DE LA LOTERÍA DEL NIÑO CAE INTEGRAMENTE EN MONFORTE

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: