Seguen os traballos de acondicionamento en diversos núcleos do sur de Lugo

Dentro do Plan provincial de Axudas ó Medio Rural

Sonsoles López Izquierdo, deputada de Medioambiente e Enerxías Renovables, visitou as actuacións realizadas para construír un depósito de auga na parroquia de Touville, no municipio de Láncara. GPDL.

A Deputación de Lugo segue a financiar diversas actuacións en núcleos poboacionais dos municipios do sur lucense, dentro do Plan de Axudas ó Medio Rural. Este mes de decembro están a rematar as obras de acondicionamento en varias parroquias da comarca de Sarria, traballos que responden ás demandas dos veciños e que son financiados ó 100% polo Plan desenvolvido dende a Deputación de Lugo. O obxectivo destas axudas é, según explicaron os responsables provinciais, potenciar o sector primario financiando obras de mellora en canto a espazos de traballo agrícolas e gandeiros, e tamén de infraestruturas como accesos a núcleos poboacionais, traídas de auga, arranxo de locais sociais ou depósitos de auga para extinción de incendios, entre outras actuacións.

ARRANXO DE CAMIÑOS, DEPÓSITO DE AUGA E DOTACIÓN DE SERVIZOS SANITARIOS, AS MELLORAS REALIZADAS NA COMARCA DE SARRIA

Neste sentido, a deputada provincial de Medioambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, visitou a comezos de decembro as obras realizadas en diversos puntos da comarca de Sarria, realizadas con cargo ó Plan de Axudas ó Medio Rural da Deputación. López Izquierdo comprobou o resultado dos traballos de construción dun depósito de auga na parroquia de Touville, no concello de Láncara, e que dará servizo a máis de 200 veciños, e visitou ademais a parroquia de Friolfe, no concello de O Páramo, onde se mellorou a dotación de servizos sanitarios, beneficiando con esta obra a preto de 80 veciños. Outras actuacións financiadas polo Plan de Axudas ó Medio Rural foron realizadas en Vilar de Lamas, no municipio de Sarria, coa mellora de diversos camiños rurais que dan servizo ós habitantes desta parroquia e das limítrofes, e o acondicionamento de camiños nas parroquias de Bardaos e Vilasouto, que suman entre as dúas máis de 150 veciños, no municipio de O Incio. En conxunto, estas actuacións beneficiaron a máis de 500 habitantes do ámbito rural da comarca de Sarria.

PRETO DE 30.000 EUROS INVESTIDOS EN SEIS OBRAS NA COMARCA SARRIANA

Para financiar estas seis obras, o Plan de Axudas ó Medio Rural dispuxo dunha partida de preto de 30.000 euros. Sonsoles López Izquierdo destacou «a importancia destas pequenas actuacións que melloran substancialmente a calidade de vida dos veciños», que en moitas ocasións non poden levar a cabo por si mesmos e que contan «como única axuda a que lle presta a Deputación de Lugo financiando o 100% da contía solicitada». López Izquierdo lembrou que as aportacións provinciais con cargo a este Plan cubren ata un máximo de 6.000 euros por solicitude, e que permitiu a preto de 60 colectivos de todos os puntos da provincia de Lugo levar a cabo obras de pequena entidade. O Plan de Axudas ó Medio Rural está dotado con 300.000 euros.

ACTUACIÓN EN TRIACASTELA

Ademais, a financiación provincial permitiu que no municipio de Triacastela, a comunidade de montes veciñais en man común de Queixadoiro acometese a mellora do firme do chamado camiño vello de Louzarela, cunha aportación da Deputación de Lugo de 6.000 euros, con cargo ó Plan de Axudas ó Medio Rural.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Premio ó “Rap Rosalía de Castro”, dos alumnos do IES Daviña Rey Diego Castro e Juan Casal

Seguinte Nova

Sober aprobou uns Orzamentos para 2014 de 1,7 millóns de euros

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: