O concello de Sober aprobou este mes, co voto a favor do equipo de Goberno e coa abstención do PSOE e BNG, os Orzamentos para 2014, que ascenden a máis 1,7 millóns de euros, cifra que supón un incremento de 300.000 euros respecto do ano anterior. Según explicaron dende o Goberno local, estes Orzamentos priorizan o gasto social e a redución da contía destinada a persoal, e inclúen un incremento das inversións reais, dende os 179.000 euros investidos o ano pasado ata os 389.000 euros previstos para o ano próximo. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, precisou que estas contas, “absolutamente realistas”, serán remitidas antes do 31 de decembro, “tal e como marca a Lei”.
MENOS GASTO EN PERSOAL
O capítulo destinado a persoal segue baixando respecto a anos anteriores. Redúcese ata os 716.000 esta partida, a pesar de reservar 15.000 euros para a posta en marcha dun plan de emprego municipal destinado a mozos e mozas de Sober menores de 30 anos.
MÁIS GASTO SOCIAL
Dende o Concello precisaron que o equipo de Goberno de Sober está a apostar polo gasto social, destinando 400.000 euros o vindeiro ano. Esta partida abrangue os gastos relacionados coa axuda a domicilio, que integran 10 auxiliares, traballadora social, educadora de familia e técnica sociocultural, así como as dúas profesoras e a educadora do Punto de Atención á Infancia, a Escola Municipal de Música e o mantemento de servizos do Centro de Saúde, o CEIP, a gardería e o Centro Sociocultural. Esta partida inclúe tamén a Biblioteca Pública Municipal, o servizo de teleasistencia e as axudas ao transporte universitario, “que a maioría de concellos suprimiron”.
REDUCCIÓN DO GASTO CORRENTE
O gasto corrente no Concello de Sober tamén se reduce en 2014, ao pasar do 34% ao 31,8% do Orzamento, en total 553.000 euros. Esta partida inclúe gastos en telefonía, facturas de Gas Natural Fenosa, alumeado, recollida do lixo ou o contrato coa empresa Deplat para actualizar o catastro municipal.
“A SUBA DE SOGAMA NON REPERCUTIRÁ NO PETO DOS VECIÑOS”
Luis Fernández Guitián anunciou no Pleno dos Orzamentos que o Concello de Sober asumirá a totalidade da suba do canon de Sogama, “que non repercutirá no peto dos veciños”.
OS ORZAMENTOS INCLÚEN MÁIS INGRESOS
O alcalde de Sober anunciou tamén un incremento das transferencias correntes procedentes do Estado e da Xunta, por valor de 1.005.432 euros. A recadación derivada de impostos indirectos suporá 409.000 euros, mentres que en taxas, prezos públicos e outros ingresos chegarase ós 267.500 euros, como consecuencia do aumento da recadación por taxas de lixo e auga.
APOIO Á RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO MUNDIAL
A Corporación de Sober aprobou por unanimidade unha moción na que se acorda impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Con este fin, o Concello de Sober dirixirase ó Goberno central e autonómico para que poñan en marcha os procedementos correspondentes para a súa formalización, así como para a súa promoción ante o comité da Unesco.
COMISIÓN PARA O DESLINDE
No último Pleno do Concello de Sober tamén se aprobou por unanimidade nomear unha comisión municipal, formada polo alcalde, un concelleiro de cada grupo con representación no Concello, dúas persoas da parroquia de Neiras coñecedoras da zona e un perito, para iniciar o expediente para o deslinde entre Sober e Monforte. Luis Fernández Guitián sinalou que, unha vez sexan remitidas polo Instituto Xeográfico Nacional as actas de deslinde e cadernos de 7 e 10 de setembro de 1934, iniciarase un novo deslinde in situ ao que tamén se citará ao Concello de Monforte. “Despois de 80 anos imos resolver o conflito pola vía máis lóxica e legal”, precisou o rexedor soberino.•