Iniciativa veciñal en O Saviñao
O mapa das localizacións megalíticas do sur de Lugo acaba de conseguir un novo impulso na súa definición, da man da iniciativa veciñal. O pasado 3 de xaneiro colocábanse dous sinais de madeira que completaban o conxunto de indicacións para facilitar as visitas ó dolmen de Abuíme, no municipio de O Saviñao. Deste xeito, a colocación destes dous fitos informativos viña a culminar o traballo desenvolvido dende a Asociación Veciñal de O Saviñao, que adquirira o compromiso de traballar para recuperar este importante conxunto patrimonial da Ribeira Sacra delimitando unha ruta de acceso.
INTENSO TRABALLO VECIÑAL PARA ACADAR OS PERMISOS DE ACCESO E A IMPLICACIÓN INSTITUCIONAL
A Asociación Veciñal de O Saviñao asumiu este desafío a pasada primavera, cando iniciou os contactos cos veciños propietarios dos terreos por onde se accede ó dolmen. Unha vez obtido o permiso de paso polas extremas das parcelas, realizouse a limpeza do entorno do dolmen. Os membros desta Asociación veciñal celebraron estes logros cunha visita popular ó monumento megalítico, no mes de agosto, á que acudiron 84 persoas, que tiveron a oportunidade de escoitar nunha breve charla in situ o porqué da importancia do dolmen de Abuíme. Xa en decembro, instaláronse nas estradas cinco sinais metálicos, aportados polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra a petición do Concello de O Saviñao, e os dous sinais de madeira aportados polo colectivo veciñal completaron o trazado dos accesos ó dolmen. Dende a Asociación Veciñal de O Saviñao cognratúlanse de «solventar unha débeda histórica, acadando a condición de visitable para un dos escasos monumentos megalíticos visibles na comarca e no conxunto da Ribeira Sacra».•