
O Camiño Francés foi a ruta xacobea escollida por máis de 151.000 peregrinos chegados a Compostela en 2013. Así o confirmou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na firma do convenio entre a Xunta e a Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés, polo que ambas entidades colaborarán nas tarefas de conservación e mantemento da ruta, así como na atención ó peregrino. A firma tivo lugar a finais de decembro na Casa do Concello de Paradela, coa presencia da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e os representantes locais dos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino.•