Na renovada Praza de Abastos
A renovada Praza de Abastos de Sarria acolleu en decembro o primeiro mercado temático, adicado ós produtos tradicionais da gastronomía do Nadal. Os consumidores que visitaron a praza de abastos disfrutaron dos diversos tipos de doces, viño, mel, queixos e pan nos stands do mercado temático, nos que se celebraron degustacións durante toda a xornada. Os visitantes tamén puideron facer as súas compras nos habituais postos de froitas, verduras e produtos de consumo habitual deste remozado recinto comercial.
AS PRAZAS DE ABASTOS, DINAMIZADORAS DO COMERCIO LOCAL
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, achegouse ata Sarria para coñecer de primeira man as novas instalacións da praza, e visitar os postos do mercado temático, acompañada polo alcalde, José Antonio García, e varios membros da corporación local. Arias valorou “o importante papel que desempeñan as prazas de abastos para dinamizar o comercio de proximidade” das vilas, ofrecendo “produtos de calidade e un servizo máis personalizado para os clientes”.
ESFORZO DO CONCELLO PARA REMOZAR A PRAZA DE ABASTOS
A delegada territorial da Xunta en Lugo destacou o impulso realizado nos últimos meses polo Concello para a renovación da praza de abastos de Sarria, na que, ademais dunha mellora das súas instalacións, incrementouse o número de postos existentes. Neste sentido, Raquel Arias animou aos veciños a realizar tamén as súas compras na praza e fixo fincapé nos máis xoves, para que poidan valorar as vantaxes que posúen este tipo de comercios.•