Organizada polo club Running Sarria e o Concello de Sarria, a carreira popular celebrada o día de San Silvestre contou con 158 participantes

Un total de 158 corredores de todas as idades despediron o ano a bo ritmo na Milla Urbana, tradicional carreira celebrada en Sarria o 31 de decembro. Esta carreira popular, organizada polo club Running Sarria e o Concello de Sarria, coa colaboración de MicSport, Ábaco Sistemas Informáticos, Fisioterapia Sarria, Peregrinoteca e Queserías Sarrianas, partiu ás seis da tarde da Rotonda de Samos, e rematou na Estación de Renfe, nun percorrido de 1.609 metros caracterizado polo frío e a choiva. Nesta edición, os participantes contaron cun chip para rexistrar a súa marca individual, e foron agasallados cun aperitivo no acto de entrega de premios.
MELLORES MARCAS CONSEGUIDAS NA COMPETICIÓN ABSOLUTA
Os vencedores absolutos foron, na categoría masculina, o lucense José María Díaz Díaz, do club Jimbarán Runnning, cun tempo de 4.43 minutos, seguido do monfortino Gerardo Martínez de Castro, cun tempo de 4.50, e do ourensán Jorge Vázquez Iglesias, cunha marca de 4.56. En mulleres, a gañadora absoluta foi a lucense Iria Castro Rodríguez, do club Ría Ferrol, cun tempo de 5.24 minutos, seguida pola lucense Nerea Martínez Casanova, con 5.39, e da monfortina Belén Mora Núñez, cunha marca de 5.40.
GAÑADORES ATA 9 ANOS
Na categoría de participantes ata 9 anos na modalidade masculina, subiron ó podium os sarriáns Gonzalo Cerviño Díaz, Saúl Fernández Fernández, da Agrupación Deportiva La Merced, e Pablo Parga Díaz; o cuarto posto foi para o sarrián Fabio Vilaro Vázquez, da Agrupación Deportiva La Merced, e o quinto para Héctor Corujo Muíña, de O Incio. Na mesma categoría de idade, na modalidade feminina, as corredoras sarrianas coparon a clasificación, xa que os tres primeiros postos foron para Antía Fernández López, do Colexio La Merced, Abril López Vila, e Daniela López Fernández, do Colexio La Merced, mentres que o cuarto posto foi para Eva Vilaro Vázquez, tamén da Agrupación Deportiva La Merced, e o quinto para Sara López González.
PREMIOS DE 10 A 14 ANOS
Na modalidade masculina desta franxa de idade, subiron ó podium o monfortino Ramón González Vázquez, Pablo Soto López, e o sarrián Andrés Dono Arias. O cuarto posto foi para Joaquín Vázquez, e o quinto para Diego Porral López, ambos de Sarria. Na modalidade feminina, o podium estivo composto pola monfortina Belén Mora Núñez, a lucense Lucía López Iglesias, e a sarriana María Carmen González Jaramillo. O cuarto posto correspondeu á lucense Carlota Irimia López, e o quinto para a monfortina Carmen Martínez Téllez.
CLASIFICACIÓN DE 15 A 18 ANOS
Os primeiros postos desta categoría na modalidade masculina foron para o lucense José María Díaz Díaz, do club Jimbarán Running, o monfortino Gerardo Martínez de Castro, e o sarrián Alejandro Vázquez López, do Club Deportivo Lugo. En cuarto lugar rematou a proba o monfortino Alejandro Díaz Pérez, e en quinto lugar o sarrián Roi López López. Na modalidade feminina, o triunfo foi para a lucense Nerea Martínez Casanova, e o podio completouse co segundo posto de Iria Arias Veleiro, de Aravaca.
PODIUM NA CATEGORÍA DE 19 A 40 ANOS
Na modalidade masculina, os vencedores nesta categoría foron Jorge Vázquez Iglesias, do club Esprintes Ourense, Iván Cruz Soto, de Aranga, e o lucense Francisco López López, do club Centro Consultor Asociado-Osyfic Ismael Carballo. O cuarto posto foi para David Cruz Soto, de Aranga, e o quinto para Diego Moreiras González, de Lugo. Na modalidade feminina, subiron ó podium a lucense Iria Castro Rodríguez, do club Ría Ferrol, Tamara Rozas Chouseiro, de O Corgo, e Julia Castro García, de Portomarín, pertencente ó clube Acade. A lucense Marta Otero Rodríguez, do club Rábade Corre Con Vós, obtivo o cuarto posto, e o quinto lugar foi para a sarriana Natalia Suazo Rodríguez.
PRIMEIROS CLASIFICADOS NA CATEGORÍA VETERÁNS
Os vencedores na categoría de 41 anos en adiante foron, na modalidade masculina, o lucense Luis Martínez Valiño, José Manuel Fernández Sangiao, do club Verxel Nutrición Deportiva de Lugo, e Xosé Antón Barreiro Pereira, de Santiago de Compostela. O corredor do Running Sarria Juan Carlos Díaz López acadou o cuarto posto, e quinto lugar foi para o monfortino José Antonio Orozco Vázquez, do club de atletismo A Gándara. Na modalidade feminina, subiron ó podium a sarriana María Carmen Jaramillo García, a monfortina Carmén Expósito Fernández, polo club Atletismo Friol, e a monfortina Sandra Téllez Carro, do club atletismo A Gándara. Pola súa banda, as sarrianas María Luisa Castro López e Mónica López López acadaron o cuarto e quinto posto, respectivamente.
MONFORTE ACOLLERÁ A GALA ANUAL DO ATLETISMO GALEGO O DÍA 24 DE XANEIRO
A Federación Galega de Atletismo ven de escoller á cidade do Cabe como sede para a celebración da Gala anual do Atletismo Galego 2013. Este evento terá lugar o venres 24 de xaneiro, ás oito da tarde, no salón de actos do Edificio Multiusos de Monforte. Na gala, os atletas, entidades e organismos máis destacados durante a tempada 2012-2013 recibirán as distincións que recoñecen os méritos acadados polo seu traballo e rendemento nesta disciplina deportiva.•