A sorte da Lotería pousouse en Monforte

•O primeiro premio caeu íntegro na Administración número 3 de Monforte, situada no barrio da Estación •A cidade vai despertando do impacto da Fortuna con calma e serenidade •Comerciantes e hosteleiros confían en que este pellizco da sorte repercuta moi favorablemente e a medio prazo na economía local

De ben nacidos é ser agradecidos: Loli Láinez, da administración número 3 de lotería de Monforte, amosa un «moucho da sorte» de Sargadelos, regalo dunha clienta agradecida por terlle vendido o primeiro premio do Sorteo de El Niño. EC.

O caprichoso paxaro da sorte pousouse en Monforte o día 6 de xaneiro. O primeiro premio da Lotería de El Niño deixaba unha chuvia de 120 millóns de euros, repartida dende a Administración de Lotería nº 3, situada no barrio da Estación e que convertía a esta deprimida zona no epicentro desta inesperada sacudida da Fortuna.

EMOCIÓN, AGRADECEMENTOS E AVALANCHA DE CLIENTES NA ADMINISTRACIÓN Nº 3

Aínda non pasara unha semana da noticia, e nesta oficina de Loterías da rúa Concepción Arenal non para de entrar xente. «Xa ves como se está movendo isto», comenta Loli Láinez, á fronte deste despacho da sorte que non para de ver «moitísimas caras novas» entre a clientela que case non a deixa falar. «Antes estabamos abertos ata as oito e media, e estes días temos que botar unha hora máis, da xente que temos», precisa unha Loli emocionada por ter repartido, tanto e tan ben, esta boa sorte. «A xente está máis alegre, nótase bastante», comenta a loteira, ó tempo que sinala cara unha estantería do seu despacho, onde está pousada unha gran bandexa de pasteis. «Está vindo xente a darnos as gracias, e incluso cun regaliño», como o moucho da sorte co que se fotografiou para este periódico, e que lle levou unha clienta agradecida ó día seguinte do sorteo.

No Oural, zona castigada polo declive da principal empresa da zona, recibiron con ledicia un «pellizco» do 2º premio da Lotería de El Niño. (Foto cedida).

O MAPA DA SORTE, EXTENDIDO POR MONFORTE E A SÚA CONTORNA

A manchea de millóns que trouxo o número 76.254 a Monforte esparexeuse por toda a cidade e a súa contorna. Ademais dos clientes particulares, moitos bares abonados como o Primeiro de Maio, en A Pobra do Brollón, ou o Bar Marcelino, en Sober, deron (e recibiron) un «pellizco» desta sorte. O centro neurálxico da fortuna estivo en Monforte, onde bares como Anduriña, Manhattan ou Capilla II fixeron que a partir do día 7 de xaneiro a vida dos seus clientes compradores de décimos sexa bastante máis levadeira. Pero a capital comarcal contou cun «punto quente»onde a sorte cumpliu con creces: o bar A Nosa Bodeguilla, situado no Campo de San Antonio, vendeu o décimo afortunado co premio especial de 40 millóns de euros. Suso, que rexenta a Bodeguilla, amosa as palmas das súas mans abertas «polas que pasou ese décimo», mentres afirma con diplomacia que «non sei quen o mercou e, aínda que o soubera, non o diría».

Sober recibiu a sorte no bar Marcelino, que repartiu 75 décimos dun número ó que levan abonados 11 anos. EC.

TODA UNHA CIDADE A ESPECULAR SOBRE OS GAÑADORES

As especulacións sobre a identidade do afortunado con esta suma case imposible flota no ambiente da cidade. Non hai conversa que non trate sobre os «novos» afortunados, aqueles dos que se vai sabendo que tiñan o décimo e que, dalgún xeito, son a envidia do resto do mundo. É o tema para falar na charcutería, nas tendas de roupa, no ximnasio ou na entrada dos colexios, unha resaca ambivalente según como se mire a cousa. “Non se pode negar certo mosqueo por ter tan cerca a oportunidade e non aproveitala”, comenta Domingo Novoa, comercial en Autos Lemos, situado a tres portais do bar Anduriña, onde a sorte lle tocou só ós que compraron.

En Autos Lemos xa se empezaba a notar movemento de ventas os primeiros días despois da chuvia de millóns. “Teño a mesa chea de pedidos”, explica Roberto Novo, comercial deste concesionario multimarca de Monforte, que recibiu “moitos clientes que veñen a cancelar financiacións e teñen intención de cambiar de coche”. EC.

COCHE E HIPOTECA, PRIMEIROS DESTINOS DO PREMIO GORDO

A pesares desta “non sorte”, en Autos Lemos xa están a notar o rebote da fortuna, en forma de pedidos que xa se acumulaban nas mesas dos comerciais a mesma semana do sorteo. “Xa viñeron varios clientes a cancelar financiacións que tiñan abertas dende hai dous anos, e manifestan intención de cambiar de coche”, explica Roberto Novo, comercial en Autos Lemos, quen está a detectar que os clientes declarados como gañadores da Lotería se están inclinando por mercar coches para os fillos, ou cambiar un segundo coche, “sobre todo utilitarios, polo de agora”. Roberto Novo, coa mesa repleta de pedidos, está seguro de que “se venderá bastante, sobre todo máis adiante, agora é pronto e a xente aínda está pensando como facer”. “O coche e a hipoteca van ser os dous impulsos da xente á hora de ver como usar este diñeiro”, apunta o comercial Domingo Novoa, que recomenda como opcións moi atractivas para os afortunados “o Ford Focus, que está en moi bo prezo e moi ben equipado”, ou o Ford Fiesta “se se quere un segundo coche”. “Estase mirando, polo de agora, vehículos de gama media-alta, se ve que a xente aínda está medindo as súas decisións”, conclúe Novoa. Acabar de pagar a hipoteca é unha das primeiras opcións para os que recibiron esta entrada de liquidez da man da Lotería. “Eu fun o primeiro en ir cancelala”, afirma Juan Carlos García, rexente do bar Capilla II, no que se venderon dez décimos gañadores, e no que despois do 6 xaneiro “vendemos moito máis do doble en lotería”.

Teresa González, gerente do Centro Médico-Estético Tempus, en Monforte, destacou a gran alegría con que se recibiu a noticia do premio en toda a cidade. “Incluso os que non tiñamos décimo, como é o meu caso, sentimos que, dalgún xeito, a lotería nos tocou a todos”. EC.

ALEGRÍA CONTIDA, PORQUE “A VIDA SEGUE IGUAL”

A euforia que trouxo a Monforte o premio gordo estase a quedar nisto, polo de agora: lotería agotada a primeira semana, movemento nos concesionarios e nas entidades bancarias. Fóra, na rúa, a xente participa á súa maneira desta historia, con ou sen décimo, pero “a vida segue igual”, según Carlos do bar Capilla II, que confía en que este premio lle repercuta positivamente ó comercio e á hostelería. “Monforte leva moitos anos sen nada, e a moita xente isto lle vai axudar”, explica. “O que vai cambiar é que os cartos que se destinaban ó mes á hipoteca ahora se poderán reservar para pequenos caprichos, algo para ir máis soltos”, comenta Suso da Bodeguilla, que recoñece que “este premio lle sacou un cravo de enriba a moitos”. O “estado de shock” ó que se refire Nati, rexente do Bar Marcelino en Sober, vaise diluindo co paso dos días, tratando de encaixar este golpe de sorte. “A clientela está máis contenta, pero tampouco se están botando a gastar”, explica Nati, que afirma que “hai que seguir traballando, sin parar”, a pesar do “pellizquito” que deixou a sorte en Sober.

A xeografía da sorte: calquer despistado pode identificar os bares de Monforte onde caiu o premio gordo pola singular publicidade que agora luce na barra, xunto ás tapas e os viños. Coches de alta gama e propostas de alta rendibilidade, e incluso algunha visita de responsables de importantes entidades financieiras. EC.

TAPAS E CAFÉS ENTRE PUBLICIDADE DE COCHES DE ALTA GAMA E DE PLANS DE RENDIBILIDADE

O Anduriña tamén segue aberto, coma sempre, con xente entrando e saíndo, algúns clientes habituais que se queixan a Libertad, a rexente do bar, de non ter comprado a sorte. «Estamos moi contentos polos que lles tocou, e tristes polos que quedaron sen el», explica. A parroquia continúa ó seu ritmo, «os clientes gastan igual que antes», pero o que sí se ve diferente é a ornamentación das barras do bar, como sucede en todos aqueles locais onde se repartiu a sorte. As tapas e os cafés tómanse entre increíbles folletos publicitarios de vehículos de alta gama e ofertas de rendibilidade para os que agora xa poden aforrar con gusto. Non falla: incluso nalgún local luce á entrada un cartel ben completo co que unha entidade financiera busca encandilar ós gañadores. Incluso veñen de fóra para captar a estes tentadores clientes. «Aquí xa viñeron tres bancos, e tamén un dos que non traballan con billetes pequenos», apunta Suso da Bodeguilla, en referencia á intensa pescuda comercial que están a desenvolver as firmas financieiras tralo rastro do gañador dos 40 millóns. É o olor do diñeiro, que chega a todas partes, por lonxe que estean.

A sorte con maiúsculas entrou pola porta de A Nosa Bodeguilla, emblemático bar do Campo de San Antonio, en Monforte, onde se vendeu o décimo premiado con 40 millóns de euros. «Ese décimo pasou polas miñas mans», explica Suso, que rexenta A Bodeguilla. EC.

DESPOIS DO 6 DE XANEIRO DE 2014, ¿HABERÁ UN MONFORTE MÁIS RICO?

Diñeiro chama a diñeiro, así reza o dito, e sobre esta base parece operar a mentalidade xeral nos días posteriores ó sorteo da Lotería de Reis. No Centro Médico-Estético Tempus de Monforte aínda se sinte a alegría que transmiten os clientes e achegados, «e que tamén sentimos os que non nos tocou», explica Teresa González, xerente de Tempus, «porque cada día vaste enterando de algunha persoa que foi premiada, e hai casos realmente emocionantes». Esta alegría axuda a todos, e anima á xente a tomar decisións fronte á nova situación de liquidez. «Tiña pacientes que estaban deixando a consulta por diñeiro», explica o doutor Plácido Castro, médico naturista no Centro Médico-Estético Tempus, e que suliña que «a miña lotería é que todo se reactive». «Estou convencida de que isto axudará a que Monforte saia antes da crise», apunta Teresa González, regalándonos con isto un excelente titular: «A lotería tocounos a todos». «Penso que a xente primeiro pagará a súa casa, ou axudará ós fillos e netos, porque hai moita xente maior que lle tocou o premio», suliña Nati, do bar Marcelino de Sober, que ten claro que a repercusión do Gordo de Reis «se notará máis adiante, porque a xente andará menos cohibida para gastar». «Que vai favorecer a todos este premio, está claro», afirma rotunda Rosa Iglesias, rexente de Cafés Conti, en Monforte. «Os días despois do impacto a xente aínda está recapacitando, supoño que o estarán notando máis os bancos», explica Rosa, confiada en que esta inxección de cartos do primeiro premio de El Niño fará «que todos vendamos máis, en todos os sectores», aínda que non será máis que un «empurronciño» que poderá reactivar un pouco ó pobo, «aínda que o diñeiro non cambia a mentalidade da xente». Sexa como sexa, Monforte de Lemos acaba de entrar na historia dos pobos con sorte. Na web oficial do Concello de Monforte recordan esta data cunha entrada na que se congratulan «de que a sorte visitase a centos de veciños e veciñas no pasado sorteo do día de Reis», ó tempo que desexan que «a súa boa estrela supoña un cambio para ben nas súas vidas», e que «a onda de optimismo que nos embarga nos dea forzas para encarar os proxectos comúns que desenvolveremos neste ano». Con idéntico optimismo, dende o sindicato UGT Lemos-Valdeorras confían en que «o regueiro de millóns de El Niño servirá para impulsar os sectores do automóbil, hostelería, comercio e construción», según explica Mario Docasar, vicesecretario xeral do sindicato, quen estima que o impacto do premio «creará sobre 400 empregos», o que baixaría nun 10% o paro na comarca. As expectativas son máximas no caso do voceiro socialista no Concello de Monforte, José Tomé, quen logo de felicitar ós afortunados, presentou unha moción instando ó Ministerio de Hacienda «a que invista na nosa cidade os 24 millóns de euros do imposto do 20% sobre os premios da Lotería en proxectos pendentes en Monforte». Agora só queda agardar a que estes desexos se fagan realidade neste ano que comeza.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Emprego e benestar social marcan as prioridades da Deputación de Lugo para este ano

Seguinte Nova

Obradoiros de Scrapbooking e de Entroido na Ludoteca de Quiroga

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: