Foro de opinión: ¿Cómo vai repercutir a redución do número de deputados no Parlamento galego sobre a representatividade da provincia de Lugo?

Políticos do sur de Lugo opinan sobre a medida que quere levar adiante o Goberno galego

Celebración dun Pleno no Parlamento de Galicia. (Foto: Parlamento de Galicia).

 

JULIA RODRÍGUEZ BARREIRA
PP
PORTAVOZ GR.MUN. PP MONFORTE E DEPUTADA POR LUGO NO PARLAMENTO DE GALICIA

 

OPINIÓN DE JULIA RODRÍGUEZ BARREIRA (PP), PORTAVOZ DO GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR EN MONFORTE, E DEPUTADA POR LUGO NO PARLAMENTO DE GALICIA

•Hai datos obxectivos que acreditan que a máxima “a maior tamaño, maior eficacia” non é necesariamente aplicable ás administracións públicas ou ós gobernos. De feito, cantas veces, o cidadán se ten sentido impotente fronte a unha engrosada estrutura administrativa que o obrigaba a peregrinar de xanela en xanela na busca dunha solución eficaz?

A redución de consellerías, delegados territoriais ou entes paralelos, que se practicou en Galicia dende o ano 2009, ten acreditado que é posible unha mellor xestión e goberno, cunha estrutura administrativa menor e unha organización máis racional dos recursos. Unha maior eficiencia que se traduce en menores custes, liberando recursos para poder dirixilos aos seus naturais destinatarios, os cidadáns.

A extensión desta optimización dos recursos ao Parlamento de Galicia, coa proposta de rebaixar o número de parlamentarios, é algo que permite o Estatuto de Autonomía de Galicia, pero ademais ven respaldado, polo apoio maioritario dos galegos, que, coñecedores deste compromiso electoral, depositaron a súa confianza no Partido Popular.

Unha proposta para a que se buscou, sen éxito, o consenso cos partidos da oposición. As cifras non sosteñen os argumentos que esgrimen de recorte da democracia ou interese electoral. Coa redución proposta non tería cambiado nin un só dos gobernos que tivo Galicia dende o inicio da democracia. E non existe recorte democrático na medida en que a redución se enmarca nos termos establecidos no Estatuto de Autonomía.

No que atinxe a Lugo, a proposta equipararía en maior medida a importancia dun voto entre as provincias máis poboadas e as do interior, e garantido o mínimo de 8 escanos por provincia, o sistema resultaría incluso máis xusto para a, cada vez menos poboada, zona sur. Preténdese reducir o número de deputados pero tamén a duración das campañas. Suporá un aforro de cinco millóns de euros por lexislatura moi útiles para seguir asegurando e incrementando servizos e prestacións os cidadáns, máxime no contexto económico actual. Cómpre analizar se a cidadanía comparte este tipo de axustes no ámbito parlamentario ou pola contra, as súas prioridades están postas nas liortas internas dos partidos sobre quen entra ou sae do Parlamento.

Pero, aínda que importante, non é esta unha cuestión que se deba limitar á análise económica. Sempre no marco do Estatuto de Galicia, sen que se vexa minguada a representación territorial ou poboacional nin a representatividade mesma do Parlamento e garantidos os fins propios da Cámara galega, como é o caso, unha posible reflexión estaría en analizar qué valoran máis os cidadáns, se a “calidade” ou a “cantidade” dos seus representantes, por suposto referida á representación que ostentan.

Nos albores do parlamentarismo, na Inglaterra do século XIX, o politólogo Walter Bagehot sinalou as condicións que esixía o réxime parlamentario: confianza dos electores, mentalidade nacional sosegada e racionalidade política. A confianza dos electores non virá, de certo, do número de electos senón da forma en que estes exerzan a súa representatividade; unha mentalidade nacional sosegada bótase de menos constantemente entre os grupos da oposición e a racionalidade política está lonxe de atoparse entre os que antepoñen os seus intereses partidistas fronte o interese xeral. Son estes elementos os que prestixian e dan altura as institucións parlamentarias e o Parlamento de Galicia en particular, e están moi por riba do número de parlamentarios que ocupen os seus escanos.•

 

VICENTE DOCASAR DOCASAR
PSdeG-PSOE
DEPUTADO POR LUGO NO PARLAMENTO DE GALICIA

 

OPINIÓN DE VICENTE DOCASAR DOCASAR (PSdeG-PSOE), DEPUTADO POR LUGO NO PARLAMENTO DE GALICIA

• O Parlamento de Galicia ten agora 75 deputados, igual que outras comunidades como o País Vasco, que sen embargo ten case 600.000 habitantes menos que a nosa comunidade. Coa redución a 61 que propón o goberno de Feijóo, só habería catro comunidades en todo o Estado que terían un menor número de deputados por habitantes. Isto supón un retroceso para os galegos, que estarían á cola de España, e un recorte á democracia. Xusto cando partidos como o PSOE estamos a implantar fórmulas como as primarias e tratamos de que os cidadáns escollan os seus representantes do xeito máis directo posible, para que a política cambie e se adapte ao que reclama a xente, o PP propón retroceder. É importante saber tamén que Feijóo aclare se queremos ser ou non unha comunidade histórica e que nos respecten e nos traten como tal, e para iso é imprescindible amosar respecto ás nosas institucións políticas e ao Parlamento.

Feijóo quere que o voto dos cidadáns teña menor valor e representación que agora, xa que coa súa proposta só se elixiría un deputado por cada 45.642 votos dos galegos, cando neste momento cada deputado representa 37.122. Por tanto, isto significa cada vez menor poder de decisión e representatividade para os cidadáns. Feijóo ten agora a maioría absoluta só co apoio do 24,5% dos galegos e galegas que poden votar. Con este recorte de deputados que propoñen, parece que queren blindar aínda máis esa maioría, que podería darse co apoio de só unha quinta parte do censo electoral.

É moi importante tamén desmontar o argumento do aforro que dá o PP, e que é totalmente falso. De feito, desde o PSdeG propuxémoslles manter o mesmo número de deputados, 75, co mesmo custo económico que terían 61, e negáronse. Igual que votaron en contra da proposta socialista de que os deputados cotizásemos por todo o noso salario, como fan todos os cidadáns. A realidade é que nós, os deputados do PSdeG, estamos dispostos a asumir estas medidas, e o PP non quere nin oír falar delas. É máis, estamos convencidos de que se pode acadar aínda máis aforro do que eles falan sen ter que recortar democracia.

Desde o PSdeG non falamos de redución de deputados sen máis, senón dunha reforma electoral para a que o noso secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, pediu ambición, pluralidade democrática e tamén consenso, como por certo lle esixiu o propio Feijóo en 2007 a Touriño. Agora Feijóo opina distinto no goberno que na oposición, e quere impoñer sen dialogar.

Hai medidas que deben debaterse como a redución dos gastos electorais, coa menor duración das campañas ou o aforro de 2 millóns de euros en cada proceso electoral só con eliminar o envío das papeletas aos fogares. Debemos camiñar tamén cara a listas desbloqueadas, dar máis facilidades para as iniciativas lexislativas populares e que a xente teña un acceso máis doado ao Parlamento, incrementar a transparencia e o debate ou implantar mecanismos de prevención da corrupción. Hai tempo para falar se quere facerse unha reforma con seriedade. Quedan tres anos para as seguintes eleccións autonómicas e non entendemos a urxencia do PP, a non ser que o que estean a facer é sacar este tema como cortina de fume para tapar outros que non lles interesan. Di o goberno de Feijóo que teñen que facelo porque o levaban no programa electoral. Que ben nos iría se quixesen cumprir o seu programa dun xeito tan rápido e estricto en temas como o emprego ou os servizos públicos.

Desde o PSdeG estamos dispostos ao diálogo, pero se a proposta do PP é como parece só recortar si ou si, a nosa resposta é non.•

 

PAULA VÁZQUEZ VERAO
ANOVA
RESPONSABLE DE ORGANIZACIÓN DE ANOVA E PORTAVOZ DE ANOVA SOBER

 

OPINIÓN DE PAULA VÁZQUEZ VERAO (ANOVA), RESPONSABLE DE ORGANIZACIÓN DE ANOVA E PORTAVOZ DE ANOVA SOBER

•A proposta do PP de reforma da Lei Electoral galega é unha cortina de fume que cambia todo para que todo siga (case) igual. A intención é reducir a importancia da Cámara de representación cidadá, minguar a representatividade, favorecer á forza máis votada e dificultar a aparición de forzas políticas novas. Esta medida non se xustifica polo “aforro”: reducindo en asesores do Presidente xa se descontaría a eliminación de escanos.

Modificar as regras de xogo democrático unilateralmente só pode ter como intención intentar gañar con leis o que xa se ten perdido na sociedade. Aínda que a nova reforma electoral non variaría substancialmente os resultados electorais obtidos coa actual, pois seguiría sendo igual de inxusta, si faría algo máis difícil o acceso das forzas políticas emerxentes. Ademais, ao reducir o número total de escanos beneficiará á forza máis votada á hora de atribuír os “restos” de votos a escanos, algo que pode ser decisivo en votacións con resultados axustados.

O sistema electoral vixente e a nova reforma do PP non son proporcional. A lei d’Hondt favorece ás forzas máis votadas, hai un fixo de escanos por provincia, teña a poboación que teña cada unha, e existe unha porcentaxe mínima de votos a acadar por circunscrición para poder obter representación (un 5% dende 1992). É dicir, é un sistema pensado para que as forzas minoritarias ou novas non poidan acceder ao Parlamento e usalo como caixa de resonancia das súas demandas e así non estar nas mesmas condicións que os grandes partidos, algo que se agudizaría coa reforma do PP.

Con esta norma, o PP só pretende desviar a atención dos graves problemas que as súas políticas provocan na cidadanía galega: a privatización da Sanidade, a perda de poder adquisitivo, o deterioro do ensino público… Sabendo que a maioría social está cada día máis agredida polas súas actuacións no goberno e que as enquisas no último ano fixeron caer ao PP en intención de voto, tratan de modificar a situación cunha medida tramposa: porque nin aforra nin aumenta representatividade. Pero, faga o que faga, o PP e os poderes financeiros aos que representa teñen perdida a maioría social e as vindeiras eleccións.

O nacionalismo galego debe defender unha lei electoral galega xusta na que Galiza sexa circunscrición única (ou ben cunha representación dos territorios acorde coa demografía), que cada voto valga igual, que o resultado das votacións reflicta con proporcionalidade pura o votado pola xente e que non sexa preciso acadar un mínimo de votos para obter representación.

Nun momento de creba de confianza nas institucións representativas non é tempo de negociacións sobre o número de escanos: hai que reformar de raíz a estrutura xurídico-política do Estado e que as cidadás e cidadáns protagonicemos un proceso constituínte onde elaboremos as nosas leis en base á democracia participativa. A nosa proposta para o pobo galego – plasmada no programa de AGE – é contribuír a un novo proceso constituínte “que recoñeza a plena soberanía de Galiza e o dereito á participación cidadá, que inclúa o referendo vinculante das leis ou o seu voto electrónico sen restrición de materia algunha” e unha nova “Lei Electoral xusta, que respecte os principios de pluralidade, proporcionalidade e representatividade.” A alternativa do PP é seguir afogando á maioría social e mantendo unha democracia que xa non é nin formal. A nosa alternativa é máis democracia e poder para a xente.•

 

RICARDO RODICIO GONZÁLEZ
BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
RESPONSABLE COMARCAL LUGO-SUL

 

OPINIÓN DE RICARDO RODICIO GONZÁLEZ (BNG), RESPONSABLE COMARCAL LUGO-SUL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

En relación á proposta de redución de escanos no Parlamento de Galiza, que o goberno do Partido Popular pretende aprobar cara á vindeira primavera alegando a necesidade de aforrar cartos, non deixa de ser unha nova proba da falta de seriedade e demagoxia da dereita gobernante.

Hai que ter claro que o suposto aforro é falso, xa que o millón de euros ao ano en redución de gastos representa menos do 0,01% dos orzamentos da Xunta. Se Feijoo quere aforro real debería suprimir o excesivo número de asesores, contratados a dedo, dos que se rodea. Tamén aforraríase eliminando @s deputad@s provinciais ou reestruturando o mapa institucional (supresión das deputacións, das subdelegacións do goberno, dos ministerios con competencias transferidas, do Senado…). Por outra parte, a reforma implica recortar en democracia (a representatividade vai ser menor) e tamén en autogoberno, xa que pasaremos a ser unha autonomía de segunda que dependerá cada vez máis de Madrid.

O que o Partido Popular realmente pretende con esta reforma é perpetuarse no poder. Ao reducir deputad@s muda as regras de xogo na metade do partido por medo a perder a maioría absoluta. Cun sistema xusto á hora de repartir @s deputad@s de cada grupo parlamentar, o Partido Popular perdería a maioría absoluta, porque só conta co 44% dos votos.

Canto á provincia de Lugo en concreto, a reforma electoral provocará que para obter representación sexa preciso un 7,35% dos votos. Perderase representatividade e o PP terá enorme vantaxe ao ser a forza maioritaria.

Fronte a esta proposta/trampa da dereita, desde o Bloque Nacionalista Galego ofrecemos propostas moito máis serias e equitativas, dirixidas a promover unha maior democracia. Avogamos pola desaparición da Lei D’Hondt, substituíndo este sistema de asignación de deputad@s por un método proporcional directo (evitando un incoherente exceso de representación ás maiorías). Propomos a supresión do 5% mínimo para contabilizar os votos (o que daría máis opcións a organizacións pequenas). Debería considerarse a desaparición dun mínimo de deputados/as por provincia (para evitar asimetrías no voto) e, ademais, promover debates nos medios de comunicación durante as campañas electorais.

En relación á provincia de Lugo, a nosa proposta fala de suprimir o mínimo de deputad@s por provincias, para que cada voto teña o mesmo valor. O PP posibelmente ataque isto por “reducir o peso de Lugo e Ourense”. Entendo que isto é falso por tres cuestións. Primeiro, que a provincia como modelo territorial non ten sentido en Galiza. Posibelmente un deputado da Mariña ten máis en común con Ferrolterra que cos Ancares. Segundo que a proposta do BNG non “ataca” Lugo e Ourense. Simplemente queremos que o voto galego sexa igualitario, para obter unha maior representatividade. E, para rematar, consideramos que asegurar mínimos de deputad@s por provincia non asegura políticas pensadas para ese territorio. Só hai que ver a configuración actual, onde o Parlamento non desenvolve medidas concretas para paliar os problemas (económicos, sociais, migratorios, territoriais…) que afectan especialmente ao territorio da Galiza oriental.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A sala de Hemodinámica e Cardioloxía intervencionista do HULA xa funciona a pleno rendemento

Seguinte Nova

Enrique Sampil Sánchez, presidente do Círculo Saviñao:“Animo ós saviñenses bos e xenerosos a que den valor a esta asociación cultural e recreativa”

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: